Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Sábado, 5 de xuño de 2021 Páx. 28013

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de xuño de 2021 pola que se modifican o anexo da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, e o anexo II da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

I

No Diario Oficial de Galicia núm. 102-bis, do mércores 2 de xuño de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se modifican o anexo da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, e o anexo II da Orde do 28 de maio de 2021pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

As ditas ordes ditáronse consonte o disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, en que se establece que as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Tamén establece que a persoa titular da consellería competente na dita materia, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

A adopción das medidas recollidas nas ordes do 26 e do 28 de maio de 2021 veu determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como se xustifica nas respectivas exposicións de motivos.

Para facer fronte a esta, a dita Orde do 26 de maio de 2021 recolle unha serie de medidas limitativas de dereitos fundamentais que poden clasificarse en dous grupos: por unha banda, as que afectan aqueles concellos que se atopan en situación de risco máximo e que inclúen o peche perimetral dos seus ámbitos territoriais, as limitacións de grupos de persoas a conviventes e o chamado toque de recollida e, por outra banda, as medidas menos restritivas que limitativas dos grupos de persoas, que se aplican no resto dos concellos da Comunidade Autónoma. Cómpre salientar neste momento que, en cumprimento do disposto no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, as medidas recollidas na Orde do 26 de maio foron ratificadas mediante o Auto 70/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Pola súa parte, na Orde do 28 de maio de 2021 recóllese un amplo catálogo de medidas específicas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que poidan desenvolverse en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que, para lograr o fin proposto, resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A necesidade e proporcionalidade das medidas adoptadas xustifícase tamén na exposición de motivos da devandita orde, á cal nos remitimos.

Cómpre indicar, por outra banda, que o número 3 do punto sétimo da Orde do 26 de maio de 2021 e o número 2 do punto sétimo da Orde do 28 de maio de 2021 dispoñen que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nas citadas ordes serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade. Polo tanto, as ordes do 26 e do 28 de maio de 2020 prevén expresamente a posibilidade de acometer a súa modificación coa finalidade de adaptalas á realidade da evolución da pandemia.

Nesta liña, débese salientar que, en termos xerais, se mantén na Comunidade Autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas nas ditas ordes, aínda que a concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos mudou e fíxose necesario acometer unha modificación daquelas coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación, atendendo aos datos recollidos no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 4 de xuño de 2021, do cal pode destacarse o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, volve descender por debaixo de 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. As áreas da Coruña, Ferrol e Ourense superan o 1 e Lugo está no seu límite.

Do total de concellos de Galicia (N=313), 147 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 189. Isto supón un aumento en dous concellos a 14 días e de 10 concellos a 7 días desde hai 7 días, que era de 145 e 179, a 14 e 7 días.

Entre o 24 e o 30 de maio, realizáronse 52.442 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (38.300 PCR e 14.142 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 1,97 %, un 30 % inferior á observada hai unha semana, con datos de entre o 16 de maio e o 22 de maio, que era do 2,59 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 25 e 58 casos por cen mil habitantes, cun descenso tanto a 7 como a 14 días do 40 % e 24 %, con respecto a hai unha semana, en que era de 35 e 73 casos por cen mil habitantes, respectivamente.

A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, 4 tramos, dous deles con tendencia oposta, primeiro crecente, a un ritmo do 7,1 % ata o 27 de xaneiro, e despois decrecente, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) de -6 %; séguelle outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha PCD do 0,8 %, e o 7 de maio detéctase outro cambio en sentido decrecente cunha PCD do -2,3 %.

Segundo este modelo espérase un lixeiro aumento a 7 días e un lixeiro descenso a 14 días. Non obstante, a predición hai que tomala con precaución debido á amplitude dos intervalos de confianza, especialmente a 7 días, xa que esta amplitude implicaría que pode ir en calquera sentido.

Respecto da situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 45,98 casos por 100.000 habitantes de Ourense e os 74,62 de Vigo.

As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto a hai 7 días. Ningunha das áreas presenta taxas a 14 días con valores superiores aos 100 casos por 100.000 habitantes, nin taxas a 7 días superiores aos 50 casos por 100.000 habitantes. As áreas sanitarias de Ferrol e Santiago aumentaron lixeiramente a taxa a 7 días, e as de Santiago e Ferrol a 14 días.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 84,3, o que significa un descenso do 9,4 % con respecto a hai sete días. A taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 3,1 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do 9,4 % con respecto a hai 7 días.

En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 21 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 0,8 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do 18,3 % con respecto a hai sete días, tanto na media como na taxa.

Respecto á situación epidemiolóxica dos concellos de Galicia, naqueles con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 2 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 1 máis que hai unha semana. Ningún destes concellos presenta unha taxa de incidencia a 14 superior aos 500 casos por 100.000 habitantes.

No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 6 presentan unha taxa de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, 1 máis que hai 7 días. Ningún destes concellos presenta unha taxa igual ou superior aos 500 casos por 100.000 habitantes.

O informe conclúe que a taxa de incidencia segue a diminuír a 14 días. A tendencia amosa un novo cambio cara ao descenso cunha porcentaxe de cambio diaria do -2,3 % a partir do 7 de maio. O Rt no global de Galicia segue a descender por debaixo do 1.

A información do modelo de predición indica que a incidencia aumentaría lixeiramente a 7 e descendería a 14 días. Como os intervalos de confianza seguen a ser amplos hai que tomala con cautela, xa que pode ir cara á estabilización, ascenso ou descenso.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, segue por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes, mesmo xa baixou dos 60 por cen mil habitantes. A Área Sanitaria de Vigo xa baixou por debaixo dos 100 casos por 100.000 habitantes.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, hai dous concellos con taxas de incidencia iguais ou superiores a 250 por cen mil habitantes, e ningún deles supera os 500 casos por 100.000 habitantes. Nos de menos de 10.000, hai 6 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 por cen mil habitantes, igualmente ningún supera os 500 por cen mil habitantes.

O feito de que a cepa que está a circular sexa fundamentalmente a cepa británica pode influír nun aumento da transmisión especialmente cando se producen abrochos. A isto súmase a aparición de novas variantes, tamén máis transmisibles, como a P1 do Brasil e a de Sudáfrica e, de forma recente, a cepa india, aínda que de momento, os casos onde se illou esta nova cepa están trazados e controlados.

Sinala o informe, ademais, que o criterio utilizado para determinar o nivel aplicable a cada concello complétase coa consideración doutros criterios tales como os demográficos, pois debe terse en conta que, en concellos de escasa poboación, poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto, ou a análise das características específicas de cada brote. Tamén se presta unha especial atención á existencia de brotes non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, é dicir, casos en que non se coñece cal é a súa fonte de infección, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica dun determinado concello ao longo do tempo, aínda que as súas taxas non indiquen un nivel elevado de medidas de restrición.

A cada un dos distintos niveis de restrición seralle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta ademais que hoxe en día está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19.

Debe salientarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España, e que no noso territorio o virus circulou menos que noutros territorios do Estado, polo que existe un menor nivel de inmunidade natural, ao cal se une o feito de que, como xa se indicou, aínda non se completou o proceso de vacinación e, polo tanto, non se acadou a porcentaxe de inmunidade desexable, mais tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña, a distribución poboacional pode ser desigual, sen esquecer que, mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes do virus que poidan ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, e seguindo as recomendacións xa realizadas polo Comité Clínico nas cales propoñía a posibilidade de descender de nivel de restricións determinados concellos no caso dunha mellora dos seus datos epidemiolóxicos, acórdase que descendan do nivel máximo de restricións ao nivel alto o concello da Pobra do Caramiñal, da Área Sanitaria de Santiago, e o concello de Mos, da Área Sanitaria de Vigo.

En efecto, a evolución dos datos epidemiolóxicos dos citados concellos, cuxas taxas a 7 días descenderon, no caso do concello da Pobra do Caramiñal, un 383 %, e no caso do concello de Mos, un 275 % desde hai unha semana, acadando taxas de 63,4 e 106,2 casos por cen mil habitantes, respectivamente, indica a evolución favorable da situación epidemiolóxica e mostra que o descenso da incidencia é clara.

Así mesmo, no que respecta ás taxas a 14 días, este descenso foi do 83 % na Pobra do Caramiñal e do 20 % no concello de Mos.

Por conseguinte, os citados concellos pasarán do nivel de restricións máximo ao alto á vista da súa evolución epidemiolóxica.

Finalmente, o resto dos concellos de Galicia manterán os niveis xa establecidos na Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia na súa redacción vixente.

II

Sentado o anterior, debe insistirse en que, mediante esta orde, se adaptan a Orde do 26 de maio e a Orde do 28 de maio de 2021 á realidade da evolución epidemiolóxica de determinados concellos. Non se modifican as medidas adoptadas nas referidas ordes, cuxa eficacia se estende ata as 00.00 horas do 12 de xuño e que, polo tanto, se manteñen.

Non obstante, tal e como se indica no punto sétimo das ditas ordes, consonte o seguimento e a avaliación continua da situación que se está a realizar para garantir o respecto aos principios de necesidade e de proporcionalidade, adáptanse as ordes á realidade actual. En concreto, e para acadar unha maior claridade, óptase por publicar de novo a totalidade do anexo da Orde do 26 de maio e do anexo II da Orde do 28 de maio, e actualizar así a listaxe completa dos concellos incluídos en cada nivel de restrición.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 7 de xuño de 2021 e estenderase durante o período en que se manteña a vixencia da Orde do 26 de maio e da Orde do 28 de maio de 2021, que modifica, sen prexuízo do seguimento e avaliación continua a que están sometidas, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Destácase finalmente que, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do anexo da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia

Modifícase o anexo da Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan da autorización xudicial para a súa eficacia, que queda sen contido.

Segundo. Modificación da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o anexo II da Orde do 28 de maio de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Terceiro. Eficacia

1. O previsto nesta orde terá efectos desde as 00.00 horas do día 7 de xuño.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel máximo de restricións.

...

B) Concellos con nivel de restrición alta.

Pobra do Caramiñal (A)

Mos

Ordes

Viveiro

C) Concellos con nivel de restrición media.

Barco de Valdeorras (O)

Boiro

Cenlle

Lobios

Monforte de Lemos

Moraña

Oroso

Ponteareas

Ribeira

Vilalba

Xove

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa.

Abadín

Abegondo

Agolada

Alfoz

Allariz

Ames

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arbo

Ares

Arnoia (A)

Arteixo

Arzúa

Avión

Baiona

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barreiros

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Betanzos

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Bóveda

Boimorto

Boqueixón

Brión

Bueu

Burela

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Caldas de Reis

Calvos de Randín

Camariñas

Cambados

Cambre

Campo Lameiro

Cangas

Cañiza (A)

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carnota

Carral

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Catoira

Cedeira

Cee

Celanova

Cerceda

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Corgo (O)

Coristanco

Cortegada

Coruña (A)

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Culleredo

Cuntis

Curtis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Fene

Ferrol

Fisterra

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gondomar

Gomesende

Grove (O)

Guarda (A)

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Illa de Arousa (A)

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Lama (A)

Láncara

Laracha (A)

Larouco

Laxe

Laza

Leiro

Lobeira

Lourenzá

Lousame

Lugo

Maceda

Malpica de Bergantiños

Manzaneda

Mañón

Marín

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Meis

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Miño

Moaña

Moeche

Mondariz-Balneario

Mondariz

Mondoñedo

Monfero

Montederramo

Monterrei

Monterroso

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Muxía

Narón

Navia de Suarna

Neda

Negreira

Negueira de Muñiz

Neves (As)

Nigrán

Noia

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Oia

Oímbra

Oleiros

Ortigueira

Ourense

Ourol

Outeiro de Rei

Outes

Oza-Cesuras

Paderne de Allariz

Paderne

Padrenda

Padrón

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pazos de Borbén

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Poio

Pol

Ponte Caldelas

Pontecesures

Ponteceso

Pontedeume

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Pontevedra

Porqueira

Porriño (O)

Portas

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rábade

Rairiz de Veiga

Ramirás

Redondela

Rianxo

Ribadavia

Ribadeo

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rosal (O)

Rúa (A)

Rubiá

Sada

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

San Sadurniño

Santiso

Sanxenxo

San Xoán de Río

Sandiás

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sarreaus

Sarria

Saviñao (O)

Silleda

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Soutomaior

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Tomiño

Toques

Tordoia

Touro

Trabada

Trasmiras

Trazo

Triacastela

Tui

Val do Dubra

Valadouro (O)

Valdoviño

Valga

Vedra

Veiga (A)

Verea

Verín

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vigo

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilagarcía de Arousa

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Vimianzo

Xermade

Xinzo de Limia

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo

Zas»