Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 21 de maio de 2021 Páx. 25314

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai pública a data do sorteo e a composición dos tribunais cualificadores do procedemento de acceso aos corpos de catedráticos de ensino secundario, de artes plásticas e deseño e de escolas oficiais de idiomas.

Mediante a Orde do 4 de xuño de 2020 convocouse procedemento selectivo de acceso aos corpos de catedráticos de ensino secundario, de artes plásticas e deseño e de escolas oficiais de idiomas.

Na base quinta da orde de convocatoria establécese que se nomearán, polo menos, catro tribunais para o corpo de catedráticos de ensino secundario e un tribunal para o corpo de catedráticos de artes plásticas e deseño e outro para o corpo de catedráticos de escolas oficiais de idiomas. Os tribunais estarán compostos por unha presidencia, designada directamente pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e cun mínimo de catro vogais, un por cada especialidade que determine a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Procede, pois, fixar a data do sorteo dos tribunais e a súa composición, no relativo ao número de tribunais, de vogais de cada tribunal e das especialidades que conforman cada tribunal, polo que esta Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

RESOLVE:

Primeiro. No corpo de catedráticos de ensino secundario constituiranse catro tribunais coa seguinte composición:

Tribunal da área lingüística: 4 vogais, un de cada unha das seguintes especialidades: Francés, Inglés, Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura.

Tribunal da área científico-tecnolóxica: 5 vogais, un de cada unha das seguintes especialidades: Bioloxía e Xeoloxía, Educación Física, Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía.

Tribunal da área humanística e artística: 8 vogais, un de cada unha das seguintes especialidades: Debuxo, Economía, Filosofía, Grego, Latín, Música, Orientación Educativa, Xeografía e Historia.

Tribunal de familias profesionais e Formación e Orientación Laboral: 4 vogais, 1 de Formación e Orientación Laboral, 1 de Informática, 1 de Intervención Sociocomunitaria, 1 de Sistemas Electrotécnicos e Automáticos.

Segundo. No corpo de catedráticos de escolas oficiais de idiomas constituirase un tribunal coa seguinte composición:

4 vogais: un de cada unha das seguintes especialidades: Francés, Inglés, Italiano, Portugués.

Terceiro. No corpo de catedráticos de artes plásticas e deseño constituirase un tribunal coa seguinte composición:

4 vogais das seguintes especialidades: 1 de Debuxo Técnico, 2 de Deseño Gráfico e 1 de Volume.

Cuarto. O sorteo público terá lugar o día 3 de xuño de 2021, ás nove horas, na sala de xuntas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O sorteo poderá ser seguido, a través de medios telemáticos, polas organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

Quinto. Cando sexa posible en función do número de catedráticos da especialidade, quedará excluído do sorteo o persoal funcionario de carreira do corpo de catedráticos que saíu no sorteo celebrado o día 29 de abril de 2021, para a constitución dos tribunais que xulgarán os procedementos selectivos de ingreso e acceso aos corpos docentes convocados pola Orde do 24 de febreiro de 2020.

Sexto. O persoal aspirante que participa por máis dunha especialidade será avaliado polo tribunal correspondente á especialidade da praza da que é titular no curso académico 2020/21, trasladándose a puntuación a todas as especialidades polas que participa.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos