Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 28 de xullo de 2021 Páx. 38299

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 13/2021, do 20 de xullo, pola que se modifica o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación.

Exposición de motivos

O ordenamento xurídico galego establece na actualidade os principios de igualdade entre homes e mulleres e de non-discriminación por razón do xénero. Porén, no noso país persisten aínda discriminacións en todos os ámbitos da vida social, cultural, laboral e económica, e tamén no ámbito académico e da investigación.

Son múltiples os estudos que evidencian a pervivencia e reprodución das fendas de xénero, tanto verticais coma horizontais, na ciencia e na investigación; discriminacións que resultan de se conxugaren, entre outros, dous fenómenos:

a) O glass ceiling ou «teito de vidro», segundo o cal as mulleres van avanzando posicións nas súas carreiras profesionais ata se atoparen cun teito ou barreira invisible que impide o seu progreso ata a cima.

b) O leaky pipeline ou «tubaxe que pinga», polo cal as mulleres van desaparecendo progresivamente, pinga a pinga, das carreiras científicas ás que van accedendo, polos obstáculos e pexas que atopan.

Neste contexto, hai tempo que os principais organismos de investigación e goberno, tanto galegos como estatais e internacionais, recoñecen que existen situacións de desvantaxe nos procesos competitivos de captación de contratos ou financiamento de proxectos relacionados co xénero e coas circunstancias derivadas da maternidade que poden ocasionar unha interrupción temporal na actividade e na carreira do persoal investigador e, en especial, das mulleres investigadoras.

As conclusións de numerosos traballos científicos de referencia internacional amosan as dificultades e pexas que as mulleres atopan ao longo da súa carreira investigadora e as desvantaxes e discriminacións que sofren fronte aos seus compañeiros homes. Estas dificultades tradúcense no feito de a proporción de mulleres descender de maneira alarmante segundo se ascende na carreira investigadora.

Fronte a esta realidade, o Instituto Europeo para a Equidade de Xénero (EIGE, nas súas siglas en inglés) estableceu unha serie de recomendacións a respecto da carreira investigadora nas que insta a crear un marco legal e político e proporcionar ferramentas que eliminen as barreiras legais e de calquera outro tipo na contratación, retención e progresión da carreira das mulleres investigadoras.

Esta lei pretende, pois, introducir medidas reguladoras que garantan a igualdade de xénero no acceso ás convocatorias públicas de investigación nas universidades galegas, os organismos públicos de investigación de Galicia e outras entidades do sistema de I+D+i galego co obxectivo de evitar situacións de discriminación e vulneración dos principios de igualdade de trato e de oportunidades. Así mesmo, busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación, co fin de facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes.

Así pois, a lei consta dun artigo único e dúas disposicións derradeiras dirixidos a apoiar, promover e visibilizar o traballo investigador das mulleres en Galicia e tamén a introducir mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i para evitar a discriminación e/ou penalización das mulleres, e tamén dos homes, en casos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.

Coa finalidade de dotármonos de máis e mellores ferramentas para conseguir a plena igualdade formúlase a seguinte lei.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei pola que se modifica o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación.

Artigo único. Modificación do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade

O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, queda modificado como segue:

Un. O artigo 20 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 20. A perspectiva de xénero na universidade e na investigación

1. Co obxectivo de facer efectiva a igualdade de mulleres e homes no ámbito da universidade, da investigación e da transferencia do coñecemento adoptaranse as seguintes medidas:

a) Fomentar a creación de cátedras sobre cuestións de xénero nas universidades galegas.

b) Apoio á realización de proxectos de estudo e investigación sobre cuestións de xénero e/ou de proxectos de estudo e investigación nos cales se integre a perspectiva de xénero; e garantirase que nos proxectos de investigación e de transferencia do coñecemento dos que se poidan extraer resultados para as persoas se teña en conta a perspectiva de xénero.

c) Garantirase a formación da totalidade do persoal en materia de perspectiva de xénero e prevención da violencia contra as mulleres.

d) Apoio, a través do establecemento de medidas de acción positiva, do traballo das mulleres no ámbito da investigación, fomentando a súa participación e liderado en grupos de investigación, de acordo co disposto no artigo 4.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e o artigo 9.2 da Constitución española.

e) Visibilización das achegas das mulleres nos ámbitos científico e técnico ao longo da historia e na actualidade, tanto aquelas de recoñecido prestixio e carreira consolidada como o talento emerxente.

f) Garantía de que os períodos de tempo dedicados ao desfrute de permisos, ou con reducións de xornada, por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, non repercutan negativamente na formación e na carreira docente e investigadora.

2. As universidades e os centros e institucións de investigación galegos deben:

a) Garantir o cumprimento do principio de non-discriminación por razón de xénero tanto directa como indirecta, e facer efectiva a igualdade de mulleres e homes na carreira docente e na investigadora, así como entre a totalidade do persoal ao seu servizo.

b) Garantir o acceso á ensinanza universitaria e á investigación de mulleres con diversidade funcional e o fomento das novas tecnoloxías que faciliten a súa integración.

c) Garantir a participación equilibrada de mulleres e homes en todos os órganos colexiados e na toma de decisións, nas comisións de selección e avaliación e nos comités de persoas expertas. Esta participación equilibrada supón que as persoas de cada sexo non superen o sesenta por cento nin sexa menos do corenta por cento, tal e como define a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

d) Avanzar no deseño de métodos de avaliación da calidade científica e académica que incorporen a perspectiva de xénero e garantan a non discriminación por razón de sexo ou xénero.

e) Promover un uso dos tempos e da organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a corresponsabilidade de homes e mulleres, permitindo compatibilizar o exercicio da profesión académico-científica-tecnolóxica coas responsabilidades persoais e de coidado.

f) Garantir que as avaliacións de persoal docente e investigador teñan en conta a perspectiva de xénero e a non-discriminación, directa ou indirecta, por razóns de sexo.

g) Garantir que nos procesos de selección e/ou avaliación da traxectoria académico-profesional, os que se consideren intervalos temporais, resulten excluídos, sen impacto negativo para a persoa interesada, aqueles períodos de tempo dedicados ao desfrute de permisos, ou con reducións de xornada, por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, ou por razóns de violencia de xénero.

h) Establecer criterios de acción positiva nas axudas á investigación, garantindo a calidade e a excelencia, nas convocatorias de axudas, de forma que se valore positivamente que os grupos estean liderados por mulleres, integrados por máis dun 40 % de mulleres ou incorporen a perspectiva de xénero.

i) Dotarse de protocolos e establecer medidas de cooperación interinstitucional para a detección precoz da violencia de xénero e de apoio ante calquera das formas de violencia definidas na lexislación galega.

j) Potenciar a vocación científica e investigadora entre as mulleres.»

Dous. Engádese un novo artigo 20 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 20 bis. Avaliación dos méritos, currículum vitae e traxectoria investigadora nas convocatorias públicas de I+D+i

a) A Administración autonómica desenvolverá medidas tendentes a garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes evitando calquera discriminación ou penalización directa ou indirecta por razón de xénero en todos os procesos de avaliación e/ou selección do persoal investigador.

b) Para as convocatorias públicas de I+D+i onde o criterio de avaliación comprenda a valoración dos méritos acadados durante un período concreto e limitado ou ao longo de toda a carreira investigadora, así como aquelas en que o criterio de avaliación estea baseado na consecución duns méritos mínimos computados durante o total da carreira investigadora ou durante un período limitado e concreto desta, a Administración autonómica deberá computar como tempo de inactividade investigadora o tempo desfrutado de permiso de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.

c) Nas bases das convocatoria de axudas, establecerase o factor corrector que en cada caso corresponda e que permita compensar os períodos de inactividade investigadora e garantir a igualdade de oportunidades.»

Disposición derradeira primeira. Aplicación das medidas nas convocatorias públicas

As medidas previstas no artigo 20 bis serán aplicables nas convocatorias públicas unha vez transcorridos os tres meses seguintes á entrada en vigor desta lei.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento regulamentario

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións regulamentarias sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta lei.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente