Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 18 de maio de 2021 Páx. 24247

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI451B).

BDNS (Identif.): 563230.

De conformidade co previsto nos artigos17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS)
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.

Para os efectos desta resolución tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.

b) Que teñan cesado a relación de convivencia co seu agresor.

c) Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o IPREM vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.

2. As axudas recollidas na presente resolución recoñeceranse cando o traslado se producira con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019.

Segundo. Obxecto

Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación, se visen obrigadas a cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

Terceiro. Tipos de subvencións

Serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:

1. Gastos de desprazamento.

2. Gastos de transporte de mobiliario e enseres.

3. Gastos de aloxamento.

4. Gastos de gardaría e de atención a persoas dependentes.

Cuarto. Bases reguladoras

Resolución do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI451B).

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de corenta mil euros (40.000,00 €).

O financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2021.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2021.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade