Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2021 Páx. 42143

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de agosto de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Meis.

O Concello de Meis remite a documentación relativa a esta modificación puntual, de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación redactada por Espinosa&Rodríguez Architects Projects Managers, S.L., asinada por José Antonio Espinosa Murias en xullo de 2020 e con dilixencia de aprobación provisional polo Concello Pleno do 31.07.2020; e, vista a proposta literal elevada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Meis conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 23.5.2003 (DOG do 17 de xullo e BOP do 14 de agosto).

2. Mediante a Resolución do 5 de xullo de 2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual e decide non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 9 de agosto, expediente 2018AAE2193).

3. Constan informes municipais, técnico do 22.11.2018 e de secretaría do 22.11.2018.

4. A modificación puntual número 4 apróbase inicialmente o 29.11.2018, e sométese a información pública polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 10.12.2018 e no xornal Faro de Vigo do 5.12.2018, trámite certificado o 21.2.2019.

5. O Concello solicitou informes á Subdelegación do Goberno e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (que non achegaron informe no prazo legal establecido); Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual (consta informe do 22.11.2020); Deputación de Pontevedra (Acordo da Xunta de Goberno do 5.6.2020; Axencia Galega de Infraestruturas (informe do 10.6.2020) e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informe do 5.6.2020).

6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG foron solicitados informes sectoriais a: Instituto de Estudos do Territorio (consta informe do 14.5.2019); Axencia Galega de Infraestruturas (informes do 22.5.2019, 24.5.2019 e 10.6.2020); Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 26.3.2019); Deputación Provincial de Pontevedra (Acordo da Xunta de Goberno do 12.4.2019); Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria (informe do 26.6.2020) e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informes do 30.9.2019 e 5.6.2020).

Non foi recibida contestación de Augas de Galicia, Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Barro, Meaño, Poio, Pontevedra, Portas, Ribadumia e Vilanova de Arousa, e recibiuse do Concello de Poio copia do Acordo do Pleno do 26.3.2019, e do Concello de Pontevedra o informe da Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento do 8.4.2019.

7. Constan informes técnicos do 6.4.2020 e 20.7.2020, e de secretaría do 21.7.2020.

8. O Pleno da Corporación aproba provisionalmente esta modificación puntual en sesión do 31.7.2020.

9. O Concello de Meis achega o documento aprobado provisionalmente, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG; e da resposta aos requirimentos formulados.

II. Obxecto e descrición da modificación.

O obxecto desta MP é corrixir algúns artigos da normativa do PXOM vixente para facilitar a súa aplicación e adaptalos aos cambios normativos acaídos tras a súa aprobación. En ningún caso implican reclasificación do solo ou modificación dos parámetros de uso, tipoloxía, alturas, ocupación ou edificabilidade.

Os cambios introducidos na normativa do PXOM vixente afectan o artigo 47. Regulación do uso comercial e introducen un novo artigo 87 para regular a situación das edificacións desconformes co planeamento.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público en que se xustifica a modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG e 201.1 do RLSG, baséanse na necesidade de modificar preceptos da normativa do PXOM vixente e introducir a regulación de certos aspectos non previstos coa finalidade de adaptalo ás novas necesidades e ao marco normativo actual.

2. Analizada a documentación achegada cómpre sinalar que o documento responde ás cuestións formuladas no informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG; así como ás consideracións dos informes sectoriais emitidos na tramitación, aínda que cómpre sinalar que o informe da Deputación de Pontevedra do 5.6.2020 é favorable con consideracións.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Meis.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto nos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a Normativa e Ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda