Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 8 de xuño de 2021 Páx. 28399

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2021 pola que se convoca o curso monográfico Fondos europeos NextGenerationEU.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, de 10 de xullo) e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto,

RESOLVO:

Convocar, no marco do programa de actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia, o curso monográfico Fondos europeos NextGenerationEU, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

Neste curso monográfico explicarase o contexto dos novos fondos europeos NextGenerationEU (NG) e a súa incidencia na Administración da Xunta de Galicia nos vindeiros anos, comezando pola planificación dos fondos, que afecta tanto o actual período de programación, como o período 2021-2027.

A continuación, analizarase a integración dos fondos procedentes do paquete de Axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-UE) nos programas operativos Feder e FSE 2014-2020, con especial referencia ás novidades que implica para a xestión dos programas.

En terceiro lugar, abordaranse os recentes cambios normativos, tanto a nivel estatal como autonómico, que perseguen a axilización e simplificación da xestión dos fondos NG, tanto a través de procedementos de contratación pública ou encargos a medios propios como de concesión de subvencións.

Finalmente, trataranse cuestións relacionadas co control interno e externo das actuacións financiadas con fondos NG, incluíndo referencias a aspectos relacionados coas medidas antifraude.

Segunda. Contidos

Neste curso monográfico abordaranse, entre outros, os seguintes contidos:

• A planificación dos fondos comunitarios do Plan de recuperación para Europa e o marco financeiro plurianual 2021-2027.

• Os fondos REACT-UE no programa operativo Feder 2014-2020.

• Os fondos REACT-UE no programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

• Medidas para axilizar a contratación pública financiada con fondos NG.

• Medidas estatais e autonómicas para a axilización interna e externa na xestión de axudas e subvencións publicas financiadas con fondos NG. Os procedementos de concorrencia non competitiva como procedemento ordinario neste tipo de subvencións. O papel da BDNS no control. Especial referencia ás novidades dos convenios de colaboración financiadas con fondos NG. Recomendacións de boa xestión.

• Novidades e potenciación da utilización de encomendas de xestión e encargos a medios propios como medida de cooperación na xestión dos fondos europeos NG. Por que e para que? Recomendacións para a boa xestión. Ideas forza sobre a figura dos Perte (proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica).

• O control interno e a verificación de expedientes cofinanciados con REACT-UE desde o RC ata o pagamento final: incidencias máis comúns.

• A contribución do control externo na xestión dos fondos NG: proactividade, flash-audits e declaracións de fiabilidade na xestión de riscos. Os conflitos de intereses.

Terceira. Persoas destinatarias

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes instrumentais, que participen na xestión e/ou control de fondos europeos.

Cuarta. Desenvolvemento

Data: 17 e 18 de xuño de 2021.

Modo de impartición: presencial.

Horario: 17 de xuño, en horario de mañá e tarde; e 18 de xuño, en horario de mañá.

Duración: 11 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

80.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Unión Europea: políticas públicas e procedemento comunitario) e despois seleccionar o nome do curso: Curso monográfico Fondos europeos NextGenerationEU.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 11 de xuño de 2021.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co indicado na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas no teléfono 981 54 62 64.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a iep.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou foron excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a iep.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. O seguimento e a puntualidade:

a) É obrigatorio o seguimento da sesión desta actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

c) Respecto ao non seguimento:

1. O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Décimo segunda. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública