Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2021 Páx. 42171

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 10 de agosto de 2021 pola que se modifica o artigo 36 da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353A).

O día 3 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353A).

No artigo 36 da orde da convocatoria regúlase o pagamento da subvención establecéndose o aboamento dun anticipo do 40 % unha vez iniciado o obradoiro dual de emprego e despois da xustificación do seu comezo e debendo a entidade promotora presentar a xustificación dese anticipo antes do 1 de marzo de 2022, comprensiva dos gastos realizados ata o 31 de decembro de 2021. O 60 % ou a porcentaxe que resulte restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos na orde.

No proceso de tramitación da convocatoria, revisión das solicitudes, concesión das axudas e actuacións previas ao inicio dos obradoiros duais de emprego actúan diversas circunstancias que dificultan o axuste exacto das anualidades previstas, anticipos incluídos, ao momento temporal preciso en que as entidades beneficiarias realizan o gasto. Para favorecer o citado axuste cómpre modificar algúns aspectos relativos ao pagamento e xustificación das axudas.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 36.2.a)

Modifícase e engádese un parágrafo ao artigo 36.2.a) da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, que quedaría coa seguinte redacción:

«a) Unha vez iniciado o obradoiro dual de emprego, e logo da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, un importe máximo do 40 % do importe total da subvención sempre que a dita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade de 2021. Tendo en conta que os beneficiarios da subvención teñen a condición de Administración pública ou de institución sen fin de lucro, non é necesaria a constitución de garantías para o cobramento do anticipo.

O importe aboado no ano inicial poderá ser inferior cando se estime, en función da data de inicio efectiva e, se fose o caso, das previsións achegadas polas entidades beneficiarias, que o gasto realizado nese ano vai ser inferior ao importe do pagamento máximo do anticipo. Neste caso, unha vez efectuado o correspondente reaxuste de anualidades, a cantidade non aboada poderá ser aboada no exercicio seguinte tamén en concepto de anticipo.

No caso de que o gasto realizado sexa superior ao importe concedido na primeira anualidade, o exceso de gasto realizado pola entidade beneficiaria entre o 1 de outubro e o 31 de decembro da primeira anualidade poderá ser xustificado e aboado con cargo ao orzamento da segunda anualidade da subvención concedida».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade