Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 11 de agosto de 2021 Páx. 40154

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 29 de xullo de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN519D).

O día 21 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN519D).

No artigo 22.1 das bases establécese que os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2021 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta a data de resolución das ditas axudas, motivada pola suspensión dos prazos administrativos establecida polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, xunto á complexidade da execución dos proxectos, co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o día 15 de novembro de 2021 (incluído) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN519D).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación