Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 28 de xuño de 2021 Páx. 32500

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 10 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (código de procedemento PE209C).

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, da adopción de medidas de conservación e protección dos recursos mariños vivos e dos seus ecosistemas, así como a inspección e o control sobre estes que garantan unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora nas condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos pesqueiros.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007, do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011, do Parlamento Europeo e do Consello, sinala no artigo 5 que o FEMP contribuirá, para o período 2014-2020, a fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables, e establece no artigo 6 as prioridades do fondo, detallando no punto 1 a prioridade 1: fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento, a través dunha serie de obxectivos específicos que recollan a redución do impacto da pesca no medio mariño, a protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos, o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles, o fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector pesqueiro, incluíndo expresamente a pesca costeira artesanal, o apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico e da formación profesional permanente.

A axuda que contribuirá ao logro do obxectivo específico OE1.b) da protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos está prevista no artigo 40 do título V, capítulo I do citado Regulamento (UE) nº 508/2014, dentro da prioridade 1: fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento, do programa operativo para España do FEMP para o período 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C(2015) 8118 final, do 13.11.2015, cunha porcentaxe de cofinanciamento de fondos FEMP do 75 %.

Incluíndo no concepto de pesca a extracción dos recursos mariños vivos mediante artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas, e atendendo ao exposto no Regulamento delegado (UE) 2015/531, da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (CE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, poderán optar a axudas do FEMP (artigos 9 a 12) as operacións que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños, as tarefas de elaboración de plans de protección e de xestión para actividades relacionadas coa pesca, as operacións de xestión, recuperación e seguimento dos lugares de Natura 2000 e das zonas mariñas protexidas, o aumento da sensibilización ambiental e a participación noutras actividades destinadas ao mantemento e á mellora da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos.

A Rede Natura 2000 preséntase non só como un instrumento de conservación do medio natural, senón que dá a oportunidade de aproveitar o valor económico e social que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode achegar, facilitando e potenciando as actividades pesqueiras e acuícolas que sexan compatibles coa conservación da natureza e contribúan a mellorar a calidade de vida das xentes do mar e a fomentar o papel das entidades asociativas do sector, na súa calidade de coxestores dos recursos pesqueiros, e o interese colectivo dos seus asociados.

Preto de 72.500 km2 de superficie marítima española está incluída na Rede Natura 2000, o que reclama un esforzo importante para a súa conservación, en consonancia coa Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Moitas das zonas de produción marisqueira de Galicia están incluídas en paraxes da Rede Natura 2000, ou son hábitats costeiros de especial interese para a cría de organismos mariños.

En consonancia co Acordo de asociación de España 2014-2020, é necesario apoiar medidas que favorezan a recompilación de datos e a mellora da xestión responsable e sustentable das zonas de produción que garantan a viabilidade económica do sector sen prexudicar o medio mariño, así como medidas para o control e seguimento das actividades pesqueiras co fin de mellorar a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos mariños e das especies, establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca e realizando controis de capturas nas zonas de pesca e puntos de desembarco.

Na Directiva 2008/56/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xuño (Directiva marco sobre a Estratexia mariña), recóllese a necesidade de garantir a integración dos obxectivos de conservación, coas medidas de xestión e as actividades de vixilancia e de avaliación definidas para as medidas de protección espacial. Nesta directiva recoñécese que as medidas só serán eficaces se están baseadas nun coñecemento profundo do estado do medio mariño nunha zona determinada, para o cal propoñen programas de seguimento que proporcionen información que permita avaliar o estado ambiental.

Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados non produtivos ao focalizarse na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, non xerar un valor para a empresa e non buscar un maior valor na prestación dos servizos. Os proxectos velan polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, evitando o risco de producións excedentarias e de sobreexplotación, e as operacións caracterizaranse polo seu interese e beneficio colectivo.

Para lograr o desenvolvemento adecuado dos citados fins é necesario impulsar determinadas medidas que emprendan os xestores do recurso mediante subvencións como as recollidas na presente orde. Con estas axudas poderanse financiar medidas de interese público de maior alcance que contribúan á consecución do obxectivo específico da protección e da recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos, en virtude da prioridade da Unión establecida no artigo 6, punto 1. Así mesmo, tamén é importante procurar unha mellor coordinación entre os servizos da Administración que teñen entre as súas funcións tarefas de protección dos recursos pesqueiros e as accións de protección que se desenvolvan nos proxectos aprobados, con iso contribuirase á mellora da xestión das actuacións de protección e recuperación obxecto desta orde de convocatoria.

Os posibles beneficiarios das subvencións serán as entidades coxestoras dos recursos mariños, concretamente as organizacións de produtores de base do sector pesqueiro, as corporacións de dereito público de base asociativa e as entidades asociativas representativas do sector pesqueiro, todas de ámbito autonómico.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (código de procedemento PE209C).

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e a execución destas subvencións observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014, da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento (UE) 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) 2015/531, da Comisión, do 24 de novembro, polo que se complementa o Regulamento (UE) 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

e) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, da Comisión, do 22 de xullo, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que atinxe ao contido e á construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.

f) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014, da Comisión, do 20 de novembro, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.

g) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014, da Comisión, do 20 de novembro, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxías entre as fontes potenciais de datos.

h) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015, da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

i) Programa operativo para España do FEMP aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 13.11.2015 C(2015) 8118 final, modificado pola Decisión de execución da Comisión do 13.12.2019.

j) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

k) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

n) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ñ) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

o) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

p) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

q) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

r) Criterios de selección para a concesión de axudas no marco do programa operativo do FEMP.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020, sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotadas con fondos do FEMP (prioridade 1: fomentar unha pesca sustentable, OE1.b), medida 1.2.1 de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños (artigo 40.1, letras c) á g) e i), así como do Estado membro.

Anualmente publicaranse os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais.

2. No ano 2021 as axudas concederanse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias 15.03.723A.770.1, código de proxecto 201600293 e 15.03.723A.780.1, código de proxecto 201600293, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. O importe máximo das subvencións que se concedan no 2021 será de 8.165.014,00 euros e distribuiranse nas seguintes anualidades:

Aplicación

orzamentaria

Código

proxecto

Anualidade

2021

Anualidade

2022

Anualidade

2023

15.03.723A.770.1

201600293

2.249.999,00 €

3.906.290,00 €

1.953.145,00 €

15.03.723A.780.1

201600293

17.000,00 €

25.680,00 €

12.900,00 €

4. Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións as cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. Así mesmo, se fose necesario poderase redistribuír o crédito entre as aplicacións orzamentarias asignadas a presente convocatoria. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, para lograr unha máis áxil tramitación dos expedientes e mellor comprensión, as bases reguladoras coas modificacións feitas publicaranse integramente no Diario Oficial de Galicia.

6. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % pola Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e no título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado/a único/a da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado/a, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os/as beneficiarios/as integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As entidades beneficiarias deberán:

a) Realizar e xustificar as actividades para as cales se conceda a subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

i) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

– O beneficiario deberá recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos, adoptando en todas as medidas de información e comunicación os seguintes termos:

1º. O emblema da Unión, de conformidade coas características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 763/2014.

2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación e a súa porcentaxe de financiamento de conformidade co Regulamento (UE).

3º. O logotipo da Xunta de Galicia.

– Durante a realización da operación, o beneficiario informará ao público do apoio obtido dos fondos:

1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da internet, no caso que dispoña dun, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro da Unión. A descrición deberá permanecer durante todo o período de execución do proxecto e, polo menos, ata a data do pagamento final da axuda.

2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), no que se mencionará o apoio financeiro da UE, en un lugar facilmente visible para o público, que deberá permanecer durante todo o período de execución do proxecto e, polo menos, ata a data do pagamento final da axuda.

3º. A entidade organizará obrigatoriamente, polo menos, unha xornada informativa, para divulgar o proxecto subvencionado. A non realización da xornada levará a unha perda do 2 % da axuda concedida.

j) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste punto levará a unha perda do 2 % da axuda concedida.

k) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

l) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto; neste caso comunicarase coa anticipación suficiente.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán ser requiridos ao interesado.

4. A non execución de polo menos o 50 % do gasto total subvencionado poderá levar á perda do dereito a totalidade das axudas concedidas, que, en todo caso, deberá ser debidamente motivada.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto a protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como o fomento da sensibilización ambiental.

Serán subvencionables as operacións relacionadas nas letras c) a g) e i), do artigo 40.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, en concordancia co obxectivo establecido no artigo 6, punto 1.b).

Proxectos obxecto de subvención: proxectos colectivos que se centren nas zonas costeiras de interese para a produción ou reprodución dos organismos mariños, que fomenten a xestión sustentable, a conservación e a protección dos hábitats e das especies. As actividades que como mínimo realizarán as entidades beneficiarias, dentro do ámbito que lles corresponda, serán:

a) Elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos. Avaliación do estado de conservación e da biodiversidade, nos paraxes de Natura 2000, nas zonas mariñas protexidas e nos hábitats costeiros de importancia para os organismos mariños.

b) Optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños. Análise dos descritores definidos na Directiva marco sobre a estratexia mariña. Cartografado dos hábitats e das especies, especialmente das exóticas invasoras. Seguimento e vixilancia dos hábitats e das especies. Cartografado da actividade extractiva realizada polos socios da entidade. Seguimento de indicadores de abundancia, da composición específica das capturas e da súa estrutura de tamaños.

c) Formación dos/das pescadores/as orientada a adquirir novas competencias vinculadas a unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas en que viven.

d) Aumento da sensibilización ambiental coa participación directa dos/das pescadores/as, que pode incluír campañas de divulgación.

e) Contribución á vixilancia epidemiolóxica: envío de mostras ao Intecmar para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras.

f) Operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, que se levarán a cabo establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca.

O persoal de vixilancia actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas e en colaboración con este, estando obrigados a remitir ao servizo os datos e informes que lle sexan requiridos. Con antelación mínima dunha semana, o beneficiario deberá trasladar ao Servizo de Gardacostas a programación semanal das actividades de vixilancia e control. Con periodicidade mensual deberá dar traslado ao dito servizo dun informe das actividades realizadas. O inicio, interrupción ou finalización da prestación dos servizos deberá ser comunicado ao Servizo de Gardacostas da Consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.

O persoal de control e vixilancia deberá ter a habilitación como garda particular de campo así como a tarxeta da especialidade de gardapesca marítimo en vigor.

Coa finalidade de mellorar a coordinación, a planificación e as condicións de seguridade das actividades de vixilancia e control, cada un dos efectivos de vixilancia levará un sistema portátil de xeolocalización coas características que se detallan no artigo 7.1.c) destas bases reguladoras.

Así mesmo, as asistencias técnicas deberan colaborar cos técnicos da Consellería do Mar nos asuntos directamente relacionados coa xestión dos recursos e comunicar con antelación mínima de 48 horas a realización das actuacións que estean recollidas no proxecto.

O incumprimento destas obrigas levará a unha perda parcial ou total da axuda concedida.

2. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables. Neste caso, os proxectos xa non pasaran á fase de avaliación.

3. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar, nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinaria.

4. En función dos resultados acadados e das dispoñibilidades orzamentarias, para os sucesivos períodos de convocatoria poderase engadir ou modificar algún dos proxectos incluídos no número 1 deste artigo.

5. Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual sen que a súa duración poida exceder os tres exercicios orzamentarios e sempre coas limitacións recollidas no parágrafo 3 do artigo 7. As subvencións que neste caso se concedan ateranse aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os gastos de persoal imprescindible asociado ao proxecto. O persoal contratado terá que cumprir os seguintes requisitos:

1º. Dedicar a totalidade da súa xornada de traballo á realización das tarefas definidas no proxecto subvencionado, durante todo o período de execución.

2º. Non pertencer aos órganos de goberno da entidade.

3º. Non ter vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno, no momento da contratación inicial.

Para establecer os importes máximos subvencionables dos custos de persoal terase en conta un total de 1.720 horas anuais de traballo efectivamente realizado (143,33 horas/mes) cos seguintes referentes:

a.1) Efectivos de vixilancia, importe máximo subvencionable 1.414,77 €/mes por efectivo.

a.2) Asistencia técnica, importe máximo subvencionable 2.139,92 €/mes por efectivo.

b) Os de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos, incluídos os servizos necesarios para procurar o soporte, seguimento e históricos dos sistemas de posicionamento, seguimento, rexistro e monitoraxe.

c) Equipamentos de posicionamento xeográfico para os efectivos con tarefas de vixilancia que terán as seguintes características:

– Sistema portátil de seguimento GPS.

– Aplicación móbil e vía web para o seguimento en liña en tempo real.

– Histórico ilimitado de posicionamento/rutas.

– Posibilidade de descarga de datos GPX/kml/xls desde a propia web/app.

En todo caso, estes equipos deberán axustarse ao número de efectivos, necesidades e programación das actividades de vixilancia do proxecto. Cada beneficiario deberá facilitar ás unidades responsables da xestión das axudas o contrasinal dos equipos para o acceso á internet.

d) Equipo de mostraxe. Deberá ser debidamente xustificada a necesidade e a adecuación dos elementos do equipo de mostraxe ás actuacións recollidas no proxecto solicitado.

Ningún instrumento ou dispositivo electrónico, informático ou óptico inventariable poderá superar o valor de 3.005,06 € sen IVE; de superalo, unicamente sería subvencionable o custo da súa amortización durante a duración da operación. Neste sentido serán de aplicación as táboas de amortización do Ministerio de Facenda.

Poderá subvencionarse un equipo de mostraxe por un importe total máximo de 6.000,00 € (sen IVE) por proxecto, que pode estar composto polo seguinte tipo de material:

– Dispositivos ou instrumentos manuais de mostraxe.

– Dispositivos ou instrumentos electrónicos para mostraxe, rexistros ou monitoraxe.

– Equipos informáticos portátiles necesarios para o envorcado dos rexistros de datos dos mostraxes.

– Equipos de seguimento electrónico remoto. TV circuíto pechado (TVCC).

– Dispositivos ou instrumentos ópticos de uso manual ou de control remoto autónomo (RPAS) para cartografado, monitoraxe ou seguimento.

– Accesorios necesarios específicos para o funcionamento dos equipos/dispositivos.

– Equipos de soporte necesarios específicos para os equipos/dispositivos.

No caso de que a manipulación dalgún dos elementos recollidos neste punto precise de certificado habilitante ou licencia para o seu uso, segundo a normativa de aplicación, será necesario que xunto coa xustificación do gasto se presente dita documentación en vigor.

Os importes solicitados deberán garantir que se axustan aos prezos de mercado; por isto, para calquera elemento do equipo de mostraxe ou de posicionamento xeográfico que supere o importe de 500,00 €, sen IVE, deberán presentarse tres orzamentos de diferentes provedores con carácter previo á súa adquisición. Así mesmo, deberá xustificarse a elección a través dunha memoria, cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A adquisición dos elementos referidos nos puntos c) e d) deberá xustificarse dentro da primeira anualidade 2021, que estará suxeita ao estipulado no artigo 24 da presente orde.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo/a perceptor/a dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se contraesen ao longo da duración da acción coa excepción dos custos relativos a informes finais e certificados de auditoría, que en todo caso deberán xustificarse dentro da anualidade na que se executen.

b) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.

d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular que consten na contabilidade
do/da beneficiario/a e se inscribiran de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do/da beneficiario/a en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xullo de 2016 e o 31 de decembro de 2023, por corresponder co período de vixencia do programa operativo do FEMP. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. Con todo, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o/a beneficiario/a presente a solicitude de axuda.

4. Na presente convocatoria consideráranse subvencionables só aqueles gastos efectivamente pagados dentro do período de execución da orde de convocatoria que será do 1 de xullo de 2021 ao 30 de xuño de 2023. Quedan exceptuados deste prazo límite os gastos que se correspondan con gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social, correspondente aos meses nos que non se poidan facer efectivos na data límite de execución, e que se considerarán subvencionables de ser efectivamente pagados dentro do seguinte trimestre ao de finalización do prazo de execución das axudas e non mais aló do 30 de setembro de 2023.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación, ou de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) A adquisición de terreos e inmobles.

c) Os derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.

d) A adquisición de material, mobiliario e equipamento. Excepto equipos de posicionamento xeográfico e de mostraxe, segundo o recollido no artigo 7.1.c) e d).

e) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

g) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

h) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

i) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, punto 1, paragrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

j) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

k) Os custos indirectos.

l) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde e segundo o indicado no Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, no seu artigo 95. Non obstante, a intensidade da axuda estará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias. Se o importe das solicitudes presentadas superase o crédito orzamentario asignado a esta convocatoria, a intensidade da axuda poderá axustarase a estas limitacións orzamentarias, respectando, en todo caso, os principios da concorrencia competitiva. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de se presentaren varios proxectos con accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10. Compatibilidade das axudas

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme a un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase, por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. Para a convocatoria de 2021 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e, en todo caso, o prazo límite de resolución será o 15 de decembro de 2021. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 19.2 desta orde.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén a mesma e na que se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpre os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopa en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento(CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter cumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) O conxunto de todas as solicitudes solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

g) Non ter iniciado a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, xunto cun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.

b) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde de bases reguladoras.

Para a elaboración dos documentos está dispoñible a guía do solicitante, que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

A memoria do proxecto deberá conter, polo menos:

b.1) Memoria descritiva das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e grao de consecución dos obxectivos esperados.

b.2) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

b.3) Descrición das accións que se pretende acometer.

b.4) Calendario de realización das accións previstas.

b.5) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto coas coordenadas xeográficas dos vértices, indicando o sistema de referencia empregado.

b.6) Os proxectos incluirán a información relativa aos indicadores conforme ao previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

b.7) Datos complementarios, necesarios para a valoración do proxecto.

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.5 desta orde.

d) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción.

e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III.

f) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:

g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación dos puntos a), b.1), b.2), e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta. No caso de solicitude conxunta aplicarase a cada unha das entidades, se é o caso:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Atriga.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 16. Órganos de instrución, xestión e resolución

1. A tramitación, instrución e xestión dos expedientes será realizada polo Servizo de Xestión de Proxectos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

O órgano instrutor elevará ao órgano concedente as propostas de inadmisión das solicitudes que non poidan obter a condición de beneficiario por atoparse nalgún dos supostos recollidos no artigo 4.2, ou que estean nos supostos dos artigos 6.2 e 6.3. Estas solicitudes xa non pasarán á fase de avaliación.

2. A resolución das solicitudes corresponde á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 17. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidenta: a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha das xefaturas territoriais, designadas pola presidenta.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe a presidenta.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. A Comisión de Avaliación terá a condición de órgano colexiado e o seu funcionamento rexerase segundo o recollido no título I, capítulo I, sección 3ª da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 18. Criterios de elixibilidade e avaliación

1. Criterios de elixibilidade: inicialmente comprobarase que as operacións ofrezan garantías suficientes de viabilidade e que vaian dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no Programa operativo para España do FEMP, mediante:

1.1. A valoración técnica e económica:

– Desde o punto de vista técnico. A valoración das garantías ofrecidas polos seus promotores en canto á solvencia técnica e aos medios descritos no proxecto, é dicir, a adecuación dos medios técnicos aos fins previstos.

– Desde o punto de vista económico. A valoración mediante a análise do financiamento previsto, é dicir, se a entidade dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto e se o orzamento presentado está equilibrado ou de acordo cos fins perseguidos.

Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, á súa valoración.

1.2. O indicador xeral: a continuación procederase á valoración da adecuación do proxecto aos obxectivos do programa operativo do FEMP, de tal forma que aqueles proxectos que non obteñan unha puntuación mínima, non poderán seguir sendo valorados. En concreto, valorarase a contribución do proxecto ao cumprimento do previsto no programa operativo:

a) Valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da prioridade 1 do PO do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.b) previsto para as medidas recollidas no número 3.3 do PO (medidas pertinentes e indicadores de produtividade) (artigo 40.1.b-g, i); (puntuación ata 6 puntos: DAFO 2 puntos; estratexia 2 puntos; medidas pertinentes 2 puntos).

b) Valoración sobre a achega do proxecto á consecución dos indicadores de resultado (puntuación: ata 6 puntos).

c) Valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos ou indicadores de resultado, así como noutros plans estratéxicos (puntuación: ata 5 puntos).

Unha vez ponderados os indicadores anteriores, os proxectos cualificaranse en: alto (15 ou máis puntos), medio (de 9 a 14 puntos), baixo (de 3 a 8 puntos), en función de se os beneficios que achegue son significantes, razoables ou deficientes.

Os proxectos que non obteñan unha cualificación mínima de 3 puntos quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, á súa valoración específica.

2. Criterios de avaliación (indicador específico): unha vez determinados os proxectos elixibles conforme o punto anterior, a comisión valorará a continuación os proxectos segundo os criterios ponderados co valor que se indica a continuación:

a) Valor ambiental da zona de actuación do proxecto:

a.1) Nivel de protección da zona: parque nacional: 3 puntos; zonas especial de conservación da Rede Natura 2000: 2 puntos; outras figuras de protección: 1 punto.

a.2) Valor natural como zona de cría de peixes e moluscos: 1 punto.

a.3) Impacto sobre as áreas mariñas protexidas: 1 punto.

a.4) Xustificación da necesidade ambiental do proxecto:1 punto.

a.5) Continuidade das accións e persistencia dos resultados: 1 punto.

b) Calidade e viabilidade técnica do proxecto:

b.1) Relevancia e necesidade do proxecto.

Relevancia. O proxecto contempla investimentos de importancia xeral para as zonas obxecto del: 1 punto.

Necesidade. O obxectivo do proxecto comprende accións de mellora dunha área cunha problemática importante respecto do obxecto desta orde no eido da entidade solicitante. Se hai constatación da problemática nos dous últimos anos: 1 punto; constatación da problemática nun período de máis de dous anos: 2 puntos.

b.2) Detalle e coherencia da memoria:

Detalle. A memoria presentada contén a información cuantitativa e cualitativa sobre o proxecto a un bo nivel de detalle e claridade, de xeito que se poida valorar coa maior precisión posible as súas características: 2 puntos.

Coherencia:

As previsións orzamentarias axústanse axeitadamente aos termos indicados nesta orde: 1 punto.

As previsións temporais axústanse axeitadamente aos tempos indicados nesta orde: 1 punto.

b.3) Concreción dos obxectivos: 1 punto.

b.4) Efectos beneficiosos sobre o ambiente: 1 punto.

b.5) Efectos sobre a sustentabilidade social: 1 punto.

c) Grao de participación entre entidades que cumpran co establecido no artigo 4 desta orde:

c.1) Actuacións que se van desenvolver entre varias entidades: 1 punto.

c.2) Intensidade da participación: un punto por entidade participante ata un máximo de 3 puntos.

c.3) Traxectoria da entidade solicitante: 1 punto.

A Comisión de Avaliación, en función de se o proxecto presenta un significativo, razoable ou deficiente nivel de garantía de que se vai levar a cabo, así como do logro dos seus obxectivos, resultados e beneficios, cualificará o indicador específico como: alto (15 ou máis puntos), medio (de 9 a 14 puntos), baixo (de 3 a 8 puntos).

3. No caso de empate nas puntuacións finais obtidas por dúas ou máis solicitudes, procederase ao seu desempate, en primeira instancia, en función da puntuación obtida no punto 2.a) dos criterios de avaliación; no caso de seguir cun empate, prevalecerá a puntuación obtida no punto 2.b) dos criterios de avaliación e, no caso de persistir o empate, prevalecerá a puntuación obtida no punto 2.c) dos criterios de avaliación desenvoltos no presente artigo.

4. A Comisión de Avaliación poderá propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a Comisión de Avaliación poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, sendo por conta do beneficiario os gastos que se ocasionen.

Artigo 19. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, a presidenta da comisión avaliadora formularalle ao órgano concedente proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.3, emitirase unha nova proposta na cal se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 20. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 21. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo IV. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiarios na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao FEMP.

Artigo 22. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a Conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización e antes de rematar o prazo de xustificación correspondente.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Non se poderá aprobar ningunha modificación que implique unha minoración de máis do 50 % da axuda concedida nin que supoña un reaxuste de anualidades de máis do 50 % da axuda concedida.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, agás que as ordes de convocatoria fixen outro prazo, os gastos correspondentes deberán xustificarse antes do 16 de novembro de cada anualidade. Este prazo poderá ampliarse por resolución expresa do órgano concedente, de oficio ou por petición do beneficiario e por causas debidamente motivadas. De procederse á ampliación do prazo de xustificación, non poderá ir máis alá do 31 de decembro da anualidade correspondente. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar, xunto co anexo VI debidamente cuberto e asinado polo representante da entidade beneficiaria, a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente que figura na resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico no que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica, cando sexa procedente, con especial referencia aos obxectivos acadados. No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación.

a.4) No caso de gastos de persoal: contrato formalizado, se é o caso, polo Inem, nóminas, TC1 e TC2 coa xustificación do seu pagamento, e documento de declaración e liquidación do IRPF correspondente. Tamén se deberá achegar a documentación acreditativa do cumprimento das condicións de habilitación e capacitación do artigo 6.1. Se é o caso, os xustificantes de pagamento.

A entidade beneficiaria tamén terá que presentar unha certificación conforme as persoas contratadas:

1º. Dedican a totalidade da súa xornada de traballo á realización das tarefas definidas no proxecto subvencionado, durante todo o período da súa execución.

2º. Non pertencen aos órganos de goberno da entidade.

3º. Non tiñan vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno, no momento da primeira contratación.

a.5) Extractos das contas, ordes de transferencia ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos, así como o importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas. Non se admiten talóns nin pagamentos en efectivo.

a.6) No caso de que as accións obxecto de subvención sexan de realización periódica e sucesiva, correspondan ao último trimestre do exercicio e/ou supoñan gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social que non se poidan facer efectivos na data límite de xustificación, eses gastos poderanse xustificar no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

b) No caso de denegar expresamente a súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recolla a ratificación dos compromisos que correspondan a cada unha delas, así como o nomeamento de apoderado único.

d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.5 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo V.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

5. Para o pagamento das xustificacións, no caso de gastos de persoal, terase en conta a porcentaxe de dedicación efectiva ao proxecto subvencionado en cada mes do período que se xustifique. O cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada dará lugar a unha redución proporcional da subvención concedida.

6. Poderán presentarse xustificacións parciais á medida en que se vaian executando as accións. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 26. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

7. A entidade deberá ter cuberto un cuadrante individual para cada traballador/a e o rexistro horario segundo o modelo R, en relación coas tarefas obxecto desta subvención, onde se especificarán as tarefas concretas desenvolvidas, as horas traballadas efectivamente na xornada, as horas diarias dedicadas a cada tarefa, así como posibles incidencias que puidesen ocorrer na xornada en relación con tarefas subvencionadas, e deberá estar asinado polo/a traballador/a co visto e prace da persoa responsable da entidade beneficiaria. Estes cuadrantes deberán estar á disposición e poderáselles requirir, en calquera momento, por parte das unidades da Consellería do Mar que interveñen na xestión e control destas axudas.

Así mesmo, a entidade deberá ter á disposición da consellería os rexistros diarios do sistema de posicionamento xeográfico de todos os efectivos de vixilancia subvencionados, en formato exportable.

As asistencias técnicas deberán incluír e manter actualizada, cunha periodicidade mínima mensual, a documentación técnica xerada respecto ás actuacións e aos plans de xestión, incluídos no proxecto aprobado, no servidor ftp.intecmar.gal

O incumprimento do estipulado neste punto poderá dar lugar á perda parcial ou total da subvención concedida.

8. A entidade deberá comunicar á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, como mínimo cunha semana de antelación, o lugar e a hora de realización da xornada organizada para divulgar o proxecto subvencionado. A realización da xornada deberá xustificarse cunha reportaxe fotográfica, xunto co parte de asistencia asinado polos participantes, segundo o modelo G. O incumprimento do estipulado neste punto dará lugar á perda do 2 % da axuda concedida.

9. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 ao 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Para a elaboración dos informes e demais documentos está dispoñible a guía do solicitante que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

Artigo 25. Pagamento anticipado

Mediante resolución motivada do órgano concedente e logo de solicitude dos interesados poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 26. Así mesmo, están suxeitos ao prazo de xustificación fixado no artigo 24.1 desta orde, dentro do ano do seu libramento.

Artigo 26. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do beneficiario, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 27. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.i) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 5.2.j), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 28. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 30. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da paxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 31. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 32. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 33. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór tales feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición adicional segunda

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file