Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 29 de xuño de 2021 Páx. 32754

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 94/2021, do 17 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Construción de cemiterio municipal, no termo municipal de Quiroga.

O Concello de Quiroga, en sesión que tivo lugar o día 12 de marzo de 2021, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Construción de cemiterio municipal, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 18 de maio de 2021, tivo entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Quiroga e o expediente. Con data do 25 de maio e do 4 de xuño de 2021, o Concello achegou documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983 sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que o actual cemiterio parroquial ten arredor de 1.320 unidades de enterramento. Actualmente o cemiterio está completamente saturado e non hai parcelas libres para novos enterramentos nin a posibilidade de crear novas parcelas dentro do seu ámbito, ademais das malas condicións de acceso por causa da súa antigüidade e deseño.

Segundo datos do Concello, a poboación do concello é maior de 65 anos na súa maioría. Na actualidade, o número de enterros no concello é de 50 ao ano e podería darse o caso de que sexa necesario un enterro que actualmente non ten nicho e non se podería realizar. Ademais, o concello conta cunha poboación envellecida e a situación de pandemia pola COVID-19 provoca a necesidade de espazo de enterramentos para dar este servizo básico aos habitantes do concello, que se encontra con que as posibilidades actuais do cemiterio parroquial existente son inviables por falta de espazo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Construción de cemiterio municipal no termo municipal de Quiroga (Lugo), para o cal se deberá obter, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo