Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 18 de maio de 2021 Páx. 24280

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2021 pola que se convoca a xornada A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a xornada A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

A recentísima aprobación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia abre un novo marco de posibilidades para o presente e mais o futuro do agro e do rural galego e obriga a un replanteamento en común das potencialidades, retos e repercusións en Galicia nos vindeiros anos. Os novos instrumentos, procedementos e medidas recollidos na norma galega van encamiñados á dinamización e á posta en valor do medio rural a través da fixación de poboación, á xestión do territorio para o uso agrícola, gandeiro e forestal, á recuperación e mellora da calidade de vida dos asentamentos rurais e á prevención activa dos lumes.

Segunda. Contidos

Nesta xornada trataranse, entre outros, os seguintes temas:

– A ordenación do territorio rural: mapa de usos agroforestais de Galicia, catálogo e catálogos parciais de solos agropecuarios e forestais, investigación da titularidade, etc.

– Os instrumentos de recuperación de terras agrarias. En particular, as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, e as agrupacións e actuacións de xestión conxunta.

– Os instrumentos de mobilización: os bancos de terras e o Banco de Explotacións.

Terceira. Persoas destinatarias

A xornada está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes instrumentais, da Administración local, de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

Terá preferencia na selección o persoal que preste servizos na Agader e na Consellería do Medio Rural.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 21 de maio de 2021.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 8 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

80 prazas.

O número de prazas presenciais convocadas vén determinado pola capacidade das aulas e é adaptado ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen (Administración autonómica para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, local, de xustiza, universitaria ou cidadanía, no caso de non ser persoal empregado público).

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na cal está integrada esta actividade (réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso a xornada A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

5. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata que se cubran a totalidade das prazas ofertadas.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación das solicitudes comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas dispoñibles, de acordo cos criterios establecidos no punto quinto desta convocatoria.

Novena. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización destas actividades.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Décimo segunda. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia for igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública