Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 28 de xullo de 2021 Páx. 38308

I. Disposicións xerais

Consellería de Emprego e Igualdade

DECRETO 111/2021, do 22 de xullo, polo que se modifica o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade.

Mediante o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, estableceuse a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade. Malia o pouco tempo transcorrido desde a súa publicación, os novos proxectos dirixidos ás políticas activas de emprego e o novo marco establecido polos fondos europeos de recuperación determinan a necesidade de afondar nas actuacións prospectivas e en políticas proactivas, tanto no eido do emprego como da formación, o que, unido á próxima dixitalización do Servizo de Emprego de Galicia, require darlle un maior peso á unidade administrativa do Observatorio do Emprego, de xeito que pase a depender directamente da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación e, por mor diso, reordenar a subdirección xeral de que depende o referido Observatorio.

Do mesmo xeito, o elevado número de accións de fomento no eido do emprego por conta allea, emprego autónomo e economía social, especialmente instrumentadas mediante liñas de axuda, así como os novos proxectos transversais de emprego, traballo autónomo e economía social, fan necesario crear unha unidade encargada da súa coordinación, de xeito que se evite calquera solapamento ou perda de eficiencia nos recursos públicos destinados ao fomento do emprego.

Finalmente, afondando nos principios de racionalización e optimización dos recursos públicos e de eficiencia que deben presidir toda a actuación administrativa, suprímese o Servizo de Planificación e Programación, na Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, reorganizando as súas funcións entre o Servizo de Apoio Técnico-Administrativo e os outros dous servizos da dita subdirección.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Emprego e Igualdade, logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade

Modifícase o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, que queda modificado como segue:

Un. O artigo 18 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 18. Estrutura

A Secretaría Xeral da Igualdade estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

1.1. Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación.

1.2. Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade.

2. Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

2.1. Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

2.2. Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación.

3. Servizo de Apoio Técnico-Administrativo».

Dous. O número 2 do artigo 19 queda redactado do seguinte xeito:

«2. Baixo a súa dirección e dependencia, a Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade disporá, para o desenvolvemento das súas funcións, das seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación.

2.2. Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade».

Tres. O artigo 20 queda sen contido.

Catro. O artigo 21 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 21. Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación

O Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación dos programas, acordos e actuacións dirixidos á consecución da igualdade efectiva de mulleres e homes que se desenvolvan en colaboración con outras administracións públicas.

b) A xestión e coordinación das actuacións de seguimento e avaliación dos programas e servizos promovidos pola subdirección.

c) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.

d) O desenvolvemento de actuacións para a incorporación da perspectiva de xénero en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia.

e) A realización de programas e actuacións dirixidos á promoción da conciliación e ao fomento da corresponsabilidade.

f) O apoio e o fomento do asociacionismo de mulleres e a participación das mulleres na vida económica, social e laboral.

g) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia».

Cinco. O artigo 22 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 22. Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade

O Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade exercerá as seguintes funcións:

a) A programación e o desenvolvemento e xestión de accións dirixidas a impulsar e a apoiar a participación e o emprendemento das mulleres nos ámbitos económico, social e laboral.

b) O apoio ao desenvolvemento de servizos e recursos na área de igualdade entre mulleres e homes que levan a cabo outras administracións e/ou entidades de iniciativa social.

c) A elaboración das convocatorias de axudas e subvencións destinadas ao fomento de actuacións dirixidas á promoción da igualdade.

d) A promoción das relacións de cooperación con entidades e institucións públicas e privadas, fomentando a articulación e o deseño de medidas de actuación en materia de igualdade entre mulleres e homes.

e) A coordinación e organización de accións de formación no ámbito da igualdade entre mulleres e homes.

f) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia».

Seis. A alínea h) do artigo 26 pasa a ser a alínea i), e a alínea h) queda redactada do seguinte xeito:

«h) A execución, seguimento e control dos programas europeos e de cooperación transfronteiriza en que participe a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a elaboración de propostas de actuación».

Sete. O artigo 36 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 36. Estrutura

A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Emprego.

1.1. Servizo de Emprego por Conta Allea.

1.2. Servizo de Emprego Autónomo.

1.3. Servizo de Programas de Cooperación.

2. Subdirección Xeral de Economía Social.

2.1. Servizo de Promoción da Economía Social.

2.2. Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social.

3. Subdirección Xeral de Coordinación de Programas».

Oito. A alínea a) do número 2 do artigo 37 queda redactada do seguinte xeito:

«a) A planificación, execución e control dos programas de fomento do emprego por conta allea, de apoio ao traballo autónomo e ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego, así como ás accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego».

Nove. A alínea a) do artigo 38 queda redactada do seguinte xeito:

«a) A xestión e seguimento dos programas de fomento da contratación por conta allea e de todas as actuacións da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para a mellora do emprego estable».

Dez. A alínea a) do artigo 39 queda redactada do seguinte xeito:

«a) A xestión e seguimento dos programas e accións de apoio ás persoas emprendedoras e á iniciativa empresarial, e daqueles que se lle asignen dentro da súa área funcional».

Once. A alínea b) do artigo 42 queda redactada do seguinte xeito:

«b) A xestión e seguimento dos programas de promoción e divulgación da economía social, especialmente no marco da Rede Eusumo».

Doce. A alínea a) do artigo 43 queda redactada do seguinte xeito:

«a) A xestión e seguimento dos programas de fomento do autoemprego colectivo nas entidades de economía social».

Trece. Engádese o artigo 43bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 43bis. Subdirección Xeral de Coordinación de Programas

Baixo a inmediata dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, e sen prexuízo das funcións atribuídas a outros órganos e unidades da Consellería, a Subdirección Xeral de Coordinación de Programas exercerá as seguintes funcións:

a) O deseño e a coordinación de programas e proxectos transversais de emprego, traballo autónomo e economía social.

b) A coordinación e o apoio ao seguimento dos programas de fomento do emprego por conta allea, así como ás accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

c) A coordinación e o apoio ao seguimento dos programas e accións de apoio ao traballo autónomo, ás persoas emprendedoras e á iniciativa empresarial.

d) A coordinación e o apoio ao seguimento dos programas de promoción e divulgación da economía social, especialmente no marco da Rede Eusumo.

e) A coordinación e o apoio ao seguimento dos programas de fomento do autoemprego colectivo nas entidades de economía social.

f) En xeral, a coordinación de todas as actuacións da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para a mellora do emprego estable.

g) Cantas outras funcións expresamente lle sexan asignadas ou delegadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, no ámbito das súas competencias».

Catorce. O artigo 45 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 45. Estrutura

A Dirección Xeral de Formación e Colocación estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Colocación.

1.1. Servizo de Orientación Laboral.

1.2. Servizo de Intermediación.

1.3. Servizo de Programas Mixtos.

2. Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

2.1. Servizo de Planificación da Formación para o Emprego.

2.2. Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego.

3. Subdirección Xeral das Cualificacións.

3.1. Servizo de Acreditación das Cualificacións Profesionais.

4. Servizo de Observatorio do Emprego.

5. Centro de Novas Tecnoloxías».

Quince. Suprímese o número 2.2 do artigo 53.

Dezaseis. O artigo 55 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 55. Servizo de Observatorio do Emprego

Para lograr un maior coñecemento do mercado de traballo e para alcanzar unha maior adecuación á oferta e á demanda do tecido produtivo e unha maior adecuación á realidade formativa e aos requirimentos das persoas e do sector produtivo, o Servizo de Observatorio do Emprego, baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, exercerá as seguintes funcións:

a) A análise permanente dos datos estatísticos oficiais dispoñibles sobre a situación laboral en Galicia.

b) A realización de informes técnicos que compilan a evolución das variables máis relevantes e a difusión de información a través de ferramentas en calquera formato.

c) A análise, o seguimento e a información sobre as profesións reguladas, as estruturas ocupacionais e os perfís profesionais asociados ás cualificacións profesionais.

d) A detección das necesidades de cualificación dos/das traballadores/as e o seguimento da inserción laboral resultante das accións formativas da formación profesional para o emprego.

e) A asistencia á Dirección Xeral de Formación e Colocación nas tarefas que lle sexan encomendadas».

Disposición adicional única. Referencias aos servizos suprimidos

As referencias competenciais que, en disposicións de carácter normativo e non normativo, se realizasen ao Servizo de Planificación e Programación, ao Servizo de Promoción e Cooperación Institucional e ao Servizo de Fomento entenderanse feitas ao Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación e ao Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade, de acordo coas funcións que, segundo o establecido neste decreto, se atribúen a cada un deles.

Disposición transitoria única. Adscrición de postos

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo, correspondentes aos servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. Autorízase a persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarias para a asignación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade