Os centros residenciais prestan un servizo que contribúe eficazmente a facilitar o acceso ao ensino postobrigatorio non universitario do alumnado que debe realizar os seus estudos en localidade distinta á do domicilio habitual. E o normal funcionamento deste tipo de centros, tanto en aspectos relacionados coa orde interna e a convivencia como nos relativos ao desenvolvemento de accións formativas complementarias, exixe que o persoal profesional que traballa na residencia conte co reforzo de colaboradores, alumnado universitario que compatibiliza os seus estudos co labor de apoio na residencia.
A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional en centros residenciais docentes (DOG núm. 62, do 31 de marzo), faculta a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o seu desenvolvemento.
Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Condicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento (ED308A) para adxudicar prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2021/22.
2. O número de prazas ofertadas é o seguinte:
Centro Residencial Docente da Coruña: 18 prazas.
Centro Residencial Docente de Ourense: 6 prazas.
Centro Residencial Docente de Vigo: 6 prazas.
3. As persoas adxudicatarias de prazas de colaborador bolseiro utilizarán os servizos da residencia de forma gratuíta, durante o período de funcionamento en que estea aberta aos residentes.
Artigo 2. Requisitos persoais e dispoñibilidade
1. A persoa solicitante deberá ter os seguintes requisitos:
a) Dezaoito anos feitos, ou alcanzar esta idade dentro do ano natural 2021.
b) Posuír a capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.
2. A distancia entre o centro universitario onde curse os estudos e o centro residencial docente, así como os medios de comunicación existentes, deberán garantir a dispoñibilidade no horario en que teñan que realizar o devandito labor de apoio.
Artigo 3. Requisitos académicos
1. A persoa solicitante deberá estar inscrita ou matriculada en ensinanzas universitarias de grao, máster oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2021/22.
2. Considéranse estudantes en réxime de dedicación académica a tempo completo os matriculados no número de créditos indicado a seguir:
a) Estudos de grao: 60 créditos.
b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o número de créditos que resulte de dividir o total dos que integran o plan de estudos (agás os de libre elección) entre o número de anos que o compoñan.
Estes solicitantes terán preferencia na adxudicación de prazas.
3. Non obstante, as persoas solicitantes en situación de matrícula parcial poderán obter praza cando estean matriculadas no número mínimo indicado a seguir:
a) Estudos de grao: entre 30 e 59 créditos.
b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o 50 % dos créditos indicados no apartado 2.b).
Artigo 4. Incompatibilidades
1. As persoas beneficiarias de praza de colaborador bolseiro non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.
2. Así mesmo, será incompatible con estar en posesión ou reunir os requisitos necesarios para obter un título académico de nivel igual ou superior ao dos estudos que pretende realizar.
3. A condición de beneficiario será compatible coa obtención de axudas na convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia.
CAPÍTULO II
Criterios de baremo: económicos, académicos e outros méritos
Sección 1ª. Valoración de criterios económicos: renda e deducións
Artigo 5. Membros computables da unidade familiar
1. A persoa solicitante deberá indicar os membros computables da unidade familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia cubrindo o anexo II desta orde.
2. Terán a consideración de membros computables da unidade familiar:
a) O alumnado solicitante.
b) As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas.
c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa persoa proxenitora.
d) As irmás e irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan das persoas proxenitoras, sempre que convivan no domicilio familiar.
e) As irmás e irmáns maiores de 18 anos con discapacidade sempre que convivan no domicilio familiar.
3. Cando a persoa solicitante alegue que vive de forma independente respecto da súa unidade familiar deberá acreditar a dispoñibilidade da vivenda (en propiedade, en alugamento...), que vive de forma efectiva nela (recibos de luz, auga...) e que dispón de medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se non xustifica os aspectos indicados, non se considerará probado, para os efectos desta orde, a circunstancia de vida independente.
4. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:
a) A persoa proxenitora que non conviva habitualmente no caso de separación legal ou divorcio, agás que durante a minoría de idade da persoa solicitante houbese custodia compartida.
b) O agresor, nos casos de violencia de xénero constatada de acordo co artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Artigo 6. Renda da unidade familiar
1. Para os efectos desta orde, a renda da unidade familiar obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os números seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas; computaranse as rendas do exercicio fiscal 2019.
2. Cando o membro computable presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, a renda da unidade familiar será a suma da base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non a presente, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Española de Administración Tributaria.
3. Nos casos de separación legal ou divorcio, compútanse os ingresos de ambos os proxenitores se, durante a minoría de idade da persoa solicitante, houbo custodia compartida.
4. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito da persoa proxenitora con que conviva habitualmente a solicitante compútanse para calcular a renda da unidade familiar.
5. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor (artigo 38 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).
Artigo 7. Deducións da renda familiar
Calculada a renda familiar segundo o indicado, aplicaranse as deducións seguintes:
1. 500 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral, e 750 € para familias numerosas de categoría especial, en ambos os casos, sempre que convivan no domicilio familiar.
2. 1.800 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, que estea afectado de discapacidade legalmente cualificada de grao igual ou superior ao 33 %, e 2.900 €, cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.
3. 1.200 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, que curse estudos postobrigatorios, universitarios ou non, sempre que resida fóra do domicilio familiar por razón dos estudos.
Artigo 8. Limiar de renda e baremo
1. Terase en conta o limiar 2 fixado polo Real decreto 688/2020, do 21 de xullo, do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2019/20 (Boletín Oficial del Estado núm. 199, do 22 de xullo).
Cando a persoa solicitante sexa orfa absoluta e menor de 25 anos, o limiar da renda familiar incrementarase no 20 %.
2. Atendendo á porcentaxe que represente a renda da unidade familiar respecto dos limiares calculados segundo o número anterior, atribuiranse as seguintes puntuacións:
a) Ata o 50 %: 6 puntos.
b) Ata o 60 %: 5 puntos.
c) Ata o 70 %: 4 puntos.
d) Ata o 80 %: 3 puntos.
e) Ata o 90 %: 2 puntos.
f) Ata o 100 %: 1 punto.
g) A partir do 100 %: 0 puntos.
Sección 2ª. Valoración do rendemento académico
Artigo 9. Valoración do rendemento académico
1. Para o alumnado matriculado por primeira vez en estudos de grao no curso 2021/22, terase en conta a nota de acceso aos estudos universitarios.
2. Para o alumnado xa matriculado en ensinanzas universitarias, teranse en conta a nota media obtida no curso 2020/21. Cando non cursase estudos no curso 2020/21, terase en conta a nota media do último curso que realizase.
3. A nota media será a media aritmética das cualificacións numéricas finais obtidas no curso na escala 0 a 10. As materias non presentadas valoraranse con 2,50 puntos.
4. Cando se trate de plans de estudos organizados por créditos, a puntuación obtida en cada materia pondérase en función do número de créditos que a integran, de acordo coa seguinte fórmula: V= P × NCa/NCt.
V: resultado da ponderación da nota obtida en cada materia.
P: puntuación de cada materia.
NCa: número de créditos que integran a materia.
NCt: número de créditos cursados computables.
A nota media final é a suma dos valores resultantes da ponderación da nota obtida en cada materia.
5. Nos plans de estudos organizados por materias, a nota media calcularase dividindo o total de puntos obtidos entre o número total de materias.
6. Unicamente se aplicará a seguinte táboa cando non existan cualificacións numéricas:
a) Matrícula de honra = 10 puntos.
b) Sobresaliente = 9 puntos.
c) Notable = 7,5 puntos.
d) Aprobado = 5,5 puntos.
e) Suspenso, non presentado ou non apto: 2,50 puntos.
Sección 3ª. Outros méritos: experiencia e coñecementos
Artigo 10. Experiencia e coñecementos
1. Para asegurar a maior idoneidade das persoas solicitantes no desenvolvemento do labor de apoio na actividade da residencia, a comisión realizaralles unha entrevista que versará sobre: a) experiencia derivada da participación en cursos e/ou actividades educativas ou formativas; b) coñecemento de linguas estranxeiras e/ou de ofimática; c) experiencia adquirida no traballo de colaboración realizado no centro residencial, coa finalidade de avaliar a aptitude ou capacidade para o bo desempeño ou exercicio da actividade de apoio na residencia, así como a súa actitude persoal ou disposición de ánimo (responsable, organizativo, conciliador, solidario...).
2. Estes méritos acreditaranse documentalmente. O resultado da entrevista e a ponderación dos méritos reflectirase nun informe.
3. A puntuación máxima que se poderá outorgar a estes méritos é de 4 puntos.
CAPÍTULO III
Procedemento para a adxudicación de praza en período ordinario
Artigo 11. Competencias
Na tramitación do procedemento de adxudicación de prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras corresponderá a instrución ao respectivo centro residencial docente e a valoración dos criterios de baremo, a resolución e publicación, á comisión de valoración que para tal efecto se constituirá en cada centro residencial.
Sección 1ª. Solicitude, prazo e documentación
Artigo 12. Presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante e implicará que acepta as bases da convocatoria, que reúne os requisitos exixidos nela e que son certos todos os datos que constan na solicitude.
Artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes en período ordinario
O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 6 de agosto de 2021.
Artigo 14. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (modelo normalizado anexo I) a seguinte documentación:
a) O anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar), de ser o caso.
b) Xustificante de inscrición ou matrícula en ensinanzas universitarias no curso 2021/22.
c) O documento que acredite a nota de acceso aos estudos, no caso do alumnado matriculado por primeira vez en estudos de grao no curso 2021/22.
d) O certificado oficial das notas obtidas no curso 2020/21, no caso do alumnado xa matriculado en ensinanzas universitarias; se non cursase estudos no curso 2020/21, o das notas do último curso que realizase.
e) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación na data de referencia indicada no número 4, poderá xustificala utilizando, entre outros, os seguintes medios:
1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.
2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
f) Certificado de convivencia da persoa solicitante e os demais membros computables da familia no mesmo domicilio na data de referencia indicada no número 4 deste artigo.
g) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar non expedido pola Administración autonómica.
h) Documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos gastos, en caso de alegar independencia familiar e económica.
i) Calquera outro documento que consideren conveniente.
2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación daquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. Os documentos achegados deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal e familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás a renda da unidade familiar, que será a correspondente ao exercicio fiscal 2019.
Artigo 15. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante cando sexa menor de idade e do resto dos membros computables da unidade familiar.
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
b) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar expedido pola Administración autonómica.
c) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivale a discapacidade igual ao 33 %), da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.
d) Falecemento da persoa proxenitora do alumnado solicitante.
No caso de que as persoas interesadas (o alumnado solicitante e os membros computables da unidade familiar) se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e no de comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar (anexo II) e achegar os documentos.
2. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta:
a) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, certificado tributario de imputacións do exercicio 2019, da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Falta de xustificación de requisitos e/ou de criterios de baremo
A comisión de valoración poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria, para constatar a concorrencia dos requisitos e dos criterios de baremo. A falta ou insuficiente xustificación dun requisito impedirá obter a praza, e cando a omisión ou deficiente xustificación afecte a un criterio de baremo, atribuiráselle neste 0 puntos.
Artigo 18. Publicación dos actos
Logo da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicaranse na páxina web e/ou no taboleiro de anuncios do respectivo centro residencial docente as listaxes provisionais e definitivas previstas nesta orde coas indicacións necesarias para xestionar o procedemento.
Artigo 19. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade do artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Sección 2ª. Comisión de valoración
Artigo 21. Comisión de valoración: composición e funcións
1. A comisión de valoración constituirase en cada centro residencial docente e estará formada por:
a) Presidente/a: a persoa titular da dirección do centro residencial.
b) Vogais: o/a xefe/a de residencia; un/unha educador/a ou profesor/a de actividades.
c) Secretario/a: un/unha funcionario/a do centro.
2. Á comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo asignando as puntuacións e as demais funcións atribuídas nesta orde.
Sección 3ª. Listaxes provisionais, definitivas, adxudicación de prazas
e listaxe de suplentes
Artigo 22. Publicación das listaxes de puntuacións provisionais das persoas admitidas e relación das excluídas
1. Antes do 28 de agosto de 2021 (este incluído), a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do respectivo centro a listaxe de puntuacións provisionais das persoas admitidas (a total por orde descendente, e a desagregada correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos), e a relación provisional de persoas excluídas, con indicación da causa.
2. As persoas solicitantes poderán formular reclamación ante a comisión de valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.
3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.
Artigo 23. Publicación das listaxes das puntuacións definitivas, da relación de persoas excluídas, da adxudicación de prazas e da listaxe de suplentes
1. Antes do 10 de setembro de 2021 (este incluído), a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do centro a listaxe de puntuacións definitivas das persoas admitidas (a total por orde descendente, e a desagregada correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos); a relación definitiva de persoas excluídas e a relación de suplentes.
Así mesmo, publicará a relación de persoas adxudicatarios, que remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os efectos de expedir a correspondente credencial.
2. Fronte a estas resolucións da comisión de valoración, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web do centro residencial.
CAPÍTULO IV
Procedemento de adxudicación de praza en período extraordinario
Artigo 24. Solicitudes e tramitación
1. Cando feita a adxudicación de prazas en período ordinario sigan existindo prazas vacantes, o centro residencial abrirá un prazo de presentación de solicitudes en período extraordinario entre o 13 e o 17 de setembro de 2021, ambos incluídos.
2. A tramitación destas solicitudes axustarase ao establecido nos artigos anteriores, agás no relativo ás datas e prazos, que serán os seguintes:
a) Publicación da listaxe provisional: o 24 de setembro de 2021 (este incluído).
b) Prazo para formular reclamación: ata o 28 de setembro de 2021 (este incluído).
c) Publicación da listaxe definitiva e da adxudicación de praza: o 1 de outubro de 2021 (este incluído).
CAPÍTULO V
Obrigas das persoas colaboradoras bolseiras e causas
de perda da praza
Artigo 25. Obrigas das persoas colaboradoras bolseiras
As persoas colaboradoras bolseiras teñen as seguintes obrigas:
1. Residir no centro residencial docente.
2. Colaborar no desenvolvemento das tarefas e actividades relacionadas con accións formativas complementarias durante o período de funcionamento en que estea aberto aos residentes.
3. Na súa condición de colaboradora ante o resto das persoas residentes, teñen a obriga de cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial.
Artigo 26. Causas de perda da praza
1. As persoas colaboradoras bolseiras poderán perder a praza:
a) Por non incorporárense ao centro residencial na data de inicio da súa actividade, agás causa de forza maior debidamente xustificada.
b) Por non residiren os días lectivos no centro residencial, agás causas debidamente xustificadas.
c) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte a concorrencia de requisitos exixidos na convocatoria.
d) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada cando, afectando a criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio fose determinante da adxudicación da praza.
e) Por incumprimento das normas de réxime interno do centro residencial, ou do deber de vixiar o cumprimento por parte dos residentes, cando se trate de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia ou condutas leves contrarias á convivencia, descritas respectivamente nos artigos 15 e 16 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.
Artigo 27. Procedemento
1. Ante un incumprimento das indicadas obrigas, a dirección do centro residencial daralle audiencia á persoa interesada e advertiralle expresamente por escrito que, en caso de reiteración, se incoará o procedemento.
2. Se a persoa colaboradora incorre de novo en incumprimento das indicadas obrigas, a dirección do centro iniciará o procedemento e concederalle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, solicitará informe motivado á xunta de residencia.
3. A continuación, a persoa titular da dirección do centro ditará resolución.
4. Fronte a esta resolución, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.
Disposición adicional primeira. Período de funcionamento dos centros residenciais docentes
1. O período de funcionamento dos centros residenciais docentes coincidirá co calendario escolar que a consellería competente en materia de educación aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia para o curso 2021/22. En todo caso, o centro residencial permanecerá pechado a partir do 30 de xuño de 2022.
2. Así mesmo, permanecerán pechados os fins de semana (desde o venres pola tarde ao domingo pola noite), tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.
Disposición adicional segunda. Deber de confidencialidade
O persoal que preste servizos nos centros residencias docentes que, con motivo do desenvolvemento das súas funcións, acceda a datos persoais e económicos do alumnado e das familias, quedará suxeito ao deber de confidencialidade e á lexislación sobre protección de datos.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 8, 10 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade