Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 10 de agosto de 2021 Páx. 39743

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 28 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal ou federacións, para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300B).

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, establece que lle corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

O comercio tradicional na actualidade está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades. Por isto, co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recóllese un conxunto de obxectivos entre os que cabe subliñar:

A incentivación da demanda comercial e mellora da loxística do comercio, así como a consecución dunha imaxe máis competitiva e dinámica do comercio galego polo miúdo.

Polo tanto, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes, de ámbito superior ao municipal ou federacións, sen fins de lucro, que desenvolvan actuacións para a revitalización do comercio de proximidade e incentivación da demanda comercial, a través de fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 existe na aplicación 06.03.751A.781.1 crédito orzamentario consignado pola contía de 500.000 € destinada á concesión desta subvención. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita subvención para o ano 2021.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion destinadas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro, de ámbito superior ao municipal ou federacións, para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2021.

3. Para a concesión destas subvencións destínanse 500.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1, Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ao da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses, contados a partir do día seguinte ao do remate de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300B, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Páxina web oficial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. No teléfono 981 54 45 30 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

5. Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion, Edificio Administrativo de San Caetano, 3º andar, 15071 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado 902 12 00 12).

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovacion, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovacion

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións ás asociacións de comerciantes, de ámbito superior ao
municipal ou federacións, sen fins de lucro, para a revitalización do comercio
de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial, mediante fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300B)

Artigo 1. Obxecto e réxime da subvención

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a incentivación da demanda comercial e o incremento das vendas do comercio retallista a través do tícket de dinamización comercial.

A este procedemento correspóndelle o código CO300B.

Os importes correspondentes a este tícket son os que se especifican no punto 2 do artigo 2.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1).

3. Considéranse actuacións subvencionables as relacionadas a continuación, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2021.

Non obstante, en función da súa especial natureza, tamén se considerarán actuacións subvencionables aquelas actuacións que se inicien no mes de decembro do ano 2020 e teñan continuidade ininterrompida no exercicio 2021, concretamente as actuacións derivadas da campaña de Nadal 2020/2021.

Actuacións subvencionables.

A incentivación da demanda comercial e do consumo que facilite o desenvolvemento e a mellora da actividade comercial levada a cabo polas asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, a través de campañas de dinamización ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas que se deberán presentar dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa das asociacións de comerciantes integrantes na entidade beneficiaria ou dos establecementos comerciais asociados, de ser o caso.

Non se consideran actuacións subvencionables aquelas que desenvolvan as federacións en ámbitos territoriais onde exista un centro comercial aberto que fose subvencionado no ano anterior pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Así mesmo, de acordo co disposto no punto 7 do devandito artigo, os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2021, coa excepción dos gastos efectuados no ano 2020, de acordo co establecido no punto 3.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Así mesmo, non serán subvencionables:

– Os custos de persoal.

– Os agasallos promocionais nin a realización de cócteles e actos análogos.

– As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial.

– As bolsas comerciais.

– As actuacións promovidas polos centros comerciais abertos ou polas asociacións de praceiros das prazas de abastos.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais, cun importe máximo de 500.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9.

2. Investimentos máximos subvencionables e contía da subvención:

O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas nesta orde é de:

– 70.000 euros para as federacións que conten con 20 ou máis asociacións federadas.

– 48.000 euros para as federacións que conten con menos de 20 asociacións federadas.

– 13.000 euros para as asociacións de ámbito superior ao municipal.

No caso das federacións, non se terán en conta no cómputo, para os efectos de determinar o investimento máximo subvencionable, os asociados que o ano anterior percibisen da Dirección Xeral de Comercio e Consumo algunha subvención destinada á dinamización dos centros comerciais abertos.

No suposto de que o número de comercios integrados nas federacións ou nas asociacións de ámbito superior ao municipal sexa inferior a 100, o importe da subvención que se lle conceda ao beneficiario minorarase nun 50 %. Para os efectos deste cómputo, teranse en conta as perrucarías.

O tícket de dinamización comercial correspondente ás asociacións e federacións que teñan a condición de beneficiarias será ao 75 % do investimento subvencionable.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

4. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se a acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

5. As asociacións poderán solicitar, segundo o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de marzo, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 62, 63 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da citada lei, o pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación (anexo IV), como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 euros, nos termos previstos a continuación.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

A concesión do anticipo (anexo IV) realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitos a intervención xudicial ou sexan inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as asociacións de comerciantes sen fins de lucro que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia e supere o municipal.

Para os efectos desta orde, entenderase que as referidas asociacións teñen un ámbito de actuación superior ao municipal, cando polo menos o 50 % dos comercios polo miúdo asociados se atopen en dous ou máis concellos diferentes a aquel onde radique a sede da asociación.

Tamén poderán ser beneficiarias das subvencións as federacións de asociacións de comerciantes, legalmente constituídas, que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia no ámbito comercial. No caso de que o ámbito territorial da federación non supere o municipio, este deberá contar con máis de 68.000 habitantes.

Artigo 4. Solicitude e documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente de quen represente a entidade solicitante.

c) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

d) Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e características dos participantes e beneficiarios.

e) Copia da acta da sesión en que se informe as entidades participantes do proxecto para o cal se solicita a subvención.

f) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as que se solicita subvención, segundo o anexo III, e factura ou, na súa falta, factura pro forma da actividade ou adquisición subvencionable por quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, así como plan de financiamento do proxecto.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (40.000 euros no suposto de execución de obra ou 15.000 euros nos demais supostos), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberá achegar na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

f.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

f.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto.

f.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

f.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

f.3.2. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivese o solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o disposto.

g) Orzamento do exercicio corrente.

h) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite:

– Número de asociacións que a integran e número de comercios polo miúdo asociados a cada unha delas, no caso das federacións.

– Número de comercios polo miúdo que teñan asociados, no caso das asociacións de ámbito superior ao municipal.

En ambos os dous casos achegarase relación detallada e actualizada, en soporte informático, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dada de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse a súa achega novamente á persoa interesada.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion ditar a resolución de concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro.

Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións ás persoas interesadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidencia: o/a subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio, ou persoa que designe.

– Vogais:

a) Un/unha xefe ou xefa de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

b) Un/unha xefe ou xefa de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

c) Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que terá as funcións da Secretaría.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de xeito individualizado, as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben coa ampliación dos créditos orzamentarios destinados a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

5. A comisión de valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A implicación dos membros das asociacións ou federacións no proxecto, que se baremará do seguinte xeito:

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 75 % dos asociados: 8 puntos.

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 50 % e inferior ao 75 % dos asociados: 5 puntos.

– Se abrangue un número de comercios inferior ao 50 % dos asociados: 1 punto.

b) O establecemento dunha política ambiental que contribúa á mellora da sustentabilidade, como o emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en envases e embalaxes, así como a adopción doutras medidas de redución de impacto ambiental, conforme o seguinte baremo:

– Adopción de máis de catro medidas de carácter ambiental: 8 puntos.

– Adopción de entre catro e dúas medidas de carácter ambiental: 4 puntos.

– Adopción dunha medida de carácter ambiental: 1 punto.

c) As actuacións que supoñan unha maior novidade e que non fosen realizadas con anterioridade relacionadas con plans de dinamización comercial: 6 puntos.

d) Porcentaxe de comercios que teñan implantada a norma UNE 175001-1 de calidade de servizos para o pequeno comercio, segundo o seguinte baremo:

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é igual ou superior ao 50 %: 4 puntos.

– Se a porcentaxe de comercios que a teñen implantada é inferior ao 50 %: 1 punto.

e) A concorrencia doutras administracións ou institucións públicas ou privadas no desenvolvemento e financiamento do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 15 %: 3 puntos.

f) A realización de campañas ou actuacións que impliquen beneficios para as familias numerosas: 1 punto.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará o correspondente informe, que será elevado polo órgano instrutor, xunto á súa proposta de resolución, á persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á entidade interesada será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse ás entidades beneficiarias a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación pola publicación no DOG, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non fose expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás persoas interesadas na forma prevista no artigo 10 destas bases.

Artigo 14. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas de minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 das presentes bases.

Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e deberán consistir na inclusión da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG núm. 227, do 19 de novembro).

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos desde a súa concesión.

k) Comunicar con antelación á Dirección Xeral de Comercio e Consumo os actos de presentación das campañas promocionais, para os efectos da asistencia dun representante da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion, se así se considera.

l) Cumprir as obrigas de información contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 16. Subcontratación

Permítese a subcontratación pola entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou empresas vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 15 de outubro de 2021, dunha copia da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa de cada unha das accións realizadas.

No caso establecido no artigo 4.2.f) deberá xustificarse expresamente nunha memoria, cando a selección da oferta non responda á proposta económica máis vantaxosa.

b) Xustificantes dos investimentos:

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados en copias.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase unha relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, e farase constar para cada documento o seu número de orde, que deberá coincidir co da relación enviada xunto coa solicitude, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento, segundo o anexo VII.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para aquelas actuacións de divulgación, tales como material promocional e publicidade, sen prexuízo do establecido nos artigos 15.g) e 15.j), deberase achegar a documentación acreditativa da súa realización.

d) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades da aplicación dos fondos á finalidade para a cal foron concedidos.

e) Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo modelo normalizado establecido no anexo V desta orde.

f) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo o anexo V desta orde.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Atriga, no caso de que a entidade solicitante se opoña á súa consulta ou, de ser o caso, non preste o consentimento expreso de acordo co disposto no artigo 5.

h) Información relativa aos indicadores de actuación segundo o anexo VI desta orde.

i) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe das axudas aboarase mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta sobre o cal a entidade beneficiaria realizou na súa solicitude a declaración responsable respecto da veracidade dos datos consignados.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o establecido no artigo 2.3.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver, total ou parcialmente, a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 20. Control

1. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovacion.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file