Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 23 de xullo de 2021 Páx. 37724

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento VI420C).

A Xunta de Galicia ten, entre os seus obxectivos, fomentar o acceso á vivenda no seu territorio, velando polo cumprimento do dereito á vivenda de toda a cidadanía, recoñecido no artigo 47 da Constitución española de 1978. Con esta finalidade promulgouse a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, que se dirixe, tal e como proclama a súa exposición de motivos, a garantir o acceso á vivenda a quen realmente o necesita.

A realidade social dos últimos anos puxo de manifesto unha necesidade acreditada de vivenda a prezos limitados por parte de moitas unidades familiares, polo que cómpre deseñar programas que fomenten a existencia de vivendas protexidas. Neste marco, elaborouse, no seo do Consello do Observatorio da Vivenda de Galicia, o Pacto da vivenda de Galicia 2021-2025, o cal constitúe un instrumento de planificación das políticas públicas no eido da vivenda para o citado período; o citado pacto recolle as liñas de actuación pública en materia de vivenda para os próximos anos.

Esta planificación realízase a través de catro liñas estratéxicas de actuación, entre as que destaca, para os fins indicados, a liña deseñada para facilitar o acceso á vivenda, que prevé un programa específico de axudas á adquisición de vivendas protexidas ou a prezo limitado.

Este programa de axudas ten por finalidade facilitar o acceso á propiedade das vivendas de protección autonómica de réxime xeral e especial, así como dinamizar o sector da construción, propiciando a saída ao mercado de vivenda protexida, que poderá ser de nova construción ou procedente da rehabilitación.

Esta resolución establece as bases reguladoras deste novo programa de axudas e procede á súa convocatoria para a anualidade 2021.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición de vivendas protexidas, que se tramitarán co código de procedemento VI420C.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2021.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Vivendas protexidas: estarase ao previsto no artigo 45 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

b) Unidade de convivencia da persoa solicitante da axuda: conxunto de persoas que habitan e gozan coa persoa beneficiaria dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación existente entre todas elas.

c) Municipios de prezo máximo superior: son os municipios previstos na Orde VIV/1952/2009, do 2 de xullo, pola que se declaran os ámbitos territoriais de prezo máximo superior para o ano 2009, para os efectos do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Terceiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

II. Bases reguladoras

Sexto. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda protexida, nos termos que determine a correspondente convocatoria.

c) Ter subscrito no período sinalado na correspondente convocatoria un contrato privado de compravenda visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Sétimo. Contía das axudas

1. A contía da axuda para a adquisición de vivenda será a seguinte:

a) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.

b) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.

En todo caso, as axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, sen que, para estes efectos, se inclúan os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que pode recibir cada un deles determinarase aplicando á contía da axuda que lle correspondería no suposto de ter adquirido o 100 % da vivenda, a súa porcentaxe de cota adquirida.

Oitavo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto. Deberá dirixirse ao IGVS. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá presentar a súa correspondente solicitude.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou ou obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están incursas nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Noveno. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https:// sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Anexo II, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos.

c) Contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS da provincia en que se sitúe a vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública.

d) Escritura pública de compravenda da vivenda, no caso de que fose formalizada con anterioridade á data de presentación da solicitude.

e) Certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de compravenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.

c) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

d) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante.

2. Consultarase, ademais, o permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando faga constar na solicitude que concorre nela esta circunstancia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceiro. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo cuarto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido para cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria recollerá a obriga da/das persoa/s beneficiaria/s de achegar, dentro do prazo que se determine na resolución de convocatoria, a escritura pública de compravenda que acredite a adquisición da vivenda e o certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, para o caso de que non se presentasen con anterioridade.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Décimo sétimo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Décimo oitavo. Xustificación e pagamento da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar a subvención mediante a achega da escritura pública de compravenda da vivenda obxecto da axuda e un certificado de empadroamento colectivo que acredite as persoas empadroadas na vivenda adquirida, para o caso de que non se achegasen con anterioridade, dentro do prazo previsto na correspondente convocatoria.

2. A subvención pagaráselle á persoa beneficiaria mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I.

Décimo noveno. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais de cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as derivadas do réxime de protección aplicable á vivenda, deberán cumprir as seguintes:

1. Destinar a vivenda adquirida a residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde o día da formalización da escritura pública de adquisición.

2. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

3. Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As demais obrigas que derivan desta resolución.

Vixésimo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención e/ou a adquisición dunha vivenda que non sexa protexida.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo primeiro. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto que outorgue outra institución pública ou privada, agás coas axudas para a adquisición de vivenda previstas no Plan estatal de vivenda 2018-2021, regulado no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo (Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo) e coas axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos xestionadas polo IGVS.

2. En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

Vixésimo segundo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel realizarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo terceiro. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

III. Convocatoria

Vixésimo cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2021 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Vixésimo quinto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.780.4, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, por un importe total de 450.000 euros e financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo sexto. Persoas solicitantes das axudas

Poderán solicitar as axudas obxecto desta convocatoria as persoas que sexan adquirentes ou adxudicatarias, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación cualificada definitivamente na data de publicación da correspondente convocatoria e que subscribisen con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda desa vivenda.

Vixésimo sétimo. Prazo para a xustificación das axudas

As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa das subvencións concedidas antes do 30 de novembro de 2021, nos termos establecidos no ordinal décimo oitavo.

Vixésimo oitavo. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file