Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 15 de xullo de 2021 Páx. 36126

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 5 de xullo de 2021 pola que se clasifica de interese social a Fundación Flora para la Alegría Social.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Flora para la Alegría Social, con domicilio na rúa Hortas, número 5, na Coruña.

Feitos:

1. O 21 de decembro de 2020, Óscar Rama Penas, na súa condición de secretario do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Flora para la Alegría Social constituíuna a entidade Os Peteiros Investments, S.L., representada neste acto pola súa administradora única, Marta González Deus, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 27 de novembro de 2020, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Arman, co número de protocolo 1.926.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «promover e realizar todas cantas actividades contribúan á mellora das condicións e da calidade de vida dos colectivos desfavorables e con dificultades de mobilidade ou sensoriais, procurando o completo desenvolvemento das súas capacidades individuais e favorecendo a súa integridade social, todo iso mediante iniciativas e actuacións que lles permitan gozar de experiencias lúdicas que melloren o seu benestar».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Marta González Deus como presidenta; José Carlos Saavedra Pérez como vicepresidente; Óscar Rama Penas como secretario e José Luis Saavedra Pérez, Cipriano Quintas Tomé, José Manuel Becerra Nogareda e Pablo Galán González como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese social da Fundación Flora para la Alegría Social, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 29 de xuño de 2021,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Flora para la Alegría Social e adscribila ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo