Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 6 de xullo de 2021 Páx. 34470

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 24 de xuño de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

A actividade administrativa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, creando unha Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que mantén as competencias en materia de economía e industria da anterior Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, na súa disposición adicional segunda mantivo a vixencia das delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección ata a súa expresa derrogación ou novo outorgamento. No caso da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, esta disposición amparou a subsistencia da preexistente orde de delegación da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Finalmente, mediante o Decreto 230/2020, do 23 de decembro, estableceuse a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Ademais de garantir as vantaxes da técnica da delegación de competencias, mediante a adopción desta orde preténdese a clarificación e plena adaptación da dita delegación á nova estrutura organizativa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Por isto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegación na Secretaría Xeral Técnica

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes competencias:

a) En xeral, o despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á persoa titular da consellería e non se deleguen expresamente noutros órganos.

b) As facultades que a normativa vixente atribúe á persoa titular da consellería en materia de persoal, excepto as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquela ou as que se deleguen expresamente noutros órganos.

c) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, así como a autorización para asistir a actividades de formación e perfeccionamento, excepto as atribuídas ás persoas titulares das xefaturas territoriais no artigo 4.b).

d) A disposición de canto atinxe ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia exclusiva da persoa titular da consellería ou doutro centro directivo.

e) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da consellería, así como o recoñecemento de obrigas e a súa liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Facenda a ordenación dos pagamentos, excepto as que se deleguen expresamente noutros órganos.

f) As facultades que en materia de xestión orzamentaria lle corresponden á persoa titular da consellería, conforme o previsto nos artigos 67 e concordantes do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

g) As facultades que a normativa vixente atribúe á persoa titular da consellería en materia de patrimonio.

h) As facultades que a normativa vixente atribúe á persoa titular da consellería como órgano de contratación, excepto as que se deleguen expresamente noutros órganos.

i) A subscrición, modificación, prórroga ou perda de efectos de convenios de competencia da persoa titular da consellería, excepto os convenios de colaboración con outras administracións públicas e entes de dereito público e os convenios con asociacións, federacións e clústers.

j) A resolución dos recursos administrativos que correspondan á persoa titular da consellería e a facultade de suspender os actos impugnados, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos e cando a delegación non estea prohibida expresamente.

k) A resolución dos recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións ditadas pola Secretaría Xeral Técnica en virtude das facultades delegadas, así como dos interpostos contra as resolucións ditadas por outros órganos en exercicio de facultades delegadas e non atribuídos a estes.

l) A admisión a trámite e resolución das solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos de gravame ou desfavorables.

m) A resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial, nos casos en que non estea expresamente delegada noutros órganos.

n) As resolucións sancionadoras e as propostas de sanción ao Consello da Xunta que correspondan á persoa titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, excepto as que se deleguen expresamente noutros órganos.

o) As facultades que a normativa vixente atribúe ao correspondente protectorado en materia de fundacións.

Artigo 2. Delegación na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais as seguintes competencias:

a) O despacho e a resolución dos expedientes que en materia de dereitos mineiros estean atribuídos á persoa titular da consellería e que non se deleguen expresamente noutros órganos.

b) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de enerxía e industria cando a infracción afecte o ámbito territorial de dúas ou máis provincias.

c) A resolución dos recursos potestativos de reposición interpostos contra as devanditas resolucións sancionadoras.

d) A resolución dos expedientes das axudas públicas e subvencións en materias da súa competencia, sempre e cando non estea expresamente delegada noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 3. Delegación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo as seguintes competencias:

a) O despacho e a resolución dos expedientes en materia de autorización comercial autonómica.

b) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de comercio cando a infracción afecte o ámbito territorial de dúas ou máis provincias.

c) A resolución dos recursos potestativos de reposición interpostos contra as devanditas resolucións sancionadoras.

d) A resolución dos expedientes das axudas públicas e subvencións en materias da súa competencia, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 4. Delegación nas xefaturas territoriais

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais as seguintes competencias:

a) A autorización dos permisos e licenzas do persoal destinado nas xefaturas territoriais, sempre que non teñan incidencia no capítulo I dos orzamentos de gastos.

b) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, así como a autorización para asistir a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do persoal destinado nas xefaturas territoriais.

c) A resolución das reclamacións e queixas pola actuación do persoal destinado nas xefaturas territoriais.

d) A autorización e disposición dos gastos con cargo ao capítulo II dos orzamentos de gastos, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos pola Secretaría Xeral Técnica por delegación da persoa titular da consellería e que non estean reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como o recoñecemento das obrigas de gasto e a proposta dos pagamentos correspondentes aos créditos distribuídos.

Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente.

e) A resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de enerxía, industria e comercio, agás os supostos de infraccións de ámbito supraprovincial do artigo 3 desta orde.

f) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas; nomeadamente, dos interpostos contra as resolucións sancionadoras ditadas no exercicio das facultades delegadas, nas materias de enerxía, industria e comercio.

Artigo 5. Réxime xurídico da delegación de competencias

1. Os actos e resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia, con referencia ao número e data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditados polo órgano delegante.

2. En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá reclamar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde.

3. En todo caso, quedan excluídos das delegacións contidas nesta orde os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 44.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 10 de xuño de 2016 sobre delegación de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no que atinxe ás competencias atribuídas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación