Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 24 de maio de 2021 Páx. 25553

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a Casa Cornide na Coruña.

O Concello da Coruña solicita, o día 2 de novembro de 2020, a incoación do procedemento de declaración de ben de interese cultural para a Casa Cornide, situada na rúa Damas, número 25, do termo municipal da Coruña.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante (LPCG).

Tendo en conta o contido da información achegada e o informe dos servizos técnicos desta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que conclúen que este ben se pode considerar como un monumento de carácter sobranceiro que constitúe un exemplo moi escaso da arquitectura residencial deseñada e construída na época da Ilustración en Galicia, cunha grande calidade material e de composición e un grao moi alto de integridade nas súas estruturas e formalización; que posúe elementos moi singulares e mesmo únicos no referido á planificación, estilo e ornamentación arquitectónica; que está relacionado coa residencia dunha das máis destacadas personalidades en Galicia e en España do Século das Luces, José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra; e que ocupa un lugar de relevancia e moi significativo no contexto urbano da Cidade Vella da Coruña, preferente e de gran significación ao presidir, coa igrexa de Santa María do Campo, o adro da colexiata; ao cal se suma o amplo recoñecemento social.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, tomando en consideración a petición motivada do Concello da Coruña, os ditames dos órganos consultivos favorables ao recoñecemento do carácter sobranceiro do ben e a proposta dos servizos técnicos; exercendo as competencias recollidas no artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; e segundo o establecido no artigo 16 e seguintes da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a Casa Cornide, situada na rúa Damas, número 25, do termo municipal da Coruña, conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta no anexo II, e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello da Coruña.

Quinto. Aplicar de forma inmediata e provisoria, con eficacia desde o momento da súa publicación, o réxime de protección que establece a LPCG para os bens de interese cultural e para monumentos en particular, de forma integral ás fachadas, carpintarías e paramentos exteriores do inmoble, incluída a súa cuberta e a súa forma, volume e composición arquitectónica e construtiva.

Sexto. Aplicar, durante o mesmo período e en tanto non se teña acceso ao seu interior e completada a valoración cultural das súas partes integrantes e pertenzas, o réxime que establece a LPCG para os monumento e os bens mobles declarados de interese cultural, aos espazos e sistemas construtivos, aos elementos decorativos ou ornamentais e á totalidade dos bens existentes no interior do inmoble que constitúen xunto a este unha unidade singular.

Sétimo. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Oitavo. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que se comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideren conveniente, por medio dunha solicitude previa dirixida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Casa Cornide.

2. Localización:

Enderezo: rúa Damas 25, A Coruña.

Referencia catastral: 9324603NJ4092S.

Coordenadas xeográficas: UTM (ETRS 89 e fuso 29): 549159, 4802174.

3. Descrición do ben.

3.1. Descrición histórico-artística.

No lugar que ocupa actualmente a Casa Cornide había unha edificación anterior en que residiron os membros principais da familia Folgueira-Cornide e na cal realmente naceu o 25 de abril de 1734 o ilustre polígrafo coruñés José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra. Aínda que descoñecemos a configuración deste inmoble primitivo, a súa posición de dominio urbano coa súa fachada principal á rúa de Damas e as súas laterais cara ás rúas Vedoría e Porta de Aires indica a importancia do edificio. Este enclave era vital para a cidade vella por ser centro residencial da clase alta urbana da Coruña, por servir de peche ao adro da colexiata de Santa María, coa cal a casa mantén un vínculo relixioso e social, e pola súa proximidade a Porta de Aires, un dos accesos máis frecuentados e moi próxima ao vello palacio dos marqueses de Montaos, onde se instalou a Vedoría do Exército.

Diego Cornide e Saavedra, pai do coñecido ilustrado, foi un ilustre avogado e home público de gran prestixio que casou en 1731 con Francisca Bernarda Jerónima Folgueira, muller de alta posición social e propietaria da vivenda primitiva que ocupaba o soar.

Logo de finar Francisca e cara ao 1766, Don Diego, consciente da magnífica localización urbana da súa vivenda familiar e logo dun investimento extraordinario, levanta a actual casa palacio dos Cornide na rúa de Damas proxectada cun perfil curvilíneo en planta, único e excepcional entre as vivendas da Coruña, coa fachada principal rematada co escudo de armas da familia, testemuña dun claro afán de notoriedade que destaque o seu rango señorial.

A Casa Cornide é un edificio nobre de estilo tardobarroco, cosmopolita e francés, sen apenas precedentes en Galicia, que precisaba para a súa construción dun prestixioso arquitecto e con boa formación, capaz de materializar un edificio único entre os outros edificios residenciais existentes na cidade.

Todas as investigacións apuntan a que o autor do proxecto debeu ser un enxeñeiro militar dos que traballaron na Coruña nas décadas centrais do século XVIII, formado en modelos de arquitectura gala, coñecedor dos seus tratados de arquitectura e, posiblemente, de orixe francesa. Se ben é certo que estes enxeñeiros tiñan uns compromisos profesionais coa Coroa que lles impedirían levar obras de particulares, era necesario un construtor experto, un mestre de obras que dese forma real a este proxecto sofisticado de complexas formas rococó coas esquinas curvas nos muros, as formas sinuosas da cornixa, os vans de formas segmentadas e gardapós curvilíneos e as repisas ondulantes de pedra que sosteñen os corpos voados dos balcóns.

Ademais, habería que realizar os traballos escultóricos do escudo de armas que coroa a fachada e os ferros artísticos que adornan e protexen os vans.

José Cornide foi o grande protagonista histórico da casa, na cal residiría en varios períodos, como herdeiro da propiedade, que puido dedicar o seu tempo con fortuna a un inxente e prolífico labor investigador, ata a súa marcha a Madrid en 1789 para dedicarse de pleno á Real Academia da Historia. Nesta Casa Cornide acumularía grande parte da súa biblioteca e desenvolvería parte das súas investigacións, cargos públicos e académicos.

Despois da súa morte a casa foi habitada pola súa filla para, a seguir, pasar en sucesivas herdanzas e posuidores ata que en 1949 a súa derradeira propietaria, Carmen Vázquez Pardo, a vende ao Ministerio de Educación Nacional. Ben que antes fóra local social do Centro Jaimista en 1910 e a partir de 1927 Centro Cultural de Santo Tomás de Aquino, tempo en que se empregou como local recreativo e cinema e en que a casa era coñecida como «Los Tomasinos».

A intención do Ministerio era a transformación nun conservatorio de música e declamación, para o cal o Concello da Coruña adquirira o soar anexo e construíra as edificacións de planta baixa e mellorara o empedrado da contorna.

En 1960 a casa foi permutada polo Ministerio de Facenda ao Concello da Coruña, renunciando á rehabilitación da casa para conservatorio e escollendo otro soar municipal na Cidade Escolar.

Pola súa parte, o Concello en 1962 decide allear a Casa e adxudicala a Pedro Barrié de la Maza, que pouco despois a vendería a Carmen Polo, esposa de Francisco Franco. Despois desta adquisición foi rehabilitada para recuperar a súa funcionalidade residencial e empregada especialmente entre 1975 e 1988.

3.2. Descrición formal.

A Casa Cornide está constituída por un único edificio, conformado pola edificación orixinal construída na década de 1760 e polo engadido (núm. 7 da rúa Vedoría) coa reforma e ampliación executada na década de 1960.

O edificio ocupa a totalidade dun soar de 19,20 m de longo e 14,50 m de largo (no punto medio dos lados), 277 m2 de superficie, forma trapezoidal con dúas esquinas arredondadas, con fronte a tres rúas, que limita co núm. 12 da rúa Porta de Aires e co núm. 5 da rúa Vedoría e que, xunto con outros dous edificios, conforman o quinteiro que pecha a rúa Amargura.

O volume da Casa Cornide caracterízase polo encontro arredondado que se produce nas esquinas onde conflúen as rúas Vedoría e Porta de Aires co adro da Colexiata. Dos planos verticais que conforman as fachadas unicamente sobresaen os balcóns da planta primeira, na parte central da fachada que dá á rúa Damas e na fachada da rúa Vedoría. A liña de cornixa continua (rota por un pequeno frontón curvo onde se localiza o escudo familiar) recolle os planos da cuberta a tres augas, resolta con tella cerámica curva e cunha curta cumieira que remata no centro da medianeira.

As reformas da década de 1960 deron lugar a unha bufarda –que sobresae das verteduras da cuberta– orientada á rúa Porta de Aires e a unha terraza –baixo os planos da cuberta– que ocupa a parte frontal do anterior núm. 7 da rúa Vedoría. No alto da vertente que dá á rúa Porta de Aires hai unha cubrición de material translúcido que semella iluminar un patio interior e tamén atopamos dúas chemineas, unha na coroación da cuberta e outra na parte da medianeira que dá á rúa Porta de Aires.

As rúas a que dá fronte ao edificio teñen un certo desnivel, o que fai que a edificación amose ao exterior unha planta baixa, dúas altas e unha baixocuberta na fronte máis elevada.

As fachadas están construídas con muros de aproximadamente 90 cm de espesor. A fábrica dos muros das rúas Vedoría, Damas e parte da Porta de Aires está constituída por cantaría de granito, de tonalidade morena e cunha altura regular duns 40 cm. Este material tamén é o empregado nos singulares encontros arredondados, nos balcóns e nos elementos decorativos. Porén, na parte da fachada da rúa Porta de Aires máis próxima ao edificio estremeiro, atopamos un muro que semella ser de cachotaría de pedra, xa que está recebado e pintado de cor branca, e no cal os elementos singulares (cornixa, perímetros dos ocos e impostas) son da mesma pedra vista descrita anteriormente.

• Fachada principal da rúa de Damas.

Cinco eixos de vans superpostos dan forma aos seus 20,80 metros de lonxitude, todos de arco segmentado ou escarzano en conexión cos utilizados polos enxeñeiros militares, aínda que de distinta amplitude segundo a planta en que se atopen segundo a importancia de cada piso.

O remate da fachada realízase cunha cornixa curvilínea flanqueada por gárgolas decorativas nos extremos, que se eleva no centro para formar unha especie de pequeno frontón curvo e roto onde se instala o escudo de armas dos Cornide con helmo con penacho de remate, que tamén serve para coroar o eixo vertical central, formado pola porta «barroca» de acceso no baixo, un amplo balcón de voo que aglutina os tres ocos principais do primeiro andar e un balcón alto e sen voo que leva na clave unha especie de ménsula que serve de asento ao escudo familiar no piso alto.

Na intervención realizada en 1962 substituíronse as carpintarías, trasladouse a placa conmemorativa do nacemento de Cornide a un lateral, e restituíuse o escudo, que estaba colocado no espazo recibidor da casa.

• Fachada lateral cara á rúa Vedoría.

A parcela orixinal nesta cara do edificio era de pouco fondo (7,90 metros de lonxitude) e estaba encostada a dúas casas pequenas que foron derrubados no 1791. Esta fachada, tamén de cantaría e coa súa esquina curvada, ten unha forte presenza urbana na vista desde a vella praza da Fariña.

Para engadir o soar contiguo de 7,70 metros de lonxitude, no ano 1962 derrubouse a casa de planta baixa existente. Deste xeito substituiríase o seu aspecto por unha nova arquitectura que concordase coa nobreza do inmoble e regularízase a súa altura. Concíbese cun corpo de catro pisos, con peche de boa cantaría definido por dúas pilastras dóricas monumentais, cun gran portalón alintelado de moldura clásica e cunha sucesión de pequenos ocos que emulan as formas dos arcos e os gardapós históricos.

Segundo apuntan os investigadores, gran parte deste sector lateral engadido fíxose con elementos pétreos provenientes do antigo Hospital de Caridade, derrubado en 1958.

A fachada desenvolve un xogo superposto de vans moi parecidos aos da fachada principal: unha porta, convertida hoxe en xanela que repite o modelo da bufarda que tamén se abriu no piso alto, un balcón de voo con repisa de formas curvilíneas no piso nobre e outro sometido no muro na planta alta, ao cal se engadía no extremo occidental do muro outra bufarda que se abre no alto da primeira.

• Fachada lateral á rúa Porta de Aires.

Acomódase a forma do soar en L deitado polo que ten maior lonxitude -13,60 metros- que a fachada da rúa Vedoría, pero desenvolve un plan distinto ao da fachada sur, con outros materiais de construción e con outra disposición de ocos para as xanelas.

En orixe o proxecto da casa debeu prever que as zonas da casa máis en relación cos encontros entre a fachada principal e as laterais fosen case simétricos ou, polo menos, presididos por dous balcóns de gran voo das mesmas características no piso nobre, pero actualmente o lenzo que segue da fachada norte é de cachotaría recebada con apertura de ocos, todos eles con arco escarzano, pero sen eixos de simetría.

No baixo, tres xanelas sobre outras tantas bufardas con que están aliñadas, na planta principal unha bufarda con gardapó (aberto despois do 1962-63) tres grandes vans con gardapós orixinalmente das mesmas características que as da fachada principal, pero acurtados posteriormente e na planta alta dúas xanelas de menor tamaño.

• A cuberta.

Ao respecto da cuberta, pódese observar que os muros que dan á terraza e os que pechan exteriormente a bufarda da cuberta están recebados e pintados de cor branca. Os ocos abertos nestes elementos na cuberta teñen unhas características alleas aos do resto do edificio, cunhas proporcións e dimensións distintas.

O canlón está actualmente recuado uns 70 cm respecto da liña exterior da cornixa do edificio en todo o seu perímetro. Esta solución concorda coa presenza das dúas gárgolas orixinais existentes nas esquinas arredondadas do edificio; non entanto, pode observarse nas fotografías anteriores á intervención da década de 1960 que o edificio tivo un canlón perimetral e baixantes vistas nesas esquinas.

• Organización en planta.

A planta orixinal da Casa Cornide ten forma de L deitado coa súa fronte cara á rúa Vedoría sen apenas profundidade. Logo da ampliación por este lateral coa parcela estremeira toma o aspecto de trapecio irregular que coñecemos na actualidade.

Respecto da organización de estancias, o baixo parece conservar a habitación-soto trapezoidal aberta cara á Vedoría cunha das súas esquinas curvadas que soportaba unha entreplanta de baixa altura. Cara a Porta de Aires, dúas habitacións rectangulares, unha delas tamén cun ángulo curvado ao dispoñerse na esquina. A distribución actual presenta dúas vivendas a cada lado da escaleira principal, cada unha co seu vestíbulo, sala, catro dormitorios, baño, servizo e unha cociña-comedor.

O primeiro andar estaba ocupado a todo o longo da fachada principal por un amplo salón diáfano que recibe luz dun grande número de ocos que o iluminaban. A casa orixinal, debeu ter un gabinete e un salón principal co seu estrado e antesala, como era habitual nas casas señoriais da época, que no tempo en que a casa estivo en mans do centro cultural dos Tomasinos se utilizou como sala de cinema.

Hoxe en día esta planta está destinada a vivenda principal, queda presidida por tres estancias en enfilada que conforman, de norte a sur, o comedor –hoxe convertido en biblioteca–, o gran salón rectangular aberto ao balcón da fachada e unha espazosa sala de estar, todo relacionado na súa parte posterior con dous dormitorios, baños, un vestidor e unha cociña cunha habitación para o servizo que se vertebra cun corredor e a caixa de escaleiras xa sinalada.

A pesar de non ter información directa e actual do estado actual do interior, puido constatarse, en fotografías recentes, que o salón principal da planta primeira está compartimentado por portas corredoiras enmarcadas por molduras mixtilíneas de cantaría, que semellan as que abren os corredores dos patios e os accesos ás antigas enfermarías do antigo Hospital Real de Santiago. Ademais, neste salón, o espazo central resultante entre ambas as portas cóbrese por unha bóveda que semella de moderna factura.

Na planta segunda había tabiques lixeiros que dividían o espazo nunha sala á esquerda de formato rectangular con todas as súas esquinas curvadas, dúas estancias regulares comunicadas por unha porta central e, no fondo, a dita escaleira secundaria con outra estancia de similares características á do andar primeiro.

Agora este andar configúrase á maneira dunha terceira vivenda con catro dormitorios cos seus baños, unha cociña coa súa despensa e dúas salas amplas que se destinan a salón e comedor.

O baixo cuberta tiña a compartimentación típica dos faiados, de varias pequenas estancias separadas por uns tabiques lixeiros que reciben luz dunha pequena bufarda. Na actualidade a distribución desta planta indica que pode ser a vivenda do servizo polos seus espazos máis divididos e sinxelos: catro dormitorios pequenos, un baño común e o cuarto de lavado e costura, que se abre pola parte posterior a un patio de luces cun lucernario que dá luz cenital ás escaleiras secundarias.

3.3. Partes integrantes e bens mobles.

• Elementos singulares no exterior.

◦ Reixaría: os ferros tamén recollen a influencia de modelos galos e completan o significado estético da fachada coa súa presenza en todos os ocos, reforzando así a importancia da casa. Segundo a relevancia do lugar que ocupen, presentan deseños diferentes; comúns de sinxela forma de reixa nas bufardas baixas para impedir o acceso desde a rúa; sinxelos, pero de certa complexidade nos balcóns do piso alto, cos seus finos balaústres torneados e máis sofisticados nos peches que cobren os ocos da planta baixa. Sen dúbida os ferros máis espectaculares son os que compoñen as grandes varandas dispostas nos balcóns de voo, semellando elementos de tipo vexetal e con orixinais perfís.

◦ Carpintaría: as carpintarías son outro dos elementos que tamén merece alusión, aínda que en orixe tiña unha disposición diferente á actual, resultado da reforma realizada na casa a partir de 1962.

◦ Xanelas: as xanelas primitivas dispoñían de bastidores de cuarteirón pensados para enmarcar vidros pequenos e de formato cadrado algo distintos dos actuais; pero todos os balcóns da planta principal e superior tiñan un sistema de apertura de follas que se abatían cara a fóra, segundo os usos da arquitectura galega.

◦ Porta de entrada: a porta da entrada principal non responde aos modelos refinados da fachada, e semella máis ao estilo dos mestres de obras, con molduras pétreas rectilíneas e dúas follas moi robustas, decoradas de forma idéntica, con potentes paneis centrais de formato oval en que se dispoñen dous picaportes grandes de ferro en forma de argola.

◦ Escudo: o escudo señorial que coroa a fachada da casa está orlado con roscas, volutas, vieiras e elementos vexetais ricamente amalgamados e separa os cuarteis cunha moldura en forma de cruz. Presenta as armas dos Cornide na seguinte disposición: 1º armas dos Cornide ou dos Santiso (cruz latina con dúas cabezas sobre dúas estrelas baixo os brazos); 2º a torre dos Pardiñas ou Rioboo, dunha de cuxas xanelas sae un brazo co estandarte dos Villardefrancos; 3º as armas posiblemente dos Luaces e 4º as dos Bermúdez de Castro (seis roeis orlados).

◦ Placa: a placa conmemorativa do nacemento na casa de José Cornide Folgueira e Saavedra, colocada en 1892 no baixo da fachada principal, lugar principal, visible e destacado do edificio, moveuse na reforma do inmoble en 1962 á fachada lateral norte mirando para a rúa Porta de Aires, para ocupar un lugar secundario.

• Partes consubstanciais ao inmoble no seu interior.

A documentación elaborada para o estudo do valor cultural do inmoble non puido completarse cunha información recente do interior. Tamén é escasa a documentación sobre as intervencións realizadas nos cambios de propiedade e uso do edificio. Por tal motivo non resulta posible determinar con total detalle as características do inmoble na actualidade, logo das sucesivas transformacións producidas. Porén, pode presumirse pola información existente a permanencia dunha serie de elementos relevantes na conformación do interior do edificio como partes integrantes del.

En termos xerais, esta construción, de pouca profundidade en orixe, aséntase nun declive da rúa de Damas e desenvolve unha planta trapezoidal en escuadro con máis lonxitude cara ao norte. A solución curvada nos encontros de fachadas ten a súa correspondencia nas estancias que ocupan estes lugares no interior.

O elemento interior de maior porte debeu ser o espazo da entrada, vestíbulo de planta lixeiramente rectangular que recibe luz da porta de acceso e dunha das xanelas baixas coa súa bufarda inferior. Domina a estancia a súa escaleira monumental asimétrica, con tiro de arranque curto, bifurcada no primeiro relanzo, que é cadrado. Un tramo sobe cara á dereita, ata a porta de acceso á escaleira posterior de servizo, e o outro á esquerda parece levar a unha especie de entreplanta que estaría situada sobre a estancia que queda á man esquerda da entrada.

A dita escaleira pétrea, de formas rectilíneas e ángulos ben definidos con amplas balaustradas que se apoian en alicerces, presenta solucións relacionadas coa arquitectura vernácula, froito, seguramente, da intervención do mestre de obra da casa e afastadas dos modelos galos empregados no exterior.

A escaleira secundaria, de caixa máis cadrada e regular e situada cara ao fondo do brazo norte, é máis sinxela e funcional. Segue un modelo moi común sen ningunha novidade destacable: planta cadrada algo irregular, con tres tramos que ascenden formando ángulos rectos cara á planta alta deixando no seu interior un oco de forma cuadrangular. Orixinariamente debeu ser de madeira e a súa varanda moi sinxela, seguramente de madeira ou con lixeiros balaústres de ferro, pero coa reforma do ano 1962 déuselle un aspecto máis nobre.

• Bens mobles.

O devir histórico da Casa Cornide e os seus diferentes posuidores e usos propiciaron a probable desaparición de pertenzas que estiveron relacionados cos seus moradores orixinarios, a familia Cornide.

As sucesivas transmisións e a implantación de usos culturais e de acceso público producirían a súa continua transformación ata a adquisición pública ao remate da primeira metade do século XX. Logo do proceso de alleamento da titularidade pública do Concello da Coruña, adáptase de novo para o uso de residencia, cunha decoración con bens que, en xeral, semellan evidenciar un gusto anticuario, ecléctico e historicista.

A información de que se dispón para valorar o estado actual do inmoble, as súas partes integrantes e pertenzas non procede dun acceso recente ao seu interior, senón da información e documentación, fotografías e hemeroteca que se incorpora e analiza no estudo promovido polo Concello da Coruña.

Porén, o descoñecemento da situación actual non altera o valor, significado nin cualidades da xeneralidade do inmoble e as partes si identificadas, que en calquera caso serían completadas ou aumentadas por estas partes integrantes ou pertenzas do interior. O proceso de instrución do expediente incoado require do acceso ao seu interior nas condicións e coa finalidade establecida no artigo 36.1.c) da LPCG, que obriga aos propietarios e posuidores dos bens a facilitaren o acceso ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios na tramitación dos procedementos de declaración de interese cultural.

4. Estado de conservación.

Durante os case 250 anos da súa historia a casa perdeu o seu uso orixinal como mansión señorial, e pasou a herdeiros sucesivos e foi empregada para actividades culturais e recreativas ata a compra polo Estado que, finalmente, a permuta ao Concello da Coruña, que en 1960 allea o inmoble e se rehabilita para recuperar a súa función residencial. Todos os cambios sufridos ao longo da súa dilatada historia non desvirtuaron a súa autenticidade, nin impiden apreciar as súas características relevantes ou atributos que evidencian a súa integridade.

Na actualidade o estado xeral de conservación da envolvente exterior do edificio é bo, con pequenas alteracións en puntos concretos e relacionados con patoloxías puntuais que fican profusamente documentadas na documentación elaborada polo Concello da Coruña, que, así mesmo, recolle recomendacións para a súa conservación, análise e documentación gráfica e planimétrica sobre o monumento que, como parte do expediente para a súa declaración, deben ser tomados en consideración para as determinacións sobre as actuacións autorizables no inmoble.

O feito de non ter acceso ao interior da vivenda impide facer unha valoración completa do estado de conservación actual do inmoble alén do que se evidencia desde o exterior, que permanece sen grandes cambios aparentes en relación coa súa última reforma, segundo se recolle na documentación descritiva achegada polo Concello da Coruña.

5. Valoración cultural.

Segundo o establecido no artigo 87 da dita LPCG integran o patrimonio arquitectónico os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás que se recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela.

O dito artigo tamén indica que o patrimonio arquitectónico se caracteriza polas técnicas construtivas, os volumes, os espazos e os usos, as linguaxes formais e a expresividade das estruturas, e as cores e as texturas dos materiais.

Así mesmo, indica que o patrimonio arquitectónico aparece integrado de forma harmónica no territorio, formando parte das cidades, dos núcleos urbanos e rurais tradicionais e dos seus contornos naturais ou construídos, así como nos ámbitos territoriais que contribuíu a transformar e caracterizar.

No artigo 88 da LPCG indícase que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos edificios destinados ao uso privado, de carácter urbano, construídos con anterioridade a 1803, que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades.

O artigo 83 da LPCG indica que os escudos elaborados con anterioridade a 1901 teñen a consideración de bens de interese cultural.

A casa dos Cornide, símbolo do poder señorial, reúne valores históricos e arquitectónicos e sobresae pola súa singularidade ao fusionar certo carácter militar definido pola robustez do seu aspecto pétreo, os seus elementos barrocos propios do facer autóctono e o seu carácter cosmopolita propio da arquitectura da primeira Ilustración.

As súas formas francesas e próximas á estética rococó non teñen paralelo con ningunha outra construción barroca do seu tipo na escena urbana galega, caracterizada polo emprego de estilos máis vernáculos que se limitaban a manifestar o seu carácter nobiliario coa presenza dun escudo armeiro na súa fachada principal, polo volume inxente da súa fábrica ou pola simple ordenación dos seus vans que moitas veces converteron os grandes balcóns de voo nunha exhibición de poder. Son moi poucos os edificios galegos que poden identificarse cun estilo de raizame rococó dunha maneira tan evidente, coa presenza de ricas varandas de ferro forxado moi decoradas «ao francés», de repisas curvilíneas nos seus balcóns, do ritmo curvo nos vans e das formas asimétricas e de rocalla que adornan o escudo señorial que preside a fachada. Mesmo os seus peches en esquina curvos son excepcionais no seu tempo.

A significación monumental da Casa Cornide increméntase ao apreciar a súa excepcionalidade artística no contexto arquitectónico coruñés, ou mesmo no galego. A dita edificación érguese nun lugar privilexiado dentro do contexto urbano da Cidade Vella da Coruña, preferente e de gran significación ao presidir, coa igrexa de Santa María do Campo, o adro da colexiata. Ao mesmo tempo, esta posición predominante e de poder acentuábase pola súa proximidade a outros edificios de carácter representativo: o vello edificio das Casas Consistoriais, o Palacio da Audiencia, a praza do convento das Bárbaras, a igrexa conventual de San Domingos e o antigo palacio dos marqueses de Montaos.

A Casa Cornide tamén é unha edificación de gran valor polo seu carácter residencial dunha das nosas máis destacadas personalidades do Século das Luces, o ilustre polígrafo coruñés José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra, que acadou unha especial notoriedade no panorama nacional de Ilustración e cuxo legado tamén conforma un ben sobranceiro do patrimonio cultural de Galicia.

6. Usos.

Na orixe a Casa Cornide foi concibida como mansión señorial e representativa. Ao longo dos seus máis de dous séculos e medio de historia, a edificación foi obxecto de diferentes usos, entre os cales destacan usos públicos e culturais, ben que no último medio século a casa retomou a función residencial.

Nos informes e ditames dos órganos consultivos destácase a incorporación aos diferentes usos públicos, en especial o uso como centro cultural e cinema durante a primeira metade do século XX, como relevantes para a consideración e apreciación das comunidades locais da súa importancia e interese.

Por tanto, estes usos considéranse os característicos e compatibles co monumento, ben que en ningún caso debería o seu uso condicionar o mantemento das súas condicións de integridade. Calquera uso dos propios do monumento deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos do edificio e adaptarse ás súas características e ás condicións de uso a fin de preservar a súa integridade física e a súa mensaxe cultural.

7. Réxime de protección.

A resolución de incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural o inmoble determinará a aplicación inmediata, aínda que provisoria, do réxime de protección previsto na LPCG para os bens xa declarados, segundo o seu artigo 17.4 e 17.5.d) e, complementariamente, o establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos.

Para completar e precisar o alcance da protección e definir os espazos e sistemas construtivos, aos elementos decorativos ou ornamentais e á totalidade dos bens existentes no interior do inmoble que constitúen xunto a este unha unidade singular, durante o procedemento de declaración de ben de interese cultural, o persoal técnico designado pola da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural deberá acceder ao seu interior para a súa completa documentación e para determinar a súa relación co monumento e os seus valores culturais. Entre tanto, e de forma cautelar e provisoria, seralles de aplicación o réxime de protección que a LPCG establece para os monumentos e as súas partes integrantes e o resto dos bens vinculados.

De forma resumida, o réxime de protección definido implica os seguintes aspectos:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

• Transmisións: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

• Exportación: a súa exportación queda prohibida en aplicación do disposto no artigo 5.3 da LPHE, sen prexuízo de que poida ser autorizada pola Administración do Estado a súa saída temporal nas condicións que se determinen e tomando en consideración que o incumprimento delas ou do seu retorno terá a consideración de exportación ilícita.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

A proposta de delimitación do ben e do seu contorno de protección, que determinan a aplicación dos réximes de protección derivados da súa consideración como ben de interese cultural, procura a maior integración coas determinacións vixentes do Plan especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e A Peixaría, aprobado definitivamente o 14 de decembro de 1998, que identifica o inmoble situado na rúa Damas, nº 25 coa ficha nº 220 da unidade edificatoria 932460, xa que se consideran axeitadas para a súa protección.

1. Delimitación do ben.

O ben delimitado coincide co perímetro da planta da Casa Cornide, incluíndo o volume engadido na reforma e ampliación da década de 1960 (antigo núm. 7 da rúa Vedoría), por considerase que forma unha parte inseparable do inmoble. O ben ten unha ocupación de 277 m2 de superficie.

2. Contorno de protección.

Considérase precisa a introdución dun contorno de protección específico, alén de que o contexto xeral de pertenza ao conxunto histórico xa garante unhas condicións de integración e de protección axeitadas, para delimitar o espazo e ámbito máis inmediato en que as relacións de proximidade e visibilidade concretas co monumento introducen aspectos novos que deben ser tomados en consideración nas propostas de intervención e usos no ámbito, en especial no espazo público, e que, así mesmo, serían de aplicación en caso de non rexer ou derrogarse o vixente plan especial. O contorno de protección proposto inclúe a colexiata de Santa María do Campo e o cruceiro do seu adro, ambos bens considerados de interese cultural, e sería común para os tres inmobles. A superficie deste contorno é de 9.205 m2.

missing image file