Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 30 de xuño de 2021 Páx. 33253

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 15 de xuño de 2021, da Mesa do Parlamento, polo que se anuncia a convocatoria para a realización de probas selectivas para ingresar por oposición libre en dúas prazas da escala técnica de publicacións do corpo superior e se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

Primeira. Normas xerais

1.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir dúas (2) prazas da escala técnica de publicacións do corpo superior do Parlamento de Galicia, correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2021, mediante acceso libre.

1.2. O sistema selectivo será o de oposición.

1.3. Ao proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia (DOG nº 248, do 26 de decembro de 2007) e, supletoriamente, a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TRLEBEP), e as demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.4. O nomeamento no marco do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia conferirá ás persoas seleccionadas, para todos os efectos, o carácter de funcionario/a de carreira do corpo superior do Parlamento de Galicia desde a data da toma de posesión, sen prexuízo do establecido na base oitava.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas interesadas deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como funcionario/a, os seguintes requisitos:

2.1. Nacionalidade.

Poderán participar no proceso selectivo:

a) As persoas de nacionalidade española.

b) As persoas nacionais dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) As persoas nacionais dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes das persoas de nacionalidade española e das nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separadas de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

2.2. Idade.

Ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

2.3. Titulación.

Estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado/a ou grao en Filoloxía ou o título de licenciado/a ou grao en Tradución, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

As persoas interesadas con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións regulamentadas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.4. Capacidade funcional.

Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións e tarefas correspondentes.

2.5. Habilitación.

Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.

No suposto de persoas nacionais doutros Estados, non estar inhabilitada ou en situación equivalente, nin ter sido sometida a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Non poderán participar no proceso selectivo as persoas que xa pertencen ao corpo de funcionarios obxecto desta convocatoria.

2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas que se presenten pola cota de reserva de discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, na data de publicación desta convocatoria.

Terceira. Solicitudes

As persoas que desexen tomar parte nas probas selectivas deberán formular a súa solicitude segundo o modelo que figura no anexo II destas bases, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal).

O prazo de presentación será de vinte días naturais (20), que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Dentro do prazo que se sinala no parágrafo anterior, as persoas aspirantes deberán presentar a súa solicitude, dirixida á Presidencia do Parlamento de Galicia, na sede electrónica do Parlamento de Galicia (https://sede.parlamentodegalicia.gal).

As solicitudes tamén se poderán presentar no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, na rúa do Hórreo nº 63, 15701, Santiago de Compostela, ou na forma establecida no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3.1. Documentación.

– Modelo de solicitude segundo o anexo II, completado.

– Fotocopia do DNI.

– Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, na súa falta, de ser o caso, documentación acreditativa de encontrarse nalgunha das situacións a que fai referencia esta convocatoria susceptibles da exención do pagamento.

3.2. Dereitos de exame.

O importe dos dereitos de exame será de corenta e tres euros con trinta céntimos (43,30 €), que se aboarán mediante transferencia bancaria na conta corrente ES 50 2080 0388 21 3110000502 en Abanca, na cal se indicará: «Taxas selección CSETP» e o nome e apelidos e DNI da persoa aspirante.

Ás persoas aspirantes excluídas do proceso selectivo devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estará exento do pagamento da taxa dos dereitos de exame quen estea incurso nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.3. Discapacidades.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, se for necesario e xustificado, posibles adaptacións de tempo e medios especiais para a realización dos exercicios.

De ser o caso, deberán indicalo na súa solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente e achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente. De formularen a solicitude por sede electrónica, para a compulsa da documentación achegada aplicarase o disposto no parágrafo final da base 8.1.

Cuarta. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia do Parlamento de Galicia aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal), coas causas das exclusións, se for o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas inicialmente disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poderen alegar ou emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As persoas que, no prazo sinalado, non reparen a causa de exclusión ou aleguen a omisión serán definitivamente excluídas da participación no proceso selectivo.

4.3. Ao transcorrer o antedito prazo, a Presidencia ditará unha nova resolución pola que se aprobará a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa. A estimación ou desestimación das emendas achegadas entenderase implícita nesta resolución definitiva e a súa publicación servirá de notificación a quen presentase alegacións.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, a persoa interesada decaerá en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

Contra esta resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, ou ben poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos os dous desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinta. Tribunal cualificador

5.1. Composición.

O tribunal cualificador do proceso será designado pola Presidencia do Parlamento de Galicia de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia. Non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición débese atender aos principios de imparcialidade e profesionalidade e ás normas de igualdade de mulleres e homes.

A resolución do nomeamento será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa (www.parlamentodegalicia.gal.)

O tribunal poderá acordar solicitar á Oficialía Maior a incorporación de asesores e asesoras especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide necesario, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas, e terán voz pero non voto. A designación de tales persoas asesoras deberáselle comunicar á Presidencia do Parlamento de Galicia.

5.2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse de intervir ou poderán ser recusados por calquera persoa interesada e, particularmente, polas persoas aspirantes, cando concorra algún dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizaron tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala a que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da súa publicación. Neste caso, deberanllo comunicar á Presidencia do Parlamento.

Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o dito posto e a Presidencia designará un novo ou unha nova suplente.

A persoa que presida o tribunal, na sesión de constitución, deberá facer e solicitarlles aos demais membros do tribunal e, de ser o caso, tamén ás persoas asesoras previstas na base 5.1 que fagan unha declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos parágrafos anteriores.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia da maioría dos seus membros e será necesaria, en todo caso, a presenza do presidente ou da presidenta e do secretario ou da secretaria.

As decisións do tribunal adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión do tribunal redactarase a acta coa sinatura do secretario ou secretaria e o visto e prace do presidente ou presidenta.

Correspóndenlle ao tribunal cualificador as funcións relativas á determinación concreta do contido dos exercicios e a cualificación das persoas aspirantes, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. O tribunal queda facultado para resolver todas as dúbidas que xurdan na interpretación e aplicación das normas contidas nas bases da presente convocatoria, e para determinar a actuación procedente nos casos non previstos.

O tribunal adoptará as medidas oportunas que permitan que as persoas aspirantes con algunha discapacidade que así o indicasen na solicitude poidan participar nas probas en igualdade de condicións que o resto das persoas participantes.

En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Será nula de pleno dereito calquera proposta de selección que o contraveña.

Para os efectos de comunicacións e posibles incidencias, o tribunal cualificador terá a súa sede no domicilio oficial do Parlamento de Galicia, rúa do Hórreo nº 63, 15701 Santiago de Compostela.

Sexta. Proceso de selección

O sistema de selección será o de oposición. Os temas que rexerán as probas selectivas son os publicados como anexo I a estas bases.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, na data de publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia do nomeamento do tribunal, estean publicadas oficialmente no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior. As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que fosen derrogadas parcial ou totalmente, nas condicións temporais do parágrafo anterior, serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total.

6.1 Exercicios.

As probas da oposición consistirán na realización de tres exercicios obrigatorios e eliminatorios.

6.1.1. Primeiro exercicio (20 puntos).

Constará de dúas partes:

Primeira parte:

Consistirá nunha proba escrita na cal se contestará un cuestionario de dez (10) preguntas breves sobre os temas correspondentes ao bloque A (lingua), con espazo de papel taxado para cada resposta. Deberán contestarse todas elas utilizando única e exclusivamente o espazo taxado destinado para iso, mediante recadros, na folla ou follas do exame, e que se entregarán coas preguntas preimpresas. Calquera outra folla engadida ou resposta fóra do espazo dos recadros non serán tidas en conta. O tribunal establecerá o espazo concreto taxado de que disporán as persoas aspirantes para contestar.

As preguntas serán formuladas de forma suficientemente clara e facilmente identificable, indicándose o tema do programa con que se corresponden.

O tempo máximo para realizar esta proba será de dúas (2) horas.

Segunda parte:

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cincuenta (50) preguntas tipo test máis cinco (5) preguntas de reserva para o caso de se anular algunha das primeiras, referidas aos temas correspondentes ao bloque B (dereito) do programa.

Por cada pregunta formularanse catro respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta. A puntuación que se outorgará a cada resposta correcta será 0,20 puntos. Da puntuación total así obtida restaranse 0,05 puntos por cada resposta incorrecta. As respostas en branco e aquelas que conteñan máis dunha alternativa non se valorarán.

O tempo máximo para realizar esta parte do exercicio será de unha (1) hora.

Cualificación do exercicio:

– Cada unha das partes de que consta o exercicio puntuarase de cero (0) a dez (10) puntos.

– Para superar o exercicio cómpre acadar un mínimo de cinco (5) puntos en cada unha das partes.

– A cualificación final do exercicio será a suma das puntuacións acadadas en cada unha das partes de que consta.

6.1.2. Segundo exercicio (20 puntos): só para as persoas aspirantes que superen o primeiro exercicio

As persoas aspirantes deberán desenvolver por escrito dous (2) temas, que se elixirán entre catro (4), obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman o contido da parte do programa que figura como bloque A (lingua), do seguinte xeito:

– Un (1) tema que se escollerá entre dous (2) obtidos por sorteo dos correspondentes ao bloque A.1. Lingua xeral.

– Un (1) tema que se escollerá entre dous (2) obtidos por sorteo dos correspondentes ao bloque A.2. Linguaxe xurídico-administrativa e parlamentaria.

O tribunal poderá acordar a lectura do exercicio en audiencia pública. No caso de que así for, unha vez desenvolvido o primeiro tema ou transcorridos dez minutos de exposición, o tribunal poderá decidir que a persoa aspirante abandone a proba por considerar a súa actuación notoriamente insuficiente.

En caso de habela, ao finalizar a exposición o tribunal poderá dialogar coa persoa aspirante sobre cuestións relacionadas cos temas expostos durante un tempo máximo de quince minutos.

A non presentación á lectura dará lugar á exclusión do proceso de selección.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de tres (3) horas.

Para cualificar cada exercicio o tribunal terá en conta:

a) O nivel de coñecemento da materia que demostra o exercicio.

b) A economía expositiva, a capacidade de sistematización e a coherencia do discurso.

c) A corrección lingüística.

O tribunal poderá excluír aquelas persoas aspirantes que cometan erros moi graves nalgunhas das epígrafes que se valoran.

Cualificación do exercicio:

– O exercicio será cualificado de cero (0) a vinte (20) puntos.

– Para superar o exercicio cómpre obter, como mínimo, dez (10) puntos.

6.1.3. Terceiro exercicio (40 puntos): só para as persoas aspirantes que superen os dous exercicios anteriores.

Constará de dúas partes:

Primeira parte:

Consiste na revisión técnico-lingüística dun proxecto de lei redactado en galego, proposto polo tribunal, e na súa posterior tradución para o castelán, mediante a utilización da aplicación de tradución automática que se porá ao dispor das persoas aspirantes.

O tempo máximo para a realización desta parte é de cinco (5) horas. Para realizala, en formato electrónico, as persoas aspirantes poderán consultar as obras de carácter técnico e lexicográfico dispoñibles en rede.

Para a cualificación desta parte do exercicio o tribunal terá en conta:

a) A corrección do texto resultante en lingua galega nos aspectos ortográfico, morfolóxico, sintáctico, léxico e semántico.

b) A precisión no emprego da terminoloxía xurídica e técnica contida no texto resultante.

c) A economía, a claridade, a exactitude e a coherencia do texto resultante en canto que texto normativo.

d) A corrección do texto resultante en lingua castelá nos aspectos ortográfico, morfolóxico, sintáctico, léxico e semántico.

e) A equivalencia exacta do texto nos dous idiomas en canto ao seu sentido e á súa interpretación técnico-xurídica.

Segunda parte:

Consiste na verificación e establecemento definitivo do texto dunha transcrición dun discurso oral proposto polo tribunal. O exercicio realizarase en formato electrónico, de forma que as persoas aspirantes terán acceso ao audio-vídeo dunha intervención parlamentaria ou de varios fragmentos de varias intervencións parlamentarias e ao texto en formato editable, sobre o cal deberán facer todas as modificacións que coiden necesarias para establecer o texto definitivo.

O tempo máximo para realizar parte do exercicio será de tres (3) horas.

O tribunal poderá determinar a realización das dúas partes do exercicio na mesma sesión, sen prexuízo de que poida dispor unha pausa entre unha e outra, ou en distintas sesións.

Para cualificar este exercicio, o tribunal terá en conta: a) o axuste do texto escrito resultante á realidade do discurso oral correspondente; b) a pertinencia das correccións feitas, de acordo coas instrucións dadas aos aspirantes.

O tribunal poderá excluír aquelas persoas aspirantes que, ao seu xuízo, cometan erros moi graves nalgunha das partes de que consta o exercicio e en función dos criterios que se teñen en conta para cualificar.

Este exercicio será defendido polas persoas aspirantes ante o tribunal en audiencia pública. Unha vez defendida a primeira parte de que consta o exercicio ou transcorridos dez minutos de exposición, o tribunal poderá decidir que a persoa aspirante abandone a proba por considerar a súa actuación notoriamente insuficiente.

Ao finalizar a exposición, o tribunal poderá dialogar coa persoa aspirante sobre cuestións relacionadas cos temas expostos durante un tempo máximo de quince minutos.

A non presentación á defensa do exercicio dará lugar á exclusión do proceso de selección.

Cualificación do exercicio:

– A primeira parte do exercicio cualificarase de cero (0) a vinte e seis (26) puntos.

– A segunda parte do exercicio cualificarase de cero (0) a catorce (14) puntos.

– Para superar o exercicio cómpre acadar un mínimo de trece (13) puntos na primeira parte do exercicio e sete (7) puntos na segunda parte.

– A cualificación final do exercicio será a suma das puntuacións acadadas en cada unha das partes de que consta.

6.1.4. Desenvolvemento dos exercicios.

O primeiro exercicio deberá realizarse no prazo máximo de corenta (40) días hábiles contados desde o día seguinte ao da constitución do tribunal.

Entre a realización dun exercicio e o seguinte deberá transcorrer un mínimo de 5 días hábiles.

A convocatoria da realización dos sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal e publicarase na páxina web do Parlamento de Galicia, polo menos corenta e oito horas antes da data e hora sinaladas para o seu inicio.

As persoas aspirantes deberán presentarse, para a realización de cada exercicio, provistas do documento nacional de identidade ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e será excluída da oposición a persoa que non compareza.

Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e os colaboradores e colaboradoras designados por este, se for o caso.

Os exercicios distribuiranse en galego. Porén, tamén se lles distribuirán en castelán ás persoas aspirantes que así o soliciten.

En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá acordar proceder á súa exclusión.

Os exercicios realizados non levarán ningunha marca ou sinal que permita identificar o seu autor ou autora. O tribunal facilitará a cada persoa aspirante dous sobres para introducir de xeito independente o exercicio realizado e a identificación do seu autor ou autora. Os sobres pecharanse e gramparanse conxuntamente diante da persoa interesada.

As persoas aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistas de teléfono móbil nin de obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

Ao remate das probas que consistan na contestación dun cuestionario, cada persoa aspirante poderá anotar e levar a relación das súas respostas.

6.1.5. Cualificacións.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

As persoas participantes poden presentar, nos tres días hábiles seguintes á realización de cada exercicio, as reclamacións que consideren oportunas referidas ás preguntas e ao seu contido. Se o tribunal, de oficio ou con base nalgunha reclamación, anula algunha das preguntas, substituiranse por orde polas de reserva incluídas no mesmo cuestionario. Esta decisión publicarase xuntamente coas cualificacións do exercicio.

No prazo das vinte e catro horas seguintes á realización de cada exercicio tipo test publicarase o seu contido e as respostas correctas no portal web corporativo.

As cualificacións de cada un dos exercicios publicaranse na páxina web do Parlamento de Galicia e no taboleiro de anuncios da Administración parlamentaria.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que contarán desde o día seguinte ao da publicación na web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal) da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

Sétima. Listaxe de cualificacións finais

7.1. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a resolución do tribunal coa relación das persoas aspirantes que superaron os tres exercicios, coa puntuación total obtida, publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia.

Contra esta resolución as persoas aspirantes poderán presentar alegacións, que non terán o carácter de recurso, ante o tribunal cualificador, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Tales alegacións serán resoltas na proposta definitiva das persoas aspirantes que superasen o proceso selectivo.

A orde de prelación das persoas aspirantes virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

No suposto de empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, os criterios para resolver esa situación serán, por esta orde, os seguintes:

– A puntuación máis alta no terceiro exercicio.

– A puntuación máis alta no segundo exercicio.

– A puntuación máis alta no primeiro exercicio.

– A condición de xénero a favor da muller, ao existir infrarrepresentación do sexo feminino.

– Por orde alfabética do primeiro apelido comezando pola letra «P», de conformidade co sorteo realizado e publicado na web corporativa.

– Por sorteo entre as persoas implicadas.

Transcorridos os dez días do prazo referido para presentar alegacións contra a listaxe provisional e, de ser o caso, resoltas as alegacións presentadas, o tribunal fará público, nos mesmos lugares previstos nesta epígrafe, a proposta definitiva das persoas seleccionadas coas cualificacións obtidas en cada unha das fases do proceso selectivo, e elevaralle á Mesa do Parlamento unha proposta en favor das persoas aspirantes que obtivesen a maior puntuación para o seu nomeamento como funcionarias da escala técnica de publicacións do corpo superior do Parlamento de Galicia.

7.2. A Mesa do Parlamento adoptará o acordo de finalización do proceso selectivo e de aprobación do seu resultado co ingreso das persoas propostas na escala técnica de publicacións do corpo superior do Parlamento de Galicia, como persoal funcionario de carreira. Este acordo publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa e será notificado ás persoas seleccionadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, se se produce a renuncia das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, convocarase a seguinte persoa da listaxe por orde de puntuación para que ocupe o seu lugar. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos de persoas aspirantes na situación que se refire no parágrafo final da base oitava desta convocatoria.

Oitava. Presentación de documentos

8.1. As persoas aspirantes que superen o proceso selectivo deberán presentar ante a Presidencia do Parlamento, sempre que non conste en poder da Administración parlamentaria, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación do proceso selectivo por parte da Mesa do Parlamento de Galicia, a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do título exixido na base 2.3 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán presentar credencial da súa validación ou homologación.

b) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a nin despedido/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo de que foi separado/a ou inhabilitado/a, nin pertencer ao mesmo corpo, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración responsable de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a unha sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións e tarefas.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e, de ser o caso, da Administración competente.

No caso de presentación por sede electrónica, a compulsa dos orixinais en papel debe ser electrónica, de acordo co artigo 29 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Os documentos orixinais asinados electronicamente serán válidos sempre que se manteñan en soporte electrónico. Os documentos electrónicos con código de verificación CSV serán válidos en calquera soporte, pois a través do número de referencia poderá cotexarse co orixinal.

8.2. A persoa que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados pola Presidencia, non presente a documentación ou respecto da cal, despois de examinala, se deduza que non cumpre algún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderá ser nomeada persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial. Neste caso, seguirase o procedemento establecido no parágrafo final da base sétima.

Novena. Nomeamento

Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, a persoa seleccionada será nomeada persoal funcionario de carreira por resolución da Presidencia. Este nomeamento seralle notificado á persoa interesada e publicado no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web corporativa.

No prazo dun mes, contado desde o día seguinte á publicación, as persoas nomeadas deberán tomar posesión ante a Presidencia do Parlamento e realizar o xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galicia, de obediencia ás leis e de exercer imparcialmente as súas funcións.

De non se facer efectiva a toma de posesión dentro do prazo establecido, por causa imputable á persoa interesada, producirase o decaemento do seu dereito a adquirir a condición de persoal funcionario de carreira neste proceso selectivo.

Décima. Lista de espera para substitucións

As persoas incluídas na listaxe definida na base 7.1 que non superasen o proceso selectivo pasarán a formar parte dunha lista de espera que se constituirá no Parlamento de Galicia para cubrir as necesidades eventuais de persoal que puideren xurdir, en condición de persoal funcionario interino vinculado ao mantemento das circunstancias polas cales son nomeadas.

Os requisitos para a elaboración das listas serán:

1º. Superar, cando menos, os dous primeiros exercicios.

2º. A puntuación total obtida nos exercicios superados no proceso selectivo.

No suposto de empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, os criterios para resolver esa situación serán os establecidos na base 7.1.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, potestativamente, recurso de reposición perante a Mesa do Parlamento de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

ANEXO I

Temario para ingresar por quenda libre na escala técnica de publicacións do corpo superior do Parlamento de Galicia

Bloque A. Lingua.

A.1. Lingua xeral (temas 1-31).

Tema 1. As variedades e rexistros da lingua. Variedades xeográficas, históricas e sociais. Características morfolóxicas, sintácticas e léxicas. O concepto de estándar. O estándar como variedade supradialectal. Estándar e rexistros.

Tema 2. O proceso de estandarización no galego moderno. Situación actual. As linguaxes de especialidade.

Tema 3. A autoridade lingüística en Galicia. A fixación da norma lingüística: o concepto de norma; os límites da prescrición normativa; as dificultades de definir a «corrección» lingüística. A planificación do corpus lingüístico do galego na etapa da cooficialidade: cuestións ortográficas, morfolóxicas e léxicas.

Tema 4. As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Principios e criterios inspiradores. A fixación ortográfica e morfolóxica. A fixación léxica. Palabras patrimoniais, cultas e semicultas. Principais desviacións da norma e a súa abordaxe desde o punto de vista normativo.

Tema 5. Historia da lingua (1). Orixe do galego. A romanización. Influencia doutras linguas na conformación do idioma. Voces patrimoniais, cultas e semicultas. Os préstamos antigos. A lingua na Idade Media. Os primeiros textos. Características da lingua medieval. A lingua do século XVI ao XIX. Os séculos XVI e XVII. O século XVIII: a Ilustración. O século XIX: o Rexurdimento. Características da lingua nesta etapa.

Tema 6. Historia da lingua (2). A lingua no século XX. A etapa das Irmandades da Fala e da Xeración Nós. A etapa da posguerra. A normativización. A lingua na actualidade. O marco legal. Estandarización e normalización.

Tema 7. Linguas en contacto. A asimilación lingüística. As interferencias lingüísticas e as alternancias de código. Principios de aplicación á redacción de textos xurídico-administrativos nos dous idiomas oficiais.

Tema 8. Política lingüística en Galicia. Normativa europea, estatal e autonómica en materia de cooficialidade lingüística. Plans de normalización lingüística: formulación, desenvolvemento e resultados.

Tema 9. Fonemática. O sistema vocálico. O sistema consonántico. Fonética sintáctica: encontros de fonemas na palabra e no sintagma. A sílaba. O acento na palabra e no grupo tonal. A entoación.

Tema 10. Ortografía. Regras xerais de acentuación. O acento en ditongos, tritongos e hiatos. O acento diacrítico e a anfiboloxía. O acento en monosílabos e palabras compostas. A dobre acentuación. O acento en palabras doutros idiomas.

Tema 11. Signos de puntuación (1). A coma. Usos correctos e incorrectos. O punto. Usos correctos e incorrectos do punto. O punto e coma. Os puntos suspensivos. Os puntos de elisión. Os dous puntos.

Tema 12. Signos de puntuación (2) e outros signos auxiliares. As parénteses. Os corchetes. A raia. As comiñas. Os signos de interrogación e exclamación. O apóstrofo. A diérese. O guión. A barra. A arroba.

Tema 13. A palabra e os seus constituíntes. A formación de palabras: principais procedementos. A derivación: sufixación, derivación regresiva, prefixación, parasíntese... A composición. O truncamento. A sintagmación.

Tema 14. O significado da palabra. Denotación e connotación. O campo semántico. Sinonimia e antonimia; homonimia e polisemia. O eufemismo.

Tema 15. Terminoloxía e enriquecemento do léxico: principais mecanismos con que conta a lingua. Os neoloxismos. Tratamento dos estranxeirismos e dos préstamos. Especial referencia ao portugués e ao castelán. Os calcos sintácticos. Os falsos amigos. Os latinismos. Adaptación doutros alfabetos.

Tema 16. Organismos, recursos e ferramentas no ámbito da fixación terminolóxica. Termigal. Recursos das administracións, das universidades e doutras entidades.

Tema 17. Onomástica. Caracterización xeral da toponimia galega. Criterios de fixación dos topónimos galegos. O Nomenclátor de Galicia. Criterios de uso de topónimos e antropónimos nos textos parlamentarios. Os exotopónimos: criterios de adaptación; a transliteración e a transcrición de topónimos y antropónimos de linguas de alfabeto non latino.

Tema 18. O substantivo: caracterización e clasificación; xénero e número nos substantivos. Funcións sintácticas.

Tema 19. O adxectivo: caracterización e clasificación; xénero e número; gradación; funcións do adxectivo.

Tema 20. Os pronomes. Caracterización e clasificación. Os pronomes persoais. Definición, morfoloxía e funcións. Desviacións do estándar.

Tema 21. Os demostrativos e os posesivos: definición, morfoloxía e funcións.

Tema 22. O artigo: morfoloxía e funcións. Contraccións do artigo.

Tema 23. Os indefinidos, numerais, relativos, interrogativos e exclamativos.

Tema 24. O verbo (1). Estrutura xeral. A raíz: verbos regulares e irregulares; as alternancias vocálicas e consonánticas. A vogal temática e as conxugacións.

Tema 25. O verbo (2). O tempo e o modo. O número e a persoa. O aspecto. A voz.

Tema 26. O verbo (3). Equivalencias, interferencias e conflitos entre os valores aspectuais e temporais dos sistemas verbais das dúas linguas cooficiais. Réximes preposicionais verbais.

Tema 27. As formas non finitas do verbo e o infinitivo conxugado. As perífrases verbais.

Tema 28. O adverbio. A preposición. A conxunción. A interxección.

Tema 29. A frase e a oración. O modo da enunciación oracional. A afirmación. A negación. A dúbida. A interrogación. A exclamación. Constituíntes da oración. As funcións do esquema oracional. O predicado. Clases de oración segundo a natureza do predicado. O suxeito.

Tema 30. Outras funcións sintácticas: os distintos tipos de complementos (obxecto directo, complemento preposicional, atributo, obxecto indirecto...) .

Tema 31. A oración composta. As oracións coordinadas. As oracións subordinadas.

A.2. Linguaxe xurídico-administrativa e parlamentaria (temas 32-50).

Tema 32. As linguas de especialidade e os tecnolectos: trazos definidores. Caracterización da linguaxe xurídico-administrativa e subtipos dentro dela. Trazos xerais da linguaxe xurídico-administrativa tradicional e principais propostas de mellora. Iniciativas en Galicia e noutros ámbitos en materia de modernización da linguaxe xurídico-administrativa. Materiais de referencia.

Tema 33. Os textos normativos e os seus tipos. Tipos de leis. Disposicións do Goberno con forza de lei. Os proxectos e as proposicións de lei. O regulamento. As Directrices de técnica normativa en Galicia e noutros ámbitos. Recomendacións xerais e particularmente en materia lingüística.

Tema 34. Aspectos que cómpre considerar na boa redacción das normas. Abordaxe do texto, do parágrafo, da oración e das unidades léxicas. Problemas e propostas de solución en materia de organización da información. Normas e recomendacións para a correcta construción dos parágrafos e das oracións.

Tema 35. A coherencia textual e a cohesión textual. A orde de colocación dos elementos oracionais. Estruturas, conectores, relacionantes e marcas de organización. A cohesión morfosintáctica. Concordancia entre suxeito e verbo, substantivo e adxectivo, substantivo e determinante, pronomes con antecedentes e consecuentes. A concordancia ad sensum. Casos especiais de concordancia nominal e verbal.

Tema 36. O uso dos tempos e os modos verbais nos textos normativos. Perífrases máis habituais en galego e a súa correcta utilización nos textos normativos. Os tempos non persoais e o seu correcto emprego.

Tema 37. O léxico xurídico-administrativo: abordaxe e proceso de fixación en galego. Léxico especializado doutras áreas de coñecemento: abordaxe e proceso de fixación en galego. Organismos en materia de fixación léxica e terminolóxica. Bases de datos terminolóxicas.

Tema 38. O discurso parlamentario. O texto expositivo e o texto argumentativo. Estruturas e características. Mecanismos argumentativos. Textos orais e textos escritos. A transcrición do discurso oratorio. Variables funcionais, figuras retóricas e outros recursos lingüísticos na oratoria parlamentaria. O tratamento dos elementos paralingüísticos na transcrición do discurso oral. Especial referencia ao Diario do Sesións do Parlamento de Galicia.

Tema 39. O sexismo e a linguaxe inclusiva. Estado da cuestión. Normas e recomendacións. Criterios noutras linguas. Opcións para evitar o sexismo na lingua e procurar unha linguaxe inclusiva.

Tema 40. Ferramentas e materiais lingüísticos en materia de redacción e corrección. Fontes de consulta. Uso e manexo. Dicionarios, manuais e libros de referencia. Os libros de estilo. Organismos e entidades de referencia, no ámbito do galego e doutras linguas románicas.

Tema 41. A tradución xurídico-administrativa en xeral, con especial referencia á tradución normativa do galego para o castelán e á inversa. Recursos informáticos e materiais de consulta para a tradución. A automatización da tradución. Construcións gramaticais con distinto tratamento en galego e castelán e vixilancia da súa correcta aplicación nos dous idiomas. Interferencias léxicas e regras para evitalas. Expresións en castelán nos textos en galego e viceversa.

Tema 42. Maiúsculas e minúsculas nos textos normativos e na linguaxe xurídico-administrativa en xeral. O seu carácter convencional. Tipos de maiúscula. Funcións da maiúscula. Nome común e nome propio. Nome xenérico e nome específico. Tendencias normalizadoras e estilísticas.

Tema 43. A abreviación. Abreviaturas, acrónimos, siglas e símbolos. Regras de formación e escrita. Galeguización das siglas de expresións exóxenas.

Tema 44. A escrita dos números. Cifras e letras. Os números romanos. A súa utilización. Os números ordinais: xénero, apócope e dobre ortografía. Escritura de decimais, crebados, múltiplos, datas, horas e porcentaxes. Enderezos e teléfonos. As cantidades. Apartados, epígrafes e alíneas. A alfabetización e a numeración de apartados.

Tema 45. A corrección tipográfica. Os tipos de letra. A letra redonda. A letra cursiva. A letra negra. A versaleta. A división de palabras e sintagmas.

Tema 46. A corrección de estilo: metodoloxía, marcas e recursos. A corrección de estilo segundo a natureza dos textos. Niveis de intervención. Límites do corrector de estilo. Correccións específicas. A comprensibilidade. A limpeza gramatical. As oracións inconclusas. O pleonasmo. As impropiedades léxicas.

Tema 47. A redacción e corrección do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia (1). Pautas xerais de redacción e corrección. Da lingua oral á lingua escrita.

Tema 48. A redacción e corrección do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia (2). Puntuación dos textos. Tipos de letra. Reprodución das citas en galego e noutros idiomas. Reprodución de conceptos singulares (nomes propios de persoa, nomes xeográficos e denominación de cargos oficiais e de entidades, marcas comerciais...). Uso da maiúscula en inicial de palabra.

Tema 49. A axuda informática para a corrección. Programas, soportes, plataformas e formatos. O documento informático. A corrección en pantalla. Método de traballo. Principais utilidades na corrección de estilo e tipográfica. A autocorrección. O corrector informático. O control de cambios. As procuras como ferramenta de análise. As macros para automatizar as tarefas de limpeza.

Tema 50. Os novos medios e as redes sociais. A lectura en pantalla. Os textos na web: adaptación ao seu formato. Extensión e contido. Deseño e estrutura dunha páxina web. Normas fundamentais para a redacción na web. Extensión de oracións e parágrafos. Linguaxe utilizada. Elementos tipográficos propios. Fontes, tamaños e cores. A usabilidade. A ligazón. O hipertexto. Formas de comportamento na rede.

Bloque B. Dereito (temas 51-80).

Tema 51. A Constitución española de 1978: características xerais. Os valores superiores e os principios inspiradores. Dereitos fundamentais e liberdades públicas. Garantías e restricións. Os deberes constitucionais.

Tema 52. Os órganos constitucionais. A Coroa. O Poder Lexislativo. As Cortes Xerais. O Poder Executivo. O Goberno do Estado e a Administración xeral do Estado. O Poder Xudicial. O Tribunal Constitucional.

Tema 53. A organización territorial do Estado na Constitución. As comunidades autónomas. O sistema de distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas. A Administración local: regulación constitucional.

Tema 54. A xerarquía normativa. A lei: concepto e clases. Leis orgánicas e leis ordinarias. As disposicións con forza de lei. O regulamento. A normativa comunitaria.

Tema 55. A Administración pública: concepto, caracteres e clasificación. A Administración e o dereito: o principio de legalidade. As potestades administrativas. A actividade discrecional da Administración e os seus límites. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Tema 56. Os dereitos das persoas na Lei de procedemento administrativo común das administracións públicas. A obriga de resolver. O silencio administrativo.

Tema 57. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Eficacia e validez dos actos administrativos.

Tema 58. O procedemento administrativo: concepto e natureza. Fases do procedemento administrativo. Os recursos administrativos.

Tema 59. A preautonomía e o Estatuto de 1981. O proceso de reforma do Estatuto. O Estatuto de autonomía para Galicia: estrutura e características. A organización territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tema 60. As competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. Clasificación e principios. Materias competenciais.

Tema 61. Organización territorial e institucional da Comunidade Autónoma de Galicia no Estatuto de autonomía. A Presidencia da Xunta de Galicia. O Consello da Xunta. O seu funcionamento. O Poder Xudicial en Galicia.

Tema 62. O Valedor do Pobo. Regulación xurídica. Función e ámbito de supervisión da institución. A tramitación das queixas. Relacións co Parlamento de Galicia. O Consello de Contas. Composición e funcións.

Tema 63. Outras institucións de autogoberno: o Consello da Cultura Galega. Composición e funcións. O Consello Consultivo. O Consello Económico e Social. Outros órganos total ou parcialmente de extracción parlamentaria.

Tema 64. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Organización central: consellarías, órganos interdepartamentais e órganos de participación. Organización territorial da Administración autonómica. Entidades instrumentais: axencias, sociedades mercantís e fundacións do sector público galego.

Tema 65. As fontes do dereito parlamentario. A Constitución. O Estatuto de autonomía de Galicia. Regulamento do Parlamento de Galicia: estrutura e interpretación. Acordos interpretativos e normas complementarias. Outras fontes. Normas de réxime interior relativas á organización e ao funcionamento do Parlamento. Os precedentes, os usos e os costumes parlamentarios.

Tema 66. A sesión constitutiva do Parlamento de Galicia. A convocatoria e o desenvolvemento da sesión constitutiva. A Mesa de Idade. A elección da Mesa do Parlamento. A sesión solemne de apertura da lexislatura. A disolución do Parlamento.

Tema 67. Estatuto dos deputados e das deputadas. Disposición xeral. Dereitos e deberes. Prerrogativas parlamentarias. Suspensión e perda da condición de deputado/a.

Tema 68. Os grupos parlamentarios. Constitución, composición e funcionamento. O grupo parlamentario mixto. Singularidades na composición dos grupos parlamentarios. Os medios materiais postos á disposición dos grupos. O financiamento dos grupos e a súa publicidade. O control externo das subvencións e a rendición de contas.

Tema 69. Os órganos de goberno do Parlamento. A Presidencia: funcións. Réxime de suplencia. A Mesa. Composición e funcións. A Xunta de Portavoces, composición e funcións. Réxime de funcionamento.

Tema 70. Os órganos funcionais (1). O Pleno. Composición. Convocatoria. A execución dos acordos. A Deputación Permanente: funcións. Composición. Réxime de funcionamento. As ponencias e os grupos de traballo.

Tema 71. Os órganos funcionais (2). As comisións. Composición. Competencias e réxime de funcionamento. Tipoloxías. As comisións permanentes lexislativas e non lexislativas. Especificidades. As comisións especiais.

Tema 72. Os procedementos parlamentarios de natureza normativa. Os procedementos lexislativos ordinarios e especiais. A iniciativa lexislativa. A tramitación dos proxectos de lei e das proposicións de lei. O proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia: marco de tramitación, debate e aprobación.

Tema 73. A Xunta como destinataria da confianza parlamentaria. A investidura. A moción de censura. A cuestión de confianza. A delegación lexislativa na Comunidade Autónoma de Galicia. As comunicacións da Xunta de Galicia. O debate de política xeral.

Tema 74. Os procedementos de control e impulso. As proposicións non de lei e as mocións. Emendas. Debate.

Tema 75. Os procedementos de control económico e orzamentario. A conta xeral da Administración da Comunidade Autónoma. As modificacións orzamentarias. O límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma.

Tema 76. A autonomía administrativa do Parlamento de Galicia. O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia. A estrutura orgánica da Administración parlamentaria. As unidades administrativas. Os órganos da Administración parlamentaria. O réxime xurídico-administrativo. Réxime xurídico das súas disposicións administrativas. O procedemento administrativo na Administración parlamentaria.

Tema 77. A xestión económica e financeira na Administración parlamentaria: Regulamento de réxime orzamentario e contable do Parlamento de Galicia e do Valedor do Pobo. O orzamento do Parlamento de Galicia: contido, elaboración, aprobación e prórroga. Os créditos e as súas modificacións. A execución e liquidación do orzamento. Os principios de actuación contable e a conta xeral do Parlamento de Galicia. O control e a fiscalización da xestión económica e financeira.

Tema 78. O réxime xurídico dos funcionarios públicos: normas xerais. Selección. Situacións administrativas. Dereitos e deberes. As incompatibilidades dos funcionarios públicos.

Tema 79. Normativa comunitaria, nacional e autonómica sobre igualdade de xénero. Criterios para evitar o uso sexista da linguaxe e o seu procedemento de aplicación nos escritos e documentos oficiais dos órganos e servizos do Parlamento de Galicia.

Tema 80. Protección de datos de carácter persoal. Ámbito de aplicación. Definición. Axencia Española de Protección de Datos: órganos e competencias. Principios de protección. Dereitos dos cidadáns.

missing image file
missing image file
missing image file

Anexo III

Declaración responsable

………………..(nome e apelidos).....................…………..........., con DNI ………....................

Declaro responsablemente:

Que non fun separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin me atopo na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial (cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada), nin pertenzo á mesma escala das prazas convocadas.

Asino esta declaración para os efectos de participar no proceso selectivo para ingresar pola quenda libre nunha praza da escala técnica de publicacións do corpo superior do Parlamento de Galicia.

Santiago de Compostela, ...... de ..........................de 2021

(Sinatura)