Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 21 de maio de 2021 Páx. 25169

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán o proceso de elaboración das listas propias desta axencia para a contratación temporal de persoal investigador e se abre o prazo de presentación de solicitudes en 2021 (código de procedemento MR325A).

O Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), configura a axencia con personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión, coa competencia, entre outras, para impulsar as actividades de I+D+i nos sectores agrario, gandeiro e forestal.

Para o cumprimento das súas funcións, a Agacal conta con distintos organismos públicos de investigación (OPI) e estacións experimentais, nomeadamente:

▪ Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo, A Coruña)-CIAM.

• Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón (A Pobra do Brollón, Lugo).

• Estación Experimental de Gandaría de Montaña do Marco da Curra (Monfero, A Coruña).

• Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño (Salceda de Caselas, Pontevedra).

▪ Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIFL).

▪ Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense)-Evega.

• Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Ribadumia, Pontevedra).

Son funcións da Axencia, no eido da investigación:

a) Determinar e canalizar as demandas científico-técnicas e analíticas do sector agrario e alimentario de Galicia, tendo en conta as súas necesidades, mediante procedementos eficaces de participación dos axentes socioeconómicos afectados nas distintas áreas de traballo.

b) Impulsar as actividades de I+D+i nos sectores agrario e alimentario de Galicia.

c) Asesorar a Consellería do Medio Rural nas funcións de coordinación da investigación en materia agraria.

d) Promover e executar os traballos de investigación nas materias agrícolas, gandeiras e forestais, tanto respecto das actividades de produción e transformación como respecto do cumprimento das boas prácticas agrarias e outros requirimentos dos procesos produtivos primarios nas explotacións gandeiras, de mellora xenética e sanidade agrícola, gandeira e forestal, as relativas á conservación dos recursos xenéticos, á ecoloxía e silvicultura das especies forestais, á propagación, prevención e defensa contra os incendios forestais e ao impacto das actividades do sector agrario sobre o medio. Para o cumprimento desta finalidade poderá solicitar recursos materiais e humanos que poidan ser asignados por calquera das administracións públicas no marco de plans de investigación e desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

e) Propiciar e facilitar a transferencia e a adopción dos resultados obtidos nas investigacións publicando e divulgando os resultados dos ensaios e proxectos de experimentación, así como a dirección e elaboración das estatísticas en materia agraria en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

f) Fomentar a introdución de sistemas de rastrexabilidade e, en xeral, desenvolver todo tipo de actividades que fagan progresar a tecnoloxía, a calidade e a competitividade do sector agroindustrial galego.

g) Establecer fórmulas específicas de recrutamento, formación e actualización do persoal investigador, nos ámbitos agrario e alimentario, así como as de intercambio e colaboración con outros centros de investigación rexionais, nacionais e internacionais.

h) Participar en institucións e foros nacionais e internacionais para a consecución dos fins da Axencia.

i) Promover ou participar directamente nas operacións concretas de desenvolvemento nas cales se dean as circunstancias de interese territorial ou estratéxico, insuficiente participación dos axentes socioeconómicos e a necesidade de estruturar ou reestruturar un ámbito produtivo vinculado ao sector alimentario e que lle sexan encomendadas.

j) Poñer en valor as distintas actuacións tecnolóxicas e investigadoras incluídas nos puntos anteriores ou as que deriven do acervo de coñecementos da Axencia, mediante as fórmulas adecuadas de divulgación ou comercialización, así como as de participación e implicación dos distintos subsectores nas actuacións propias, sen menoscabo das funcións de divulgación e promoción que neste ámbito poida desenvolver a consellería de adscrición.

k) Conservar o patrimonio xenético tradicional de Galicia das especies de produción agroforestal.

l) Promover a mellora xenética do material vexetal de produción agroforestal.

En materia de persoal, a Axencia rexerase polo disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de aplicación na materia; na Lei 2/2015, do 29 de abril, do empregado público de Galicia, e no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

O tráfico ordinario da xestión en materia de investigación insírese nunha activa cadea de relacións entre unidades científicas de distinta procedencia, nacional e internacional, que dan lugar a proxectos específicos financiados con fondos públicos ou privados. A actividade pública de investigación garante a atención a obxectivos de interese específico que dificilmente atoparían acomodo nun esquema exclusivamente privado. Porén, os organismos públicos de investigación (OPI) e as estacións experimentais non poden ausentarse das iniciativas de investigación aplicada xurdidas ao abeiro das redes existentes. Neste ámbito, os proxectos enfócanse cunha metodoloxía claramente orientada a resultados que transcorren en espazos temporais limitados. Isto é, non hai proxectos sine die, senón programas ancorados en prazos, obxectivos e gastos que cómpre xustificar. Obviamente, o custo principal dos programas adoita ser o persoal investigador, que sempre é o elemento clave do éxito dun proxecto. Dispor do persoal máis capacitado para traballar no proxecto, no prazo máis curto posible de tempo desde que se consigna a participación, é a mellor garantía de éxito. Esta participación non pode ser cuberta exclusivamente co persoal investigador propio dos centros de investigación agraria e forestal, que exerce sempre unha función directora do proxecto. Precísase a incorporación de novos activos, co maior grao de especificidade posible, asociados ao desenvolvemento do programa.

O artigo 59 da Lofaxga prescribe, en relación coas entidades públicas instrumentais, que a celebración de contratos laborais de duración determinada debe ser autorizada polos órganos superiores de goberno e dirección, e que deben contar cos informes favorables previos dos centros directivos competentes en materia de función pública e de orzamentos, sen que, en ningún caso, poidan dar lugar a contratos indefinidos. A selección deste persoal realizarase entre as persoas incluídas nas listas da Administración autonómica ou, de ser o caso, a través dos servizos públicos de emprego. Porén, estas entidades poderán excepcionalmente acollerse a un sistema de listas previo por categorías, coa autorización previa do centro directivo competente en materia de función pública, logo da negociación coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública. En atención á previsión desta excepción, recollida no punto 2 do artigo 59, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria solicitou a autorización previa da Dirección Xeral da Función Pública para a creación dun sistema de listas previas.

O persoal investigador contratado que preste servizos na Axencia réxese pola normativa reguladora da función pública, polas disposicións do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e polos propios estatutos da Axencia. Así mesmo, como todo o persoal investigador, observará o disposto pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, que establece o marco de coordinación xeral da investigación científica e técnica e regula o persoal investigador ao servizo das administracións públicas e, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, pola Lei 5/2013, do 30 de xuño, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

O persoal investigador contratado pola Axencia quedará sometido ao réxime de incompatibilidades aplicables ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude da disposición adicional décima do Decreto 52/2018, teranse en conta a perspectiva de xénero e o principio de igualdade entre mulleres e homes, así como o cumprimento do establecido no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Por todo o exposto, o presidente da Agacal, no exercicio das competencias previstas no artigo 13 do Decreto 52/2018 polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, logo da autorización do Consello Reitor con base nas atribucións que lle confire o artigo 15.h) do devandito decreto,

RESOLVO:

Primeiro. Bases

Aprobar as bases que rexerán o proceso de elaboración das listas propias da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para a celebración de contratos laborais de duración determinada con persoal investigador asociado a proxectos vinculados ao catálogo de liñas de investigación dos centros de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (código de procedemento MR325A).

En ningún caso as listas obxecto desta resolución poderán aplicarse para a cobertura temporal de postos de persoal investigador que forme parte da relación de postos de traballo da Agacal e pertenza aos distintos corpos ou escalas de persoal funcionario.

Segundo. Convocatoria 2021

Abrir un prazo de 20 días hábiles para a presentación de solicitudes de incorporación nas listas no ano 2021, contados desde as 00.00 do día seguinte ao da publicación ata as 23.59 do vixésimo día hábil posterior.

Terceiro. Aceptación das bases

A participación neste proceso de elaboración da lista de contratación por parte do/da candidato/a supón a aceptación íntegra das presentes bases.

Cuarto. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Impugnación

Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o presidente da Agacal, nos termos previstos nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, perante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO

Bases que rexerán o proceso de elaboración das listas propias da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para a contratación temporal de persoal investigador

Artigo 1. Obxecto

Estas bases constitúen un conxunto de instrucións, normas e especificacións que rexerán o proceso de presentación das solicitudes e elaboración de listas previas por categorías da Agacal, segundo a previsión do artigo 59.2 da Lofaxga.

Artigo 2. Listas

As necesidades de investigación na Agacal determínanse en tres sectores de actividade: agropecuaria, forestal e viticultura-enoloxía. Cada sector ten distintas áreas e cada área desagrégase en liñas de investigación específicas codificadas segundo o anexo I.

Artigo 3. Solicitudes

1. En aplicación do artigo 10.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a obrigatoriedade de emprego dos medios electrónicos na presentación da solicitude, considerando que os potenciais interesados, pola súa condición de titulados universitarios, dispoñen necesariamente da necesaria capacidade técnica e funcional.

2. As solicitudes presentaranse a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo II).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude indicaranse expresamente as liñas de investigación (anexo I) obxecto de interese da persoa solicitante, que se valorarán independentemente, segundo o baremo establecido.

4. O enderezo que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos de notificacións e son responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto os erros na consignación como a falta de comunicación de cambio de domicilio.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI da persoa solicitante.

• DNI da persoa representante.

• Certificado de residencia con data da última variación no padrón da persoa solicitante.

• Verificación do título de doutor/a.

• Certificado do Celga ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Currículo.

• Certificado equivalente ao Celga non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

• No caso de non dispoñer do título de doutoramento, título ou copia do documento que acredite a obtención da suficiencia investigadora ou o DEA, ou de estaren matriculados en cursos de doutoramento para a obtención do doutoramento con indicación das materias que sexan susceptibles de aplicación aos campos científicos das liñas de investigación do catálogo e,

• De ser o caso, documento oficial acreditativo de ter superado dous anos, ou máis, dos cursos de doutoramento.

• Cando proceda, acreditación de atoparse no terceiro ano ou superior como doutorando, tendo superadas todas as materias dos cursos de doutoramento.

• Certificación acreditativa ou copia da condición de bolseiro/a en formación onde conste o tempo de duración da bolsa e permita avaliar a vinculación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo.

• Contratos ou copia dos contratos de traballo como investigador e dos documentos que permitan acreditar o tipo de participación (como investigador principal ou como colaborador), no caso de que non se especifique no documento do contrato, e que permita establecer a relación directa coas liñas, áreas e/ou sectores do catálogo.

• Certificación ou copia que acredite a participación en proxectos de investigación de convocatorias públicas (autonómica galega, nacional ou internacional) con indicación do título, convocatoria, tipo de participación (como investigador principal ou como colaborador) e tempo traballado no proxecto e que permita establecer a relación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo emitida polo director do centro onde se execute ou executou o proxecto.

• Publicacións científicas: presentaranse só a/s páxina/s ou copia da páxina ou páxinas onde figure o título, resumo, revista, ano de publicación e DOI, de ser o caso. No caso de publicacións aceptadas, pero aínda non publicadas, presentarase o documento acreditativo da aceptación para a publicación. No caso de comunicacións a congresos, documento acreditativo da presentación destas. Libros e capítulos de libros, presentarase soamente a páxina onde figure o título, autores, ano de publicación, editorial e número de rexistro. En ningún caso é preciso presentar as publicacións completas. No caso de non poder realizar o cotexo destas é preciso indicar o enderezo da web da revista en que se publicou. En calquera caso, da documentación achegada deberase desprender claramente a relación directa coas materias vinculadas á liña, área e/ou sector que se vai avaliar.

• Título ou copia do título de propiedade industrial (patentes e modelos de utilidade) onde figuren os inventores, e que permita avaliar a vinculación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo.

• Actividades de transferencia: certificación ou copia que acredite a participación en actividades de transferencia con indicación da tipoloxía de acción, título, convocatoria, tipo de participación (como responsable ou como cooperante) que permita establecer a relación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo, emitida polo director do centro onde se execute ou executou a actividade de transferencia.

• Certificación ou copia dos certificados de coñecemento do idioma inglés.

• Certificación do tempo de uso de permisos por parto, adopción ou acollemento nos 5 anos anteriores á data de publicación da resolución.

• Certificación do tempo de uso do outro proxenitor de permisos por nacemento, acollemento ou adopción nos 5 anos anteriores á data de publicación da resolución.

• Certificación do tempo de redución de xornada usado nos 5 anos anteriores á data de publicación da resolución.

• Certificación do tempo de excedencia para o coidado de familiares usados nos 5 anos anteriores á data de publicación da resolución.

A documentación presentarase en calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. A documentación presentada en idioma distinto ao galego ou castelán deberá ir acompañada da tradución oficial.

Para calquera consulta ou información adicional, os interesados poderán poñerse en contacto telefónico no seguinte número 881 99 72 76, en horario das 9.00 ás 14.00 horas de luns a venres ou a través do correo electrónico agacal@xunta.gal, poñendo no asunto Listas de contratación Agacal.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e perante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán requiridos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados, agás que conste oposición expresa.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal.

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Requisitos xerais no momento da contratación

a) Ter nacionalidade española, ou ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as; ou ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

Tamén poderán participar, calquera que for a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún Estado a que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

b) Ter feitos os 18 anos e non ter acadado a idade de xubilación.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude do expediente disciplinario nin inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas

e) Coñecemento do idioma galego acreditado mediante o certificado do Celga ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ou compromiso de adquisición de coñecementos se o contrato é de duración dun ano ou superior.

f) Capacitacións para traballar con animais de experimentación, segundo a Orde ECC/566/2015, do 20 de marzo, pola que se establecen os requisitos de capacitación que debe cumprir o persoal que manexe animais utilizados, criados ou subministrados con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia. Naqueles proxectos que impliquen a utilización de animais de experimentación e que a normativa aplicable así o requira, será requisito indispensable estar en posesión das capacitacións habilitantes para o desempeño da función requirida. Neste caso, de entre as persoas candidatas que figuren na lista de contratación da liña de investigación seleccionada, só se terán en conta aquelas que teñan acreditado estar en posesión da devandita capacitación segundo as funcións precisas para o desenvolvemento do proxecto. As funcións que, de ser o caso, deberán acreditarse, son o coidado dos animais, eutanasia dos animais, realización dos procedementos, deseño dos proxectos e procedementos, asunción da responsabilidade da supervisión in situ do benestar e coidado dos animais e asunción das funcións do veterinario designado.

Artigo 9. Requisitos específicos

As persoas aspirantes deberán acreditar estar en posesión dos seguintes requisitos:

a) Titulación requirida segundo os sectores de actividade en que se integran as áreas e liñas de investigación:

Sector agropecuario:

Grao en Enxeñaría Agraria ou equivalente, grao en Bioloxía ou equivalente, grao en Veterinaria ou equivalente, grao en Ciencias Ambientais ou equivalente, grao en Bioinformática ou equivalente, grao en Química ou equivalente, grao en Bioquímica ou equivalente, grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos ou equivalente, grao en Farmacia ou equivalente, grao en Economía ou equivalente, grao en Estatística ou equivalente.

Sector forestal:

Grao en Enxeñaría de Montes, grao en Enxeñaría Agraria, grao en Bioloxía ou equivalente, grao en Ciencias Ambientais ou equivalente, grao en Bioinformática ou equivalente, grao en Química ou equivalente, grao en Bioquímica ou equivalente, grao en Farmacia ou equivalente, grao en Economía ou equivalente, grao en Estatística ou equivalente.

Sector viticultura e enoloxía:

Grao en Enxeñaría Agraria ou equivalente, grao en Enxeñaría de Montes ou equivalente, grao en Bioloxía ou equivalente, grao en Ciencias Ambientais ou equivalente, grao en Bioinformática ou equivalente, grao en Química ou equivalente, grao en Bioquímica ou equivalente, grao en Farmacia ou equivalente, grao en Tecnoloxía dos Alimentos ou equivalente, grao en Economía ou equivalente, grao en Estatística ou equivalente.

b) Formación específica (requisito indispensable): doutoramento en campos científicos aplicables ás liñas de investigación no catálogo, así como aquelas persoas que teñan acadado a suficiencia investigadora ou o DEA nas mesmas liñas, ou que, estando matriculados nos cursos de doutoramento, acrediten ter superado, cando menos, un curso completo.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requirimento non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

Artigo 10. Baremos de méritos

Todos os méritos que os/as aspirantes presenten para a súa valoración, enténdense referidos ao día de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. A orde de prelación virá indicada pola suma das puntuacións acadadas nos puntos 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9 do seguinte baremo de méritos aplicable a todas as liñas de investigación do catálogo:

1. Excelencia na formación, ata un máximo de 10 puntos. Deberá cumprir polo menos un dos méritos desta epígrafe. Para os doutorandos, os programas de doutoramento deberán conter materias aplicables aos campos científicos das liñas de investigación do catálogo:

1.1. Doutoramento con cualificación de sobresaliente cum laude no sector para o cal solicita a inscrición: 10 puntos.

1.2. Doutoramento en calquera das liñas de investigación no sector para o cal solicita a inscrición con outra cualificación: 5 puntos.

1.3. Doutoramento en calquera das liñas de investigación dun sector para o cal non se solicita a inscrición: 4 puntos.

1.4. Doutorando con DEA ou suficiencia investigadora ou en terceiro ano ou superior: 2 puntos.

1.5. Doutorando con polo menos dous anos de cursos de doutoramento con todas as materias superadas: 1 punto.

2. Experiencia profesional, ata un máximo de 50 puntos.

2.1. Contratos desenvolvidos como investigador na Agagal, no extinto Ingacal ou en centros da Consellería do Medio Rural que pasaron a depender da Agacal en relación coa liña que se vai avaliar (máximo 40 puntos).

Como investigador principal: 0,4 puntos por mes completo.

Como colaborador: 0,2 puntos por mes completo.

2.2. Contratos desenvolvidos como investigador en calquera consellería da Xunta de Galicia, entidade de dereito público ou organismo autónomo dependente, distinto dos anteriores, en relación coa liña que se vai avaliar (máximo 20 puntos).

Como investigador principal: 0,2 puntos por mes completo.

Como colaborador: 0,1 puntos por mes completo.

2.3. Contratos desenvolvidos como investigador noutras administracións en relación coa liña que se vai avaliar (máximo 15 puntos).

Como investigador principal: 0,2 puntos por mes completo.

Como colaborador: 0,1 puntos por mes completo.

2.4. Contratos desenvolvidos como investigador en relación con liñas da mesma área na Xunta de Galicia ou en calquera dos seus entes ou organismos dependentes (máximo 15 puntos).

Como investigador principal: 0,2 puntos por mes completo.

Como colaborador: 0,1 puntos por mes completo.

2.5. Contratos desenvolvidos como investigador en relación con liñas da mesma área noutras administracións públicas, entes e organismos dependentes (máximo 10 puntos).

Como investigador principal: 0,2 puntos por mes completo.

Como colaborador: 0,1 puntos por mes completo.

2.6. Contratos desenvolvidos como investigador en relación con liñas do mesmo sector na Xunta de Galicia ou en calquera dos seus entes ou organismos dependentes (máximo 10 puntos).

Como investigador principal: 0,2 puntos por mes completo.

Como colaborador: 0,1 puntos por mes completo.

2.7. Contratos desenvolvidos como investigador en relación con liñas do mesmo sector noutras administracións públicas, entes e organismos dependentes (máximo 10 puntos).

Como investigador principal: 0,2 puntos/mes completo.

Como colaborador: 0,1 puntos por mes completo.

2.8. Contratos desenvolvidos como investigador en relación con calquera das liñas da área ou sector nas empresas privadas (máximo 10 puntos).

Como investigador principal: 0,2 puntos por mes completo.

Como colaborador: 0,1 puntos por mes completo.

3. Participación en proxectos de investigación, ata un máximo de 40 puntos. Os puntos calcúlanse para un tempo máximo de 36 meses por proxecto, ou a súa proporción por meses completos traballados no proxecto.

3.1. Participación en proxectos de investigación de convocatorias públicas (autonómica galega, nacional ou internacional) relacionados coas liñas de avaliación (máximo 30 puntos).

Como investigador principal: 5 puntos por proxecto.

Como colaborador: 2,5 puntos por proxecto.

3.2. Participación en proxectos de investigación de convocatorias públicas (autonómica galega, nacional ou internacional) relacionados con liñas da mesma área (máximo 15 puntos).

Como investigador principal: 3 puntos por proxecto.

Como colaborador: 1,5 puntos por proxecto.

3.3. Participación en proxectos de investigación de convocatorias públicas (autonómica galega, nacional ou internacional) relacionados con liñas do mesmo sector (máximo 10 puntos).

Como investigador principal: 2 puntos por proxecto.

Como colaborador: 1 punto por proxecto.

4. Bolsas de formación, ata un máximo de 10 puntos.

4.1. Bolsas de formación vinculadas coa liña que se vai avaliar: 0,5 puntos por mes en formación.

4.2. Bolsas de formación vinculadas con liñas da mesma área: 0,25 puntos por mes en formación.

4.3. Bolsas de formación vinculadas con liñas do mesmo sector: 0,1 puntos por mes en formación.

5. Produción científica e patentes, modelos de utilidade e de deseños, ata un máximo de 25 puntos. Teranse en conta as publicacións internacionais referenciadas nos índices SCI (Science Notation Index). Serán consideradas publicacións non SCI os artigos publicados noutras revistas distintas ás SCI, libros ou capítulos de libros distintos dos libros e actas de congresos. Nas comunicacións a congresos considéranse as comunicacións orais e/ou escritas en congresos, incluídas as publicacións en actas ou libros de congresos, e só se puntúa unha vez un mesmo título por congreso.

5.1. Publicacións SCI en materias vinculadas coa liña que se vai avaliar: 2 puntos por artigo como primeiro asinante, 1 punto como participante.

5.2. Publicacións non SCI en materias vinculadas coa liña que se vai avaliar: 1 punto por artigo como primeiro asinante, 0,5 puntos como participante.

5.3. Publicacións SCI en materias vinculadas con liñas da mesma área: 0,5 puntos por artigo como primeiro asinante, 0,25 puntos como participante.

5.4. Publicacións non SCI en materias vinculadas con liñas da mesma área: 0,25 puntos por artigo como primeiro asinante, 0,10 puntos como participante.

5.5. Publicacións SCI en materias vinculadas con liñas do mesmo sector: 0,2 puntos por artigo como primeiro asinante, 0,1 puntos como participante.

5.6. Publicacións non SCI en materias vinculadas con liñas do mesmo sector: 0,1 puntos por artigo como primeiro asinante, 0,05 como participante.

5.7. Comunicacións a congresos en materias vinculadas coa liña que se vai avaliar: 0,5 puntos por comunicación.

5.8. Comunicacións a congresos en materias vinculadas con liñas da mesma área ou sector: 0,25 puntos por comunicación.

5.9. Patentes e modelos de utilidade en materias vinculadas coa liña que se vai avaliar: 2 puntos por rexistro.

5.10. Patentes e modelos de utilidade en materias vinculadas con liñas da mesma área: 1 punto por rexistro.

5.11. Patentes e modelos de utilidade en materias vinculadas con liñas do mesmo sector: 0,5 puntos por rexistro.

6. Actividades de transferencia, ata un máximo de 25 puntos. Inclúense nesta epígrafe seminarios impartidos, campos de demostración e ensaio, cursos impartidos, xornadas técnicas, congresos e elaboración de material divulgativo.

6.1. Actividades de transferencia vinculadas coa liña que se vai avaliar: como responsable da actividade 3 puntos por actividade; como cooperante 1 punto por actividade.

6.2. Actividades de transferencia vinculadas con liñas da mesma área: como responsable da actividade 1 punto por actividade; como cooperante 0,5 puntos por actividade.

6.3. Actividades de transferencia vinculadas con liñas do mesmo sector: como responsable da actividade 0,25 puntos por actividade; como cooperante 0,1 puntos por actividade.

7. Idioma estranxeiro: inglés, ata un máximo 5 puntos. Valórase o coñecemento do idioma inglés con preferencia sobre outros idiomas, en base a que permite maior interlocución con outros investigadores de ámbito internacional e o coñecemento de traballos de investigación relacionados coa materia obxecto de publicacións internacionais. Tómase como referencia o MECRL (Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa) e o Real decreto 1629/2006 (BOE do 4 de xaneiro de 2007).

7.1. Nivel básico A2 ou equivalente: 1 punto.

7.2. Nivel usuario independente B1 ou equivalente (limiar): 2 puntos.

7.3. Nivel usuario independente B2 ou equivalente (avanzado): 3 puntos.

7.4. Nivel usuario competente C1 ou equivalente (dominio operativo eficaz): 4 puntos.

7.5. Nivel usuario competente C2 ou equivalente (mestría): 5 puntos.

Artigo 11. Procedemento de elaboración das listas

O proceso de elaboración das listas de contratación do persoal investigador da Agacal terá a modalidade de concurso de méritos.

Para a elaboración das listas, o seu control e a súa correcta utilización, nomearase unha comisión paritaria de selección, que será a encargada de resolver todas as cuestións de interpretación que poidan presentarse, e terá a seguinte composición:

– Presidente: o xefe da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Agacal.

– Secretario: o xerente da Agacal, que actuará con voz e sen voto.

– Vogais:

• O director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

• O director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIFL).

• O director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

• 1 representante por cada unha das organizacións sindicais con representación na mesa xeral de empregados públicos.

O secretario e vogais poderán delegar a titularidade logo da autorización do presidente. O funcionamento da comisión paritaria de selección será conforme as instrucións relativas ao funcionamento dos tribunais de selección da Xunta de Galicia e o acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de abril de 2010, polo que se modifican as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección.

Artigo 12. Criterios de desempate

En caso de empate, de conformidade co disposto no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino, o empate resolverase, de existiren méritos iguais entre dúas ou máis persoas candidatas, a favor da muller.

Como segundo criterio de desempate, empregarase a valoración do exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores das persoas solicitantes conforme o seguinte baremo:

• Permiso por parto, adopción ou acollemento: 0,2 puntos por permiso.

• Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo: 0,2 puntos por permiso.

• Redución de xornada: 0,04 puntos por mes de redución.

• Excedencia para o coidado de familiares: 0,04 puntos por mes de excedencia. Os meses serán computados por días naturais (30 días).

No caso de persistir o empate, dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas ordenadas alfabeticamente de conformidade co establecido no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

Artigo 13. Listas provisionais e definitivas

1. As listas provisionais e definitivas das puntuacións acadadas polas persoas admitidas, así como a relación das excluídas e as causas de exclusión, serán publicadas no taboleiro de anuncios da Agacal e dos seus centros de investigación, así como na páxina web https://mediorural.xunta.gal/gl/conselleria/organismos-adscritos/axencia-galega-da calidade-alimentaria

Na lista constará, en todo caso, o nome e apelidos, engadindo catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade das persoas admitidas e excluídas. No caso dos/as excluídos/as farase constar o motivo da exclusión, tendo o prazo de 10 días, contados a partir do día seguinte á publicación, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou, de ser o caso, formular as alegacións que se consideren oportunas á puntuación provisional.

A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

2. A resolución pola que se establece a valoración de méritos final publicarase no taboleiro de anuncios da Agacal e dos seus centros de investigación, así como na páxina web da Axencia, no prazo máximo de 30 días desde a publicación da lista provisional.

3. A publicación das listas suporá de facto o inicio da súa vixencia.

Artigo 14. Chamamentos aos aspirantes

1. As comunicacións ás persoas que vaian cubrir temporalmente algún posto de traballo nos centros de investigación da Agacal efectuaranse a través do sistema previsto no artigo 6. Na comunicación incluirase unha ligazón á citación concreta do proxecto de investigación que se vai cubrir.

2. A resposta, de aceptación ou rexeitamento, deberá transmitirse perante a Agacal a través do Rexistro electrónico da Xunta de Galicia (Rexel), nun prazo máximo de (5) días naturais desde a notificación. Transcorrido o prazo outorgado sen obter resposta, considerarase rexeitado o ofrecemento.

Artigo 15. Situación nas listas

1. Os integrantes das listas non perderán a orde de prelación que en cada momento lles corresponda ata que se xere o dereito á prestación de desemprego, de tal maneira que se a contratación ou nomeamento para que son chamados ten unha duración inferior, retornarán ao posto que novamente lles corresponda na lista. Cando se xere o dereito á prestación de desemprego, unha vez rematada a contratación ou o nomeamento, a/o interesada/o pasará a ocupar o último lugar na lista durante catro meses. Finalizado o devandito período, volverá automaticamente ao lugar da lista que, de acordo coa súa puntuación, lle corresponda.

2. Os integrantes das listas que, sendo convocados para facer efectiva a contratación ou nomeamento, segundo o disposto nestas bases, non se presenten ou renuncien a ela, perderán os seus dereitos e quedarán excluídos da lista por un ano, debendo solicitar de novo a súa inscrición unha vez transcorrido o dito prazo. A mesma consecuencia terá a renuncia á continuidade no desempeño dun posto de traballo.

3. A renuncia para formar parte dunha lista suporá que non terá efectos unha nova solicitude de admisión nesa lista ata transcorrido o prazo dun ano desde a data da renuncia.

Artigo 16. Vixencia das listas

As listas, elaboradas conforme as bases recollidas nesta resolución terán carácter permanente mentres estean en vigor e poden ser dadas de baixa de oficio pola dirección da Agacal por causa motivada ou pola convocatoria dun proceso selectivo que dea lugar á confección dunhas novas listas de oficio.

Anualmente abrirase un período de actualización de méritos e de incorporación ás listas de novos aspirantes, que será anunciado na páxina web da Axencia, cun prazo de actualización non inferior a 15 días naturais. Os méritos acadados polo desenvolvemento dos contratos formalizados a través das listas de contratación de persoal investigador serán actualizados de oficio pola Axencia da Calidade Alimentaria de Galicia. Tamén poderán ser actualizadas con base na modificación, incorporación ou eliminación de oficio de liñas do catálogo segundo resolución motivada da dirección da Agacal para atender ás necesidades de investigación requiridas en cada momento.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

ANEXO I

Catálogo de liñas de investigación

A AGROPECUARIA

A1 GANDARÍA

 A11 VACÚN DE LEITE

 A12 VACÚN DE CARNE

 A13 OVINO, CABRÚN, EQUINO E OUTRAS ESPECIES

 A14 MELLORA XENÉTICA ANIMAL

 A15 SANIDADE ANIMAL: PARASITOLOXÍA

 A16 SANIDADE ANIMAL: BACTERIOLOXÍA E VIROLOXÍA

 A17 BIOESTATÍSTICA E EPIDEMIOLOXÍA APLICADA A ENFERMIDADES ANIMAIS

A2 AGRONOMÍA

 A21 VALORACIÓN NUTRICIONAL DE ALIMENTOS PARA RUMINANTES

 A22 PASTOS E CULTIVOS ANUAIS

 A23 FERTILIZACIÓN E SOLOS

 A24 HORTA

 A25 FRUTICULTURA

 A26 MILLO E OUTROS CULTIVOS DE VERÁN

 A27 CEREAIS DE INVERNO

 A28 MELLORA XENÉTICA VEXETAL

 A29 SANIDADE VEXETAL

 A210 SISTEMAS DE PRODUCIÓN EN ECOLÓXICO

A3 ECONOMÍA AGRARIA

 A30 ECONOMÍA AGRARIA

A4 TECNOLOXÍA, CALIDADE E SEGURIDADE ALIMENTARIA

 A40 TECNOLOXÍA, CALIDADE E SEGURIDADE ALIMENTARIA

A5 TECNOLOXÍA AMBIENTAL NAS ACTIVIDADES AGRARIAS

 A50 TECNOLOXÍA AMBIENTAL NAS ACTIVIDADES AGRARIAS

A6 BIOLOXÍA MOLECULAR

 A60 BIOLOXÍA MOLECULAR

B FORESTAL

B1 MELLORA XENÉTICA E FORESTAL E SILVICULTURA

 B11 SILVICULTURA E MANEXO DE PLANTAS FORESTAIS

 B12 MELLORA XENÉTICA DE CONÍFERAS

 B13 MELLORA XENÉTICA DE FRONDOSAS

B2 PRAGAS E ENFERMIDADES FORESTAIS

 B21 PRAGAS E ENFERMIDADES DE CONÍFERAS

 B22 PRAGAS E ENFERMIDADES DE FRONDOSAS

 B23 RESISTENCIA E TOLERANCIA A ENFERMIDADES FORESTAIS

B3 ADAPTACIÓN E PRESERVACIÓN DOS ECOSISTEMAS FORESTAIS AO CAMBIO CLIMÁTICO E PRODUTOS FORESTAIS NON MADEIREIROS

 B31 SILVOPASCICULTURA

 B32 ECOLOXÍA FORESTAL E CAMBIO CLIMÁTICO

 B33 BIODIVERSIDADE VEXETAL

 B34 PRODUTOS FORESTAIS NON MADEIREIROS DE ORIXE VEXETAL

B4 PREVENCIÓN E XESTIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS E RESTAURACIÓN DE ÁREAS QUEIMADAS

 B41 TRATAMENTOS PREVENTIVOS DE COMBUSTIBLES FORESTAIS

 B42 PREDICIÓN E MODELIZACIÓN DA SEVERIDADE DO LUME

 B43 RESTAURACIÓN POSTINCENDIO E XESTIÓN DE ÁREAS QUEIMADAS

 B44 AVALIACIÓN DA VULNERABILIDADE FRONTE A INCENDIOS DOS ECOSISTEMAS FORESTAIS

 B45 ANALÍTICA DE SOLOS

B5 BIOLOXÍA MOLECULAR

 B50 BIOLOXÍA MOLECULAR

C VITICULTURA E ENOLOXÍA

C1 MATERIAL VEXETAL E RECURSOS XENÉTICOS

 C11 CARACTERIZACIÓN DE VARIEDADES

 C12 XENÉTICA E XENÓMICA

 C13 MELLORA VEXETAL

C2 PROTECCIÓN FITOSANITARIA DO CULTIVO DA VIDE

 C21 PRAGAS E ENFERMIDADES

 C22 PROTECCIÓN DO CULTIVO

C3 TECNOLOXÍA DA PRODUCIÓN VITÍCOLA

 C31 SISTEMAS DE PRODUCIÓN

 C32 VITICULTURA E AMBIENTE

 C33 VITICULTURA DE PRECISIÓN

C4 RASTREXABILIDADE DE MOSTOS, VIÑOS E DERIVADOS

 C40 RASTREXABILIDADE DE MOSTOS, VIÑOS E DERIVADOS

C5 TÉCNICAS ENOLÓXICAS

 C50 TÉCNICAS ENOLÓXICAS

C6 MICROBIOLOXÍA DO VIÑO

 C60 MICROBIOLOXÍA DO VIÑO

C7 ANÁLISE SENSORIAL

 C70 ANÁLISE SENSORIAL

missing image file
missing image file
missing image file