Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 2 de xullo de 2021 Páx. 33876

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC) e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC), unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 25 de febreiro de 2021, Carolina Mora Pallás, na súa condición de vogal do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC) foi constituída en escritura pública outorgada en Ferrol o 9 de febreiro de 2021, ante o notario Pedro Luis García de los Huertos Vidal co número 304 do seu protocolo, por Juan Daniel de Araoz Álvarez, Juan Miguel Losada Rey, Carolina Mora Pallás e Marta María de Araoz Ordina, quen actúan no seu propio nome e dereito.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxectivo axudar as persoas maiores sen recursos económicos, especialmente as que viven soas e os seus coidadores non profesionais.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Juan Daniel de Araoz Álvarez como presidente, Juan Miguel Losada Rey como vicepresidente e Carolina Mora Pallás como vogal. Designan a María Francisca Evia Vázquez como secretaria con voz pero sen voto.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na xuntanza do día 10 de maio de 2021, elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC) consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 47 da antedita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 24 de maio de 2021, clasificouse como de interese asistencial á Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC), e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC), así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social da Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC), polo que,

RESOLVO:

Primeiro Declarar fundación de interese galego a Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC).

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación de Ayuda a los Mayores y sus Cuidadores (FAMYC) no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social