En cumprimento co disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra (en diante XPCMVMC), en sesión que tivo lugar o 26 de abril de 2021, adoptou a seguinte resolución:
Examinada a renuncia ao expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Baltar a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) do Viso, na parroquia do Viso do concello de Redondela (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:
Primeiro. O 24.3.2018, Álvaro Cabaleiro Durán, en condición de presidente da CMVMC da parroquia do Viso, no concello de Redondela, presenta unha solicitude de clasificación da parcela denominada Baltar achegando a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea da Comunidade do 25.2.2018.
– Certificación catastral descritiva e gráfica da parcela cunha cabida de 650 m2 a nome da Comunidade de Montes do Viso.
– Informe de validación gráfica do 23.3.2018 no cal consta que a parcela ten unha cabida de 636 m2.
Segundo. O Servizo de Montes informa de que a planimetría presentada permite identificar a parcela e que non está clasificada en procedementos anteriores.
Terceiro. O 3.7.2018 o XPCMVMC acordou a iniciación do correspondente expediente de clasificación da parcela denominada Baltar solicitada pola CMVMC do Viso (Redondela).
Cuarto. O 15.9.2018 a CMVMC do Viso presenta diversa documentación histórica con datos sobre a parcela solicitada, entre ela a resolución de clasificación de 1980 a prol desta comunidade, do monte denominado Outeiro Grande, que está preto da parcela Baltar, a foto aérea catastral de 1956 e o plano do proxecto do PXOM de Redondela na parroquia do Viso, que recolle esta parcela a nome da CMVMC do Viso.
Quinto. O 10.10.2018 o Servizo de Montes emite informe preceptivo sobre o terreo do que solicita a clasificación, no cal se recolle que a metade da extensión está ocupada por monte raso e a outra metade por uso forestal de carballo, eucalipto e piñeiro do país. Tamén informa de que coa planimetría presentada a parcela coincide en boa parte coa parcela C do Monte da Mina clasificada a prol da CMVMC de Cesantes, do mesmo concello.
Sexto. O 16.1.2019 o Xurado de Montes solicita á CMVMC do Viso a relación nominal de estremeiros da parcela.
Sétimo. O 19.1.2019 a CMVMC do Viso presenta relación de estremeiros na certificación catastral descritiva e gráfica e certificación do secretario da Comunidade de que a parcela solicitada estrema por todos os ventos con terreos do Concello.
Oitavo. O 1.3.2019 solicítase información sobre esta parcela ao Rexistro da Propiedade de Redondela, que certifica con data do 21.3.2019 que co nome de Baltar aparecen anotadas catro leiras, tres delas a labradío, viña e horta (unha delas mesmo cunha vivenda), a nome de propietarios particulares; e a cuarta é un monte veciñal en man común de 128 ha clasificado en 1980 a nome da Comunidade de Montes do Viso.
Noveno. O 19.6.2019, ábrese trámite de audiencia, comunicado á Comunidade de Montes e ao Concello, así como a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Redondela.
Décimo. O 22.6.2019, o presidente da CMVMC do Viso presenta un escrito de renuncia a proseguir co procedemento de clasificación por ter coñecemento de que a parcela denominada Baltar xa está clasificada a prol da CMVMC de Cesantes, do mesmo concello de Redondela.
Décimo primeiro. O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio do XPCMVMC sobre a iniciación deste expediente.
Décimo segundo. O 7.8.2019 o Concello de Redondela presenta certificación acreditativa da exposición pública no taboleiro de anuncios do Concello da iniciación do expediente de clasificación.
Décimo terceiro. Vista a documentación que figura no expediente, a parcela obxecto deste correspóndese coa seguinte descrición:
Concello: Redondela.
Parroquia: O Viso.
Nome do monte: Baltar.
Cabida: 650 m2 (superficie alegada na solicitude).
Referencia catastral: 36045A0048008040000WD.
Estremas:
Norte: estrada asfaltada chamada Camiño da Tomada.
Sur: intersección entre un muro de propiedades particulares e unha estrada asfaltada.
Leste: estrada asfaltada chamada Subida ao Cruceiro.
Oeste: predios particulares delimitados por un muro.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».
Terceira. O escrito presentado pola CMVMC do Viso renunciando á clasificación interrompe o procedemento. Segundo información facilitada polo presidente da entidade, a renuncia vén motivada pola constatación de que a parcela sobre a cal se incoa o expediente está situada na estrema coa parroquia de Cesantes e xa está clasificada a nome da Comunidade de Montes desa parroquia, ademais de ser de reducido tamaño.
Cuarta. A renuncia aos seus dereitos formulada pola CMVMC do Viso, está recollida no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Constatado que o procedemento non foi iniciado por petición doutros interesados nin se presentaron nel terceiros interesados, en aplicación do artigo 84 da devandita Lei 39/2015, cómpre declarar a terminación do procedemento.
En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Declarar a terminación do procedemento por renuncia da CMVMC do Viso co conseguinte arquivamento do expediente de clasificación.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 20 de maio de 2021
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra