Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 9 de xullo de 2021 Páx. 35243

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2021 pola que se anuncia a venda de parcelas de solo empresarial do Instituto Galego da Vivenda e Solo na Comunidade Autónoma de Galicia (expediente venda parcelas E./2021).

1. Entidade adxudicadora.

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

2. Obxecto.

Procedemento para a adxudicación do concurso para a venda de parcelas de solo empresarial de titularidade do IGVS que posúe en parques empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia.

As parcelas obxecto deste concurso, o parque empresarial onde están situadas, as súas dimensións, así como o seu uso figura no anexo I do prego de bases.

3. Prezo das parcelas.

O prezo base de licitación de cada unha das parcelas é o que figura no anexo I do prego baixo a referencia «prezos bonificados». Os ditos prezos teñen carácter de mínimos e non inclúen o IVE, que se engadirá ao de adxudicación no momento da formalización da compravenda.

4. Garantías.

Para participar no concurso requirirase ter constituído previamente unha garantía do 5 % do prezo base de licitación (prezo bonificado) da parcela sobre a que se realice a oferta. No caso de concorrer por máis dunha parcela, deberase constituír a correspondente garantía por cada unha delas.

5. Requisitos específicos dos participantes.

Poderá participar no concurso calquera persoa, física ou xurídica, española ou estranxeira, que teña plena capacidade de obrar, de acordo co previsto no Código civil. Non poderán participar as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal. Tampouco poderán participar aquelas persoas e entidades que no momento da presentación da documentación tivesen pendentes obrigas económicas co IGVS.

6. Obtención de documentación.

Os pregos do presente concurso, os seus anexos, ademais da información relativa ás ordenanzas reguladoras dos parques empresariais onde se sitúan as parcelas e os planos de situación e parcelarios figurarán na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/350), desde o momento no que o anuncio se publique no Diario Oficial de Galicia.

7. Lugar e prazo de presentación das ofertas.

As ofertas deberán remitirse por correo certificado, a través das oficinas de Correos, aos servizos centrais do Instituto Galego da Vivenda e Solo, situados en Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, en Santiago de Compostela, ata as 14.00 horas do día 31 de agosto de 2021.

As ofertas remitidas por unha canle distinta ou a un lugar diferente ao indicado non serán admitidas.

O licitador deberá xustificar o mesmo día da remisión da documentación ou a máis tardar antes do vencemento do prazo sinalado para a presentación das ofertas, a través de correo electrónico ao enderezo contratacionigvs@xunta.gal, a data do envío na oficina de Correos e os datos identificativos da persoa ou entidade que remite a documentación. Non concorrendo este requisito tampouco será admitida a oferta.

Así mesmo, transcorridos dez días naturais, contados desde o último para a presentación da oferta, sen que se recibise esta, esta tampouco será admitida.

8. Lugar, día e hora para a apertura dos sobres A e B.

A apertura do sobre A terá lugar na data que se indique con polo menos cinco días de antelación á súa celebración, na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/350).

A apertura do sobre B celebrarase no Salón de Actos, 2ª planta, das oficinas centrais do IGVS, en Santiago de Compostela, no día e a hora que se anuncien con polo menos cinco días de antelación á súa celebración, na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/350), que en ningún caso será coincidente co sinalado para a apertura do sobre A.

9. Gastos do anuncio.

O importe do anuncio será por conta dos adxudicatarios das parcelas rateado proporcionalmente.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo