Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 26 de maio de 2021 Páx. 26003

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 de maio de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual número 17 das Normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa, de regulación das aliñacións públicas en solo urbano MIR e solo de núcleo rural.

O Concello de Vilanova de Arousa remite a modificación puntual referida de cara á súa aprobación definitiva, conforme ao previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e aos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación redactada polo arquitecto Alejandro Arias Novas en marzo de 2019, con aprobación provisional plenaria do 30.9.2019; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vilanova de Arousa conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NNSSP) aprobadas definitivamente o 14.3.1997, publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 28.5.1997 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) do 5.5.1997.

I.2. Mediante Resolución do 23.8.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria esta modificación puntual (MP) (expediente 2016AAE1873 e código 1802/2016).

I.3. Constan informes municipais: técnico, do 19.1.2018; xurídico, do 19.1.2018; e o de secretaría, do 22.1.2018.

I.4. A Modificación puntual aprobouse inicialmente polo Concello Pleno do 29.1.2018, expoñéndose ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 12.3.2018 e no xornal Diario de Arousa do 2.2.2018. Consta no expediente certificado do secretario xeral do día 25.2.2019, das alegacións achegadas nese período.

I.5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron realizadas as consultas e solicitados informes sectoriais, recibíndose: Portos de Galicia (consta informe do 10.10.2018); Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (informe do 8.10.2018, previsto no Plan de Ordenación do Litoral); Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 19.6.2018); Instituto de Estudos do Territorio (informe do 25.9.2018 e 26.9.2018); Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe do 21.6.2018); Axencia Galega de Infraestruturas (informe do 12.9.2018, 22.5.2019, 23.5.2019, 28.8.2019 e 31.10.2019); Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (informes de 3.7.2018 e 12.11.2019); Augas de Galicia (informes do 20.12.2018 e 21.12.2018) e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 08.06.2020, 19.11.2020 e 1.3.2021.

Non foi recibida contestación ás solicitudes de informe a: Deputación Provincial de Pontevedra, Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Caldas de Reis, Cambados, Meis, Portas, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, non sendo recibida a súa resposta.

I.6. O Concello de Vilanova solicitou informe a Subdelegación do Goberno, quen remite: informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 29.3.2019; requirimentos da Unidade de Estradas do Estado en Galicia do 8.3.2018 e 20.3.2018; e informe do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do 11.3.2019. Constan informes de: Dirección Xeral da Costa e o Mar do 4.12.2017, 17.5.2018, 16.1.2020, 12.5.2020 e 24.9.2020; Unidade de Estradas do Estado en Galicia do 13.5.2019; Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da información (informes de 16.2.2018 e 7.8.2020); e solicitude á Deputación de Pontevedra, así como do informe previsto no artigo 22.3 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.

I.7. Constan informes municipais: técnico, favorable, do 19.09.2019; xurídico, do 24.9.2019; de intervención, do 20.9.2019; e de secretaría, do 26.9.2019.

I.8. O Pleno do Concello aproba provisionalmente a Modificación puntual en sesión do 30.9.2019.

1.9. O concello achega o documento aprobado provisionalmente. Dáse resposta aos requirimentos do Servizo de Urbanismo e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Constan informes municipais favorables da arquitecta municipal, xurídico e de secretaría, do día 18.1.2021.

I.10. O Pleno do Concello aproba provisionalmente esta modificación puntual en sesión do 25.1.2021 e achega o expediente segundo o previsto no artigo 60 da LSG.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxectivo desta modificación puntual é establecer unha nova regulación do sistema viario, principalmente no tocante ás aliñacións e aos recados das edificacións ao lindeiro frontal, nos ámbitos clasificados como solo de núcleo rural e no solo urbano mixto industrial residencial MIR; afectando a integridade da regulación do sistema viario das normas subsidiarias que contraveñan o expresado na nova regulación.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público esixidas no artigo 83.1 da LSG para as modificacións do planeamento urbanístico xustifícanse na adecuación da normativa á lexislación vixente e a mellora da articulación dos espazos libres públicos cos espazos edificados.

III.2. Deuse cumprimento ás cuestións indicadas no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 13.6.2016.

III.3. Nos informes sectoriais recadados non se manifestaron obxeccións á modificación puntual. Respecto daqueles que estaban condicionados, cómpre sinalar:

• No informe da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do 16.1.2020 realízanse consideracións que se vaian emendar e incluír na proposta final de plan para que, unha vez aprobada definitivamente, se remita de novo a esa Dirección Xeral. No informe desa mesma Dirección Xeral do 12.5.2020 danse por cubertas algunhas das emendas, aínda que no documento agora remitido para aprobación definitiva non se recollen as correccións requiridas nas fichas 33 e 174 do catálogo nin na folla 6 do plano 7.

• A documentación remitida non da cumprimento ás normas técnicas de planeamento (NNTT) aprobadas por Orde do 10.10.2019, segundo o establecido nas súas disposicións transitorias primeira (adaptación ao título III) e segunda (remisión de datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado, ou axustado ás normas técnicas).

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 17 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa, relativa á regulación das aliñacións públicas en solo urbano MIR e solo de núcleo rural, condicionada á emenda das correccións requiridas en materia de costas e á remisión da documentación adaptada ás NNTT, sinaladas no punto III.3 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda