Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2021 Páx. 42279

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Picoto, sito no concello de Arteixo (A Coruña) e promovido por Cortizo Eólicas, S.L. (expediente IN661A 2011/28-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Cortizo Eólicas, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico O Picoto, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico O Picoto (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 3 MW e promovido por Cortizo Eólicas, S.L. (en diante, a promotora).

Segundo. O 28.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico.

Terceiro. Mediante a Resolución do 9 de xullo de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto de execución e do estudo de impacto ambiental das instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.8.2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 27.7.2012 e no xornal La Voz de Galicia do 2.8.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Arteixo, da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña e da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados en relación coa titularidade das parcelas.

– Solicítase que se teña en conta que pola afección da protección eólica, as vías e a servidume de voo non se podería facer ningunha plantación forestal, polo que o aproveitamento do terreo sería nulo, así como a valoración actual da plantación existente.

– Oposición á declaración de utilidade pública do parque eólico polas súas afeccións ao tecor societario.

– Solicítase que se estableza a compatibilidade ou incompatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes e, de resultaren incompatibles, se outorgue a prevalencia aos dereitos mineiros existentes.

– Solicítase que se tomen as medidas oportunas para facer cumprir coas exixencias fixadas polo marco regulador da enerxía eólica vixente en Galicia no que se refire á declaración de utilidade pública; que as persoas, as explotacións agrarias e/ou forestais afectadas polos parques eólicos poidan maximizar as rendas; que se realice o trámite de aceptación social para todos os parques eólicos.

– Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vías sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do 13 decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000.

– Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva Aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

Cuarto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Arteixo, Axencia Estatal de Seguridade Aérea, Retegal e Retevisión I, S.A.

Quinto. O 24.7.2012, Retegal emitiu o correspondente condicionado en que estableceu que, unha vez construído o parque eólico, a promotora se comprometerá a realizar unha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno, coa finalidade de comprobar que non se produciu perda ou degradación desta. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais TDT. O 13.9.2012, a promotora presentou a súa conformidade.

Sexto. O 1.8.2012, o Concello de Arteixo emitiu o correspondente condicionado técnico. O 13.9.2012, a promotora presentou a súa conformidade.

Sétimo. O 24.9.2012, Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto, sen prexuízo de requirir o compromiso da promotora de solucionar as posibles deficiencias que se poidan producir na recepción do sinal de televisión unha vez construído o parque eólico. O 24.10.2012, a promotora presentou a súa conformidade.

Oitavo. O 6.6.2013, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico. O 7.6.2013, a xefatura territorial remitiu a esta dirección xeral o expediente do parque eólico para continuar coa súa tramitación.

Noveno. O 1.4.2014, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo. Mediante a Resolución do 8 de febreiro de 2021, desta dirección xeral, déuselle publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o 1.2.2021, relativa ao proxecto do parque eólico O Picoto, no concello de Arteixo (A Coruña), promovido por Cortizo Eólicas, S.L. (DOG núm. 36, do 23 de febreiro).

Décimo primeiro. O 1.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en que se indica que a posición do aeroxerador do parque eólico cumpre a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable.

Décimo segundo. O 12.4.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as directrices de paisaxe de Galicia, non é obrigatorio que o proxecto do parque eólico adapte o seu contido ás ditas directrices.

Décimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia obxecto desta autorización, segundo informe do xestor da rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito terceiro, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En canto ás alegacións relacionadas coa titularidade e as características dos bens e dereitos afectados, así como coas compensacións económicas que poidan percibir as persoas afectadas pola eventual expropiación daqueles, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución.

En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 1.2.2021, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Secretaría Xeral para o Turismo, Augas de Galicia e Concello de Arteixo.

3. No que respecta á concorrencia de utilidades públicas e a súa compatibilidade ou prevalencia, cabe responder que esta cuestión será abordada na fase do expediente correspondente á declaración de utilidade pública do parque eólico, de acordo co establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico O Picoto, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 1.2.2021, e recollida no antecedente de feito décimo desta resolución:

a) Na epígrafe 6 da DIA recóllese a proposta de resolución, que recolle literalmente: «Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental do proxecto nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 12 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico O Picoto.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico O Picoto, sito no concello de Arteixo (A Coruña) e promovido por Cortizo Eólicas, S.L., cunha potencia de 3 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico O Picoto, composto polo documento: Proxecto técnico. Parque eólico O Picoto, asinado por Marie-Paule Curtet, colexiada núm. 2329 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), e visado polo citado colexio o 23.6.2011, co núm. de visado CO111519.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Cortizo Eólicas, S.L.

Enderezo social: rúa Fonte de Santo Antonio, 1, 2º andar, 15702 Santiago de Compostela.

Denominación: parque eólico O Picoto.

Potencia autorizada: 3 MW.

Produción neta estimada: 10,5 GWh/ano.

Concello afectado: Arteixo (A Coruña).

Orzamento por contrata (sen IVE): 4.632.374,99 €.

Coordenadas perimetrais da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

1

541.282

4.790.588

541.156,56

4.790.374,75

2

541.985

4.790.588

541.859,56

4.790.374,75

3

541.985

4.789.984

541.859,56

4.789.770,75

4

541.282

4.789.984

541.156,56

4.789.770,75

Coordenadas do aeroxerador do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

PV1

541.523

4.790.342

541.397,56

4.790.127,75

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 1 aeroxerador Vestas V112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria con xerador síncrono, montado sobre fuste tubular metálico cunha altura de buxa de 84 m e un diámetro de rotor de 112 m.

• 1 centro de transformación de potencia unitaria 3.350 kVA, con relación de transformación de 0,69/20 kV, instalado no interior da torre do aeroxerador cos seus correspondente aparellos de seccionamento, manobra e protección.

• Rede eléctrica soterrada a 20 kV, de interconexión entre o centro de transformación 0,69/20 kV do aeroxerador e o centro de control do parque eólico, condutor tipo RHZ1-OL 12/20 kV 3×(1×150) mm2 Al, cunha lonxitude de 32,02 m.

• Un edificio de control prefabricado de formigón que inclúe celas de liña, de protección e de medida, así como sistemas de control e protección.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Cortizo Eólicas, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 34.743 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Cortizo Eólicas, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, punto 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

10. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 1.2.2021, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente, ás que se fai referencia no antecedente de feito terceiro:

María Collazo Golán, o 27.7.2012; Promociones Inmobiliarias Cortizo, S.L.U. (PROINCOR), o 31.7.2012; Cámara Oficial Mineira de Galicia, o 27.8.2012; Sociedade de Cazadores «Apóstolo Santiago», o 11.9.2012; Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía –GIEEA– da Universidade de Vigo, o 20.9.2012; Sociedade Galega de Historia Natural, o 21.9.2012.