Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 4 de xuño de 2021 Páx. 27984

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2021, da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias de seis vivendas de promoción pública, para o expediente OU-2017/010, no concello de Cenlle.

De conformidade co establecido no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, en sesión do 27 de maio de 2021,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección das persoas adxudicatarias de seis vivendas de protección oficial de promoción pública, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

1. Número de vivendas: 6.

2. Localización e tipoloxía das vivendas: Rúa Nova, nº 24, 26, 28, 30, 32, 34, en Cenlle (Ourense).

• Vivendas unifamiliares cunha superficie de 90,98 m2. Constan todas elas de dúas plantas, con tres (3) dormitorios, e teñen como anexos unha praza de garaxe e un rocho.

Segundo. Cualificación das vivendas

A promoción obtivo a cualificación provisional de vivendas de promoción pública en virtude da Resolución da xefa territorial do IGVS de Ourense do 13 de maio de 2021.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción

As vivendas adxudicaranse en propiedade ou arrendamento. Será obrigatoria a adxudicación en réxime de arrendamento cando os ingresos ponderados das persoas solicitantes, computados os da totalidade dos membros da unidade familiar ou de convivencia en que estean integradas, sexa inferior a 1,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

Cuarto. Condicións xerais das persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas VPP as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipados, con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou anotadas, na data desta resolución de inicio, no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, na sección 1ª, como demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública, para o concello de Cenlle como concello preferente.

b) Ter ingresos ponderados por unidade familiar ou de convivencia entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM.

c) Residir ou traballar no concello de Cenlle, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou de convivencia, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Se resulta adxudicatario/a, queda obrigado/a a ofertarlle ao IGVS a dita vivenda.

• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non encontrarse nalgunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou de convivencia:

• Que xa fosen titulares dunha VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou que a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, ao xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles, que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do anterior, será requisito para a adxudicación das vivendas manter a vixencia da inscrición no Rexistro de Demandantes ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta da súa renovación, de resultar obrigado a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

1. Réxime de compravenda:

a) O valor das vivendas de promoción publica será elaborado con base no 100 % do módulo aplicable a cada metro cadrado de superficie útil das vivendas, segundo a área xeográfica en que estean situadas, vixente no momento da cualificación definitiva da promoción. No caso de vivendas unifamiliares, a dita base será do 120 %.

b) Os prezos de venda fixaranse en atención ao valor da vivenda e aos ingresos ponderados das persoas adxudicatarias, e serán os seguintes:

I. Para as persoas adxudicatarias con ingresos familiares ponderados comprendidos entre 2 e 2,5 veces o IPREM: o 70 % do valor da vivenda segundo o estudo económico. De existiren rochos e garaxes vinculados, o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

II. Para as persoas adxudicatarias con ingresos familiares ponderados comprendidos entre 1,5 e 2 veces o IPREM: o 60 % do valor da vivenda segundo o estudo económico. De existiren rochos e garaxes vinculados, o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

III. Para as persoas adxudicatarias con ingresos familiares ponderados ata 1,5 veces o IPREM: o 50 % do valor da vivenda segundo o estudo económico. De existiren rochos e garaxes vinculados, o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

c) As vivendas venderanse aprazando a totalidade do prezo, que producirá un xuro máximo anual do 5 %, que se devolverá en 30 anos en cotas mensuais integradas por capital e xuros. Cando no momento da adxudicación definitiva do grupo, efectuada pola Comisión Provincial de Vivenda, o tipo de xuro anteriormente establecido for superior ao fixado polo Consello de Ministros para os convenios que subscriba o Ministerio de Vivenda coas entidades prestamistas para o financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo, entenderase que este último será o tipo de xuro aplicable.

d) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de compravenda, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria dos gastos e impostos que procedan.

2. Réxime de arrendamento:

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete (7) anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibida en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento de adxudicación e data do sorteo

De acordo co previsto no Decreto 1/2010, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre todas as persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes que reúnan as condicións descritas no punto cuarto desta resolución.

O sorteo, de ser o caso, terá lugar ante notario o día 4 de xuño de 2021, nas dependencias da Área Provincial do IGVS, na rúa Sáenz Díez, nº 1, de Ourense, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, caso en que se publicará a nova data do sorteo na páxina web do IGVS.

A lista de espera da quenda xeral estará integrada por 12 membros e manterá a súa vixencia ata o día 31 de decembro de 2021 ou ata que se realice un novo sorteo de vacantes.

Ademais de polo transcurso do prazo, a lista de espera caducará automaticamente cando se esgote por non quedaren integrantes a quen ofertarlles as vivendas.

Unha vez rematado o sorteo, publicaranse a lista provisional de persoas adxudicatarias e a lista de espera e, realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, esta comisión provincial ditará resolución aprobatoria das listas definitivas de persoas adxudicatarias.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a mentres non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

En caso de renuncia ou incumprimento doutros requisitos, procederase á exclusión da unidade familiar ou convivencial da lista, cos efectos previstos no artigo 73.3 da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, se é o caso.

Sétimo. Reservas

Non se fai ningunha reserva das establecidas nos artigos 74 da Lei 8/2012 e 34 do Decreto 253/2007.

Oitavo. Publicidade e reclamacións

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia, e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentaren reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

A lista definitiva publicarase de igual forma que a lista provisional. A resolución aprobatoria porá fin á vía administrativa. Contra esta resolución poderase interpor recurso de reposición no prazo dun mes, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano xurisdicional.

Noveno. Adxudicación das vivendas e prazo para renunciar

A adxudicación seralles notificada ás persoas interesadas e deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e prezo da renda.

Para os efectos do previsto no artigo 28.2 do Decreto 1/2010, establécese un prazo de quince (15) días para que, no caso de resultaren adxudicatarias definitivas dunha destas vivendas, as persoas interesadas poidan renunciar a elas ou, no caso de aceptalas, efectuar o ingreso dos impostos e gastos que procedan no caso de compravenda.

Décimo. Actuación revisora

Correspóndelle á Comisión Provincial de Vivenda a revisión das adxudicacións de vivendas nos casos en que se observe que a dita adxudicación se produciu tendo en conta datos falseados ou incompletos.

A falsidade ou ocultación na achega de datos dará lugar á incoación do oportuno expediente sancionador, coas consecuencias e efectos que figuran na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

Ourense, 27 de maio de 2021

Victoria Núñez López
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense