BDNS (Identif.): 572427.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, que conten cun departamento de edición en Galicia, antes do 1 de xaneiro de 2021, de acordo co establecido na presente orde.
2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvención a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, que conten cun departamento de edición en Galicia, antes do 1 de xaneiro de 2021, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT238A).
As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e distribuídas entre o 1.9.2020 e o 30.9.2021.
Para os efectos da presente orde considéranse gastos de edición os de autoría, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización ou calquera outro gasto de similar natureza.
Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión, sexan físicas ou dixitais.
Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.
Polo menos a maquetación, impresión e distribución deberá estar realizada no período indicado no parágrafo segundo deste artigo.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar esta subvención para o ano 2021.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 22 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT238A).
Cuarto. Importe
1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, por un importe de 200.000 €.
2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade