Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 2 de agosto de 2021 Páx. 38889

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se declara unha actuación administrativa automatizada.

A Orde do 9 de xullo de 2021 pola que se regula e se inicia o procedemento de acreditación das/dos enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, publicada no Diario Oficial de Galicia núm.134, do 15 de xullo de 2021, estableceu o procedemento aplicable para a obtención, por parte das/dos enfermeiras/os de coidados xerais e especializados que exercen a súa actividade profesional no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, da acreditación necesaria para proceder á indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.

Este procedemento, regulado con base na previsión establecida polo artigo 10 do Real decreto 954/2015, do 23 de outubro, polo que se regula a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte dos/das enfermeiros/as, iníciase de oficio, de xeito que todos aqueles profesionais que reúnan e xustifiquen estar en posesión dos requisitos establecidos na orde poderán ser acreditados directamente mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

A acreditación outorgada configúrase como unha actuación administrativa automatizada, de xeito que as persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e dos centros directivos do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de desenvolvemento, xestión e seguimento do expediente profesional electrónico, e de asistencia sanitaria, adoptarán as medidas necesarias para que a súa emisión se realice integramente a través de medios electrónicos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da citada lei define a actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizados integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da dita lei determina que, en caso de actuación administrativa automatizada, se deberá establecer previamente o órgano ou os órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, se for o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas se deberán declarar mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, se é o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar como actuación administrativa automatizada, a través de sistemas de información no ámbito da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, a emisión da acreditación dos/das enfermeiros/as para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.

Segundo. Os órganos responsables en relación coa actuación administrativa automatizada sinalada no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade como órgano responsable da definición das especificacións desta actuación administrativa automatizada.

b) A Consellería de Sanidade como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Acreditación dispensación de medicamentos» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderalle á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Consellería de Sanidade.

c) Nome do selo: «Acreditación dispensación de medicamentos».

Cuarto. Autorizar a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para utilizar o selo electrónico denominado «Acreditación dispensación de medicamentos» para asinar a actuación administrativa automatizada declarada nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte á actuación e ao procedemento mencionado.

Quinto. Autorizar a Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información para a renovación do selo electrónico «Acreditación dispensación de medicamentos» sempre e cando continúe vixente a actuación administrativa automatizada declarada nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte a súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade