Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 24 de xuño de 2021 Páx. 31780

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 92/2021, do 10 de xuño, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308, treito Fontenla-Combarro, puntos quilométricos 3+500-5+150, de clave PO/16/257.06, no concello de Poio.

Antecedentes:

Primeiro. O 19 de outubro de 2018 publicouse no DOG número 200 o Anuncio do 1 de outubro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308. Treito: Fontenla-Combarro, puntos quilométricos 3+500-5+150, de clave PO/16/257.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 27 de maio de 2021 aprobouse o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308. Treito: Fontenla-Combarro, puntos quilométricos 3+500-5+150, de clave PO/16/257.06.

O obxecto do presente proxecto é a creación dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-308 no concello de Poio, na marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 3+500-5+150, e un pequeno treito na marxe dereita entre o punto quilométrico 3+500 e a intersección situada no punto quilométrico 3+620, coa finalidade de fomentar unha mobilidade alternativa e sustentable.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á Rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308. Treito: Fontenla-Combarro, puntos quilométricos 3+500-5+150, de clave PO/16/257.06.

Santiago de Compostela, dez de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade