Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 2 de xullo de 2021 Páx. 33945

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2021 pola que se convoca o Curso superior de Administración electrónica 2021.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2021, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Curso superior de Administración electrónica 2021 de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

Este curso superior pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. Os contidos do programa enfocarán a Administración electrónica desde unha múltiple perspectiva para que as persoas ás cales se dirixe adquiran coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito ou para que os perfeccionen co fin de completaren a súa formación no dereito da informática.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará os seguintes temas:

• Réxime xurídico dunha Administración dixital.

• Identidade dixital: identificación e sinatura dixitais.

• Sede electrónica e Carpeta cidadá.

• Sistema único de rexistro. Canles electrónicas e presenciais.

• Notificación electrónica.

• Seguridade. Impacto do Regulamento xeral de protección de datos.

• Cooperación interadministrativa. Instrumentos de coordinación no desenvolvemento da Administración electrónica. Iniciativas no marco europeo.

• Interoperabilidade de datos e documentos.

• Arquivo electrónico, documento electrónico e copia.

• Licitación e factura electrónicas.

• Atención á cidadanía. Transparencia e reutilización.

Terceira. Número de prazas

– 50 prazas.

Cuarta. Persoas destinatarias

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das ditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Para os efectos do establecido na Resolución do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas, do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e corrección (DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

Quinta. Desenvolvemento

Datas: o curso desenvolverase desde o 14 de setembro ata o 26 de outubro de 2021.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presenciais e 84 de teleformación.

As clases prácticas presenciais desenvolveranse os días 14, 21 e 28 de setembro e 5, 19 e 26 de outubro de 2021.

Horario das clases presenciais: pola mañá, das 11.00 ás 14.00 horas; pola tarde, das 16.00 ás 19.00 horas.

Para o desenvolvemento das clases presenciais garantirase o cumprimento das medidas de seguridade e hixiene establecidas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

Sexta. Inscrición

1. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 31 de xullo de 2021.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nas bases cuarta e oitava desta convocatoria.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para tramitar o procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas, necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Oitava. Criterios de admisión

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición e darase preferencia ao persoal empregado público de acordo co indicado na base cuarta desta convocatoria.

Novena. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións

1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou están excluídas de acordo co disposto no punto 6º dos criterios xerais establecidos na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

2. O prazo de presentación de alegacións será de tres días contados desde a súa publicación.

3. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) a listaxe definitiva de persoas seleccionadas no curso.

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberanse xustificar documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Modificacións

1. A Amtega e a EGAP reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A Amtega e a EGAP garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Décimo segunda. Certificado electrónico de aproveitamento

O alumnado deberá realizar un traballo ao finalizar o curso, que será presentado á dirección da actividade formativa, como requisito previo para a obtención do certificado.

Tamén ao final do curso, o alumnado deberá superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das cales deberán escoller unha; valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60 % do total de preguntas acertadas para a superación do test.

O alumnado deberá superar o exame e o traballo para obter o certificado de aproveitamento.

De non superar algún dos dous requisitos, poderase presentar unha segunda vez.

Superado o exame e o traballo, expedirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública