Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 16 de xullo de 2021 Páx. 36623

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación das puntuacións definitivas e á finalización da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado mediante a Resolución do 30 de setembro de 2019.

A base oitava da Resolución do 30 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso oposición para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, dispón que, logo da publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo dos cinco días hábiles seguintes ao da devandita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Non constando a presentación de ningunha reclamación contra a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 10 de xuño de 2021, relativa á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e das puntuacións provisionais da fase de oposición deste proceso selectivo, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 115, do 18 de xuño, este centro directivo, como órgano convocante do proceso, de conformidade coa proposta do órgano de selección,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado pola Resolución do 30 de setembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 191, do 8 de outubro).

Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.

Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos na base 7) e 11) da resolución de convocatoria do proceso.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos