Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 18 de xuño de 2021 Páx. 30539

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 88/2021, do 2 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilamarín da totalidade da estrada autonómica OU-189 e o seu dominio público asociado.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Vilamarín e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron o día 18.5.2021 un convenio de colaboración para levar a cabo a mellora da accesibilidade da estrada OU-189. Neste convenio o concello asumiu o compromiso de aceptar a transferencia de titularidade da OU-189 na súa totalidade antes da licitación das obras.

As estradas autonómicas OU-901 e OU-189, pertencentes á rede primaria básica e secundaria respectivamente, atravesan o concello de Vilamarín. Esta última é un resto da antiga OU-901, cuxas obras de acondicionamento e mellora deron lugar a varios treitos antigos. Debido á entidade deste treito antigo asinóuselle o código OU-189 e a denominación OU-901 Pazos de Monte-San Martiño-OU-901. Conta cunha lonxitude de 2.230 metros e carece de funcionalidade dentro da RAEGA.

O trazado da actuación de acondicionamento da OU-901 inicialmente proxectado foi modificado dando lugar a excesos de expropiación. Parte destes excesos de expropiación distribúense por ambas as marxes da estrada OU-189 entre o seu punto quilométrico 0+000 e o seu punto quilométrico 0+810 e poden considerarse unha ampliación do seu dominio público orixinal, pero non así o resto dos excesos de expropiación.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1, así como do seu dominio público asociado.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1.

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilamarín de:

1. A totalidade da estrada OU-189

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

OU-189

OU-901-Pazos de Monte-San Martiño OU-901

0+020

X= 590.303

Y= 4.704.722

2+220

X= 592.078

Y= 4.705.376

2. Os restos de excesos de expropiación, resultado do acondicionamento da estrada OU-901, dominio público asociado, que comprendería o dominio público existente antes do acondicionamento da OU-901 e os excesos de expropiación resultado do dito acondicionamento que se sitúan nas marxes da estrada OU-189 entre o seu punto quilométrico 0+020 e o seu punto quilométrico 0+810.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o concello de Vilamarín deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponde ao Concello de Vilamarín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade