Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 21 de maio de 2021 Páx. 25146

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 de maio de 2021 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Portas (Pontevedra).

O Concello de Portas, con data do 29.3.2021, remite para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e á disposición transitoria 2.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). Conforme esta disposición, o plan que na data de entrada en vigor da LSG contara con aprobación inicial poderá continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, ben que as súas determinacións deberán de adaptarse plenamente á LSG.

Analizada a documentación achegada polo concello; e vista a proposta literal elevada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes e tramitación.

1. No municipio de Portas non hai planeamento xeral municipal polo que actualmente se rexe polo Plan básico autonómico.

2. Como instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no concello constan aprobados:

• Directrices de ordenación do territorio.

• Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de gasificación de Galicia: gasoduto Vilalba-Tui, 2.5.2005.

• Plan sectorial hidroeléctrico das concas hidrográficas Galicia-Costa, 29/00/2001.

3. Seguindo o procedemento establecido no artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, o Concello de Portas remitiu ao órgano ambiental o 26.3.2012 o Documento de inicio para comezar o trámite da avaliación ambiental estratéxica. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o Documento de referencia o 23.5.2012.

4. En virtude do previsto no artigo 85.1 da LOUG, o concello achega á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o documento do PXOM, e emítese o informe previo á aprobación inicial o 2.10.2012.

5. O 30.8.2013 o Pleno do Concello de Portas aprobou inicialmente o PXOM, publicado no DOG do 16.10.2013. Foi sometido a información pública durante dous meses mediante anuncios no DOG e nos xornais La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Diario de Pontevedra con datas do 16.10.2013 e 17.10.2013. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Vilanova de Arousa, Moraña, Barro, Meis e Caldas de Reis, e solicitáronse os informes sectoriais.

Tendo en conta esta data de aprobación inicial do PXOM, cómpre sinalar que, de acordo coa disposición transitoria primeira do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, o disposto nese regulamento non será de aplicación obrigatoria.

6. O 5.5.2017 o concello presentou ao órgano ambiental a documentación do PXOM adaptada á LSG, e mediante Resolución do 28.6.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a Memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Portas (DOG do 20 de xullo).

7. O 25.10.2019 o Pleno do concello aprobou provisionalmente o PXOM, logo de informe dos servizos xurídicos e técnicos municipais, segundo consta no certificado da Secretaría municipal.

8. O documento do PXOM e o seu expediente administrativo foron remitidos á dirección xeral, con data do 19.11.2019, para resolver sobre a súa aprobación definitiva. O 13.12.2019 requiriuse ao concello para que emende as deficiencias detectadas sobre a integridade documental do PXOM. O 13.1.2020 achégase documentación por parte do concello.

9. Con data do 20.5.2020 o Concello de Portas solicita a esta dirección xeral a suspensión do prazo de resolución, ao detectar a falta de dous informes sectoriais.

10. Con data do 29.1.2021 o Pleno do Concello de Portas aproba provisionalmente o PXOM (por segunda vez), logo de informe dos servizos xurídicos e técnicos municipais, segundo consta no certificado do secretario municipal.

11. O PXOM e o seu expediente administrativo foron remitidos á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 29.3.2021, para resolver sobre a súa aprobación definitiva.

12. De acordo co informe dos servizos municipais e co expediente administrativo achegado, solicitáronse informes sectoriais aos seguintes organismos competentes:

• Gobierno de España-Subdelegación en Pontevedra (nº 136): informe 16.12.2013, sen afección.

• Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo-Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicaciones (nº 310): informe do 24.11.2020, favorable.

• Ministerio de Defensa-Dirección Xeral de Infraestruturas (nº 132): informe do 25.11.2013, non afección.

• Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (143): informe do 10.3.2014, non afección.

• Ministerio Fomento-Secretaría Xeral de Infraestruturas-Dirección Xeral de Ferrocarrís (nº 135): informe favorable 20.11.2013. ADIF (nº 134), informe con data do 22.11.2013, con correccións ao PXOM; Delegación Provincial de Estradas (informes nº 142, 179 e 182): final do 12.1.2018 favorable con condicións.

• Deputación de Pontevedra-Dirección de Infraestruturas (nº 304): informe do 7.10.2020, favorable.

• Consellería de Facenda-Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio (nº 133): informe polo que se solicitan modificacións.

• Consellería de Economía e Industria-Delegación de Pontevedra (nº 138): información sobre dereitos mineiros afectados polo PXOM, do 11.12.2013.

• Consellería do Medio Rural e do Mar-Servizo de Infraestruturas Agrarias (nº 131): informe do 13.11.2013 sobre concentracións parcelarias; e Servizo de Montes (nº 139): informe 23.12.2013, que sinala o alto risco de incendio forestal, con obxeccións á normativa do solo rústico, distancia a vivendas, e ao deslindamento dos MVMC.

• Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Informe do 15.1.2014 con condicións; AXI (nº 141): 23.1.2014, informe non afección; Augas de Galicia (nº 171): informe do 10.3.2015, favorable con condicións; Dirección Xeral de Conservación da Natureza: informe do 13.8.2014, favorable con condicións.

• Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (catro informes, nº 172, 183, 185 e 188): final do 29.1.2019 favorable condicionado.

• Instituto de Estudos do Territorio (IET): informe do 16.7.2014, favorable con condicións.

Así mesmo, solicitáronse informes dos seguintes organismos, dos que non se obtivo resposta: Dirección Xeral de Mobilidade; Consellería de Sanidade; concellos limítrofes de Moraña, Barro, Meis e Caldas de Reis.

13. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, declarouse, mediante Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional, por parte do Goberno de España. A disposición adicional terceira dese Real decreto 463/2020, na redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, sinala a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa Orde do 27.4.2020, publicada no DOG do 4.5.2020, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación que integra o PXOM de Portas, elaborada pola consultora OAU Oficina de Arquitectura, Urbanismo e Planificación SLP, con aprobación provisional plenaria do 29.1.2021; e posto en comparación co informe previo á aprobación inicial emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 2.10.2012, púidose comprobar que este se axusta, en xeral, ao establecido na normativa urbanística que resulta de aplicación.

Porén, cómpre sinalar as seguintes puntualizacións:

II.1. Solo urbano: na ficha do polígono P-2 de solo urbano non consolidado figura a apertura dun viario para conectar a rúa Estación coa estrada provincial, que non pode realizarse por non ter continuidade nin existir a dita conexión, e que ademais non está reflectido nos planos de ordenación, polo que debe eliminarse da ficha esta condición.

II.2. Solo de núcleo rural: respecto da identificación dos tipos básicos, e en aplicación do artigo 23.3 da LSG, non é correcta a categorización do núcleo rural de Xagobe (04.16), xa que a parte do asentamento situada na zona central e ocupada por edificacións que figuran no voo americano do ano 1956, é considerada como solo de núcleo común, cando debera ser incluída no tipo básico de núcleo rural tradicional.

II.3. Solo urbanizable: respecto do SUD-1, a Memoria ambiental insta a evitar edificar na marxe leste da estrada EP-8004; polo que deberá modificarse a ordenación do sector suprimindo a edificación nesta zona, cuestión que deberá recollerse na ficha e nos planos. Así mesmo, incluirase a substitución da EDAR existente por outra con capacidade para 1.500 habitantes, como condición para o desenvolvemento do sector exixida na Memoria ambiental e no Informe de Augas.

II.4. Outras cuestións:

a) O PXOM non recolle axeitadamente na súa Normativa as condicións sinaladas no informe do Ministerio de Fomento-Delegación Provincial de Estradas, no que respecta á prohibición de todo tipo de obra dentro da zona de limitación da edificabilidade segundo o artigo 33.1 da Lei 37/2015, e na prohibición expresa de realizar publicidade fóra dos tramos urbanos segundo o artigo 37 desa lei.

b) O PXOM non recolle axeitadamente as condicións sinaladas no Informe de Augas de Galicia, a incorporar nas fichas de todos os ámbitos de planeamento de desenvolvemento, e en concreto:

– A obriga de que calquera instrumento de planeamento será informado polo organismo de conca.

– A obriga do informe da empresa xestora dos servizos municipais indicando que a capacidade das redes é suficiente para asumir os novos caudais xerados para novas conexións coa rede municipal.

c) O expediente administrativo deberá vir separado da documentación técnica, cun índice propio, foliado e numerado, segundo o artigo 164 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro.

d) De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación da normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, achegaranse os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspondelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Portas, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas no punto II anterior

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Portas, 10 de maio de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda