Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 28 de xullo de 2021 Páx. 38400

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, as instalacións eléctricas no concello do Carballiño (expediente IN407A 2021/24-3).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.; CIF: A63222533.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: regulamentación LMTA ALB803-apoio nº D38-17-4.

Situación: lugar de Banga, concello do Carballiño (Ourense).

Características técnicas: as características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 3.447,89 euros, son as seguintes:

– Substitución por deterioración do apoio D38-17-4, de tipo HV-13/250-CR1, na LMT ALB803, por apoio de celosía metálica de tipo C-14/1000-H35, con retensamento de condutores de tipo LA-30 en tramos afectados, sendo a lonxitude dos vans que se van retensar de 224 m. A reforma ten orixe no apoio núm. D38-17-2 existente de tipo HV-13/630 da LMT ALB803 e o seu remate no apoio núm. D38-17-5-CT existente de tipo HV-11/1000.

A petición someteuse a información pública pola Resolución do 11 de marzo de 2021 desta xefatura territorial, que foi publicada no DOG do 6 de abril, no BOP de Ourense do 5 de abril, e no xornal La Región do 23 de marzo, así como no taboleiro de anuncios do concello afectado, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. De igual xeito, realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións contrarias á realización do proxecto.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial resolve:

Conceder autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente. As instalacións executaranse nun prazo non superior a seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública antes citada.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 7 de xullo de 2021

Pablo Fernández Vila
Xefe territorial de Ourense