Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 10 de maio de 2021 Páx. 23363

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 30 de abril de 2021, o tribunal nomeado pola Resolución do 14 de setembro de 2020 (DOG núm. 188, do 16 de setembro), modificada pola Resolución do 23 de setembro de 2020 (DOG núm. 197, do 29 de setembro), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 225, do 26 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 60 e 69. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas 184 e 185. Acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta 159, sendo correcta a alternativa d). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtivesen unha puntuación mínima de quince puntos (15 puntos). Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, pola Resolución deste tribunal, do 24 de febreiro de 2021, pola que se dá publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que obtivesen un mínimo de 10 respostas correctas na primeira parte e 26 respostas correctas na segunda parte do exercicio (en ambos os casos unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un cuarto dunha pregunta correcta). As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Asignarase a valoración de 15 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada en 36 respostas correctas, sempre que se acaden os mínimos fixados para as partes primeira (10 respostas correctas) e segunda (26 respostas correctas) do exercicio, sen que sexa posible compensar os acertos que excedan unha parte cos que falten na outra. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Feita a corrección en sesión do 27 de abril de 2021, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de 664 aspirantes no conxunto de todas as quendas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1 no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria. Dado que todas as persoas aspirantes que superaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria superaron o exercicio, non procede asignar cualificacións de 0 a 15 puntos.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

Juan José Nieto Montero
Presidente do tribunal