Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 12 de agosto de 2021 Páx. 40351

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para realizar actividades de interese agrario, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR321A).

A Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, recoñece o papel que as organizacións profesionais agrarias cumpren na vertebración social e profesional do sector primario. A súa achega para artellar mecanismos eficaces de participación directa do sector agrario coa Administración e asegurar a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, así como o constante traballo a prol dunha garantía de rendas dignas para os agricultores e da mellora da calidade de vida no medio rural contribuíron ao recoñecemento dos poderes públicos da súa lexítima representatividade como interlocutores sociais no eido agrario e, así mesmo, pola sociedade civil como entidades representativas do sector agrario de Galicia.

Por outra banda, a Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo, como instrumento de integración na sociedade e de participación nos asuntos públicos. Resulta patente que as asociacións agrarias representan os intereses dos agricultores e desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento do sector agrario.

En concordancia con esa función vertebradora da trama social do medio rural, cómpre impulsar medidas de apoio institucional ás organizacións profesionais agrarias e ás asociacións agrarias. Esta orde establece o marco regulador das subvencións ás organizacións representativas do sector agrario en Galicia co obxectivo de fortalecer a súa implantación e consolidación.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 14 que os órganos concedentes establecerán as bases reguladoras aplicables ás subvencións antes da disposición dos créditos. Esta orde adáptase a esa norma e ten en conta os principios recollidos no seu artigo 5.2.

En consecuencia, consonte o artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para conceder axudas, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, para realizar actividades de interese agrario (procedemento administrativo MR321A), e convocalas para o exercicio orzamentario 2021.

A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é realizar actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 2. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia polo sistema de rateo.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde, as seguintes entidades:

1. As organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións ás cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002 segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

2. As asociacións agrarias, con ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade «811 Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca» consonte o Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

Artigo 4. Requisitos das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As asociacións agrarias deberán cumprir polo menos dúas das seguintes condicións:

a) Ter representación da parte produtora e non asociada a cooperativas nas eleccións para renovar os órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario, convocadas pola Orde do 3 de abril de 2017 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

b) Estar inscrita no Rexistro de entidades con servizos de aconsellamento ou xestión de Galicia.

c) Ser unha entidade colaboradora da política agrícola común (PAC) e ter tramitado polo menos o 1 % das solicitudes únicas da PAC 2020.

d) Ser unha entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para prestar servizos de formación agroforestal durante o ano 2020.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables os custos derivados das seguintes actividades realizadas entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 30 de xuño de 2021:

a) Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.

b) Funcións ordinarias de xestión interna.

c) Representación perante as institucións.

d) Participación nos órganos colexiados constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados (mesas, comisións, etc.).

e) Formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario.

f) Fomento do asociacionismo agrario.

2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.9 desta lei.

Artigo 6. Contía e tipo de axuda

1. Os fondos dispoñibles para pagar as subvencións asignaranse en dúas partidas:

a) Partida 1 para subvencionar ás organizacións profesionais agrarias (artigo 3.1), dotado co 35 % do crédito.

b) Partida 2 para subvencionar ás asociacións agrarias (artigo 3.2), dotado co 65 % restante do crédito.

Porén, os fondos asignados poderán transvasarse parcialmente dunha partida á outra, se é que nunha delas non se consumen completamente.

2. A contía das axudas será do 100 % dos primeiros 40.000 euros dos custos subvencionables. Ao resto dos custos subvencionables aplicarase o rateo ata esgotar o orzamento.

3. Cada unha das partidas do punto 1 deste artigo terá un rateo independente.

4. O importe das axudas non poderá ser superior ao custo das actividades subvencionables.

5. As entidades beneficiarias con relacións de dependencia ou vínculo empresarial entre elas non poderán superar en conxunto os 250.000 euros de subvención. Esta limitación aplicarase ás entidades beneficiarias da partida 2.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuadas electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Tramitación e resolución das axudas

1. O Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos necesarios para a proposta de resolución do procedemento.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Verificado o cumprimento dos requisitos para conceder a axuda, constituirase un órgano colexiado presidido pola persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. O órgano colexiado elaborará un informe para a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, formule a proposta de resolución.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da consellería, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de 5 meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e de actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, de acordo coa normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Recursos administrativos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver previsto no artigo 9.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 12. Incompatibilidade

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos obxectivos e gastos.

2. As entidades solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

Artigo 13. Reintegro da axuda

Consonte a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, reintegrarase o total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención co falseamento das condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro ou ben o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo da concesión da subvención.

d) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos conceptos subvencionados.

e) Incumprimento das obrigas impostas ás entidades beneficiarias ou dos compromisos por elas asumidas, por mor da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos que fundamentan a concesión da subvención.

Artigo 14. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias destas axudas aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 15. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles solicite calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvención están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Capítulo II

Convocatoria

Artigo 17. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 18. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).

b) Estatutos da entidade.

c) Memoria das actuacións coas actividades realizadas e os resultados obtidos.

d) Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

i. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, coa identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e, se é o caso, a data de pagamento.

ii. As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

• Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Se o pagamento se fai mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo do artigo 5.1.

• No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

• No caso dunha factura xustificada mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase dunha relación de todos os documentos do pagamento e os importes acreditativos do pagamento desa factura.

• No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento as facturas que se imputan ao proxecto.

• No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

• Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos verificables por terceiros na sede electrónica da entidade bancaria.

iii. Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

iv. Os documentos acreditativos dos gastos de persoal realizados con medios ou recursos propios (nóminas e xustificante bancario do pago desas nóminas).

v. Os tres orzamentos que deba ter solicitado o beneficiario en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de xeito presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

e) Concesión de subvencións e axudas.

f) Vida laboral da empresa.

g) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación os documentos correspondentes.

Artigo 20. Xustificación e pagamento das subvencións

De acordo coa natureza e fins das axudas reguladas nesta orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención das entidades beneficiarias, xa que todos os datos necesarios son achegados polas entidades na súa solicitude de axuda. O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada pola entidade na súa solicitude.

Artigo 21. Financiamento das axudas

As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.712C.481.1 (proxecto 2013.00635) por un importe de 600.000 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

A dita aplicación orzamentaria poderase incrementar, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en agricultura, gandaría e industrias agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file