Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 9 de xuño de 2021 Páx. 28612

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 2 de xuño de 2021 de modificación da Orde do 8 de xullo de 2020 pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso e o ingreso nos corpos da Policía local de Galicia, escala básica, categoría de policía, quendas de acceso libre e concurso.

A Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nº 304/2021, do 19 de maio, admitiu a cuestión de ilegalidade promovida polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo no Auto do 11 de marzo de 2021, ditado no procedemento ordinario 296/2019 e anulou o artigo 35, letra e), do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Tendo en conta que a orde do 8 de xullo de 2020, pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso e ingreso nos corpos da Policía local de Galicia, escala básica, categoría de policía, quendas de acceso libre e concurso contén no seu número 2.2 o requisito contido na referida letra e) do artigo 35, faise necesario modificar a orde publicada no Diario Oficial de Galicia, con data 10 de xullo de 2020.

De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de Policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 22 de novembro), esta vicepresidencia primeira, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,

DISPÓN:

Artigo único. Modificación da Orde do 8 de xullo de 2020 pola que convoca o proceso selectivo para o acceso e ingreso nos corpos da Policía local de Galicia, escala básica, categoría de policía, quendas de acceso libre e concurso

A Orde do 8 de xullo de 2020 pola que convoca o proceso selectivo para o acceso e ingreso nos corpos da Policía local de Galicia, escala básica, categoría de policía, quendas de acceso libre e concurso, modificase nos seguintes termos:

Un. O número 2 do artigo 2 Requisitos das persoas aspirantes, queda redactado como segue:

«2.2. As persoas interesadas en participar neste proceso, na quenda de concurso, deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:

a) Posuír en propiedade, a categoría de policía noutros corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar cunha antigüidade mínima de 3 anos nesa categoría».

Dous. O número 2 do artigo 3 queda redactado como segue:

«3.2. Forma e prazo de presentación no procedemento de concurso (PR461D).

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, correspondente ao anexo II desta orde.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta modificación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Non terán que realizar unha nova solicitude aquelas persoas que a fixeron no prazo do 23 de xullo de 2020 ao 19 de agosto de 2020».

Disposición adicional

Para a valoración dos méritos alegados na quenda de concurso, terase en conta a data límite de presentación de instancias da Orde do 8 de xullo de 2020 pola que se convocaba este proceso selectivo.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo