Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2021 Páx. 42175

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2021 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Aprobado o Programa anual de actividades para o ano 2021 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dos cursos de formación continua dirixidos ao persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao segundo semestre do ano 2021, cuxas bases e características se especifican no anexo desta resolución:

A Estrada, 12 de agosto de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

Denominación

Modalidade

Edicións

Horas lectivas

Prazas

Datas

Busca de persoas desaparecidas

En liña

1

20

30

Do 22 de setembro ao 15 de outubro

Coordinación en incendios forestais de situación 2

En liña

1

20

30

Do 29 de setembro ao 22 de outubro

Procedemento e responsabilidade dos voluntarios e voluntarias de protección civil na regulación do tráfico

En liña

1

16

30

Do 10 de novembro ao 29 de novembro

Colaboración do voluntariado de protección civil en dispositivos ante grandes concentracións humanas

En liña

1

20

30

Do 27 de outubro ao 19 de novembro

Medidas preventivas ante a COVID-19 na acción do voluntariado de protección civil

En liña

1

20

30

Do 13 de outubro ao 5 de novembro

Organización de eventos multitudinarios, eventos deportivos e probas de motor

En liña

1

16

30

Do 20 de outubro ao 8 de novembro

Actuación inicial coas vítimas de violencia de xénero

En liña

1

20

40

Do 6 de outubro ao 29 de outubro

Prevención e loita contra incendios urbanos e forestais

En liña

2

40

40

1ª edición

Do 6 de outubro ao 18 de novembro

2ª edición

Do 3 de novembro ao 16 de decembro

Inglés básico para a asistencia á cidadanía

Transmisión en directo (streaming)

1

20

30

Do 8 de novembro ao 12 de novembro

Atención á diversidade: a comunidade xorda e a lingua de signos

Transmisión en directo (streaming)

1

20

30

Do 15 de novembro ao 19 de novembro

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das diferentes actividades formativas convocadas por esta resolución pode consultarse na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal), na epígrafe «Formación de colectivos».

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Ter superado o curso básico de protección civil.

b) Estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

Ao persoal voluntario que cumpra os requisitos anteriores poderáselle requirir con anterioridade á súa posible admisión no/nos curso/s seleccionado/s un informe emitido pola persoa responsable da súa AVPC en que se autorice a súa realización. O dito informe, se for o caso, requiriráselles única e exclusivamente a todas as persoas solicitantes dos cursos onde houbese menor número de prazas que de solicitudes que cumpran os requisitos. O mencionado informe será remitido por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

A agrupación/asociación de voluntarios de protección civil a que pertenza o solicitante deberá estar inscrita regulamentariamente no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a pór en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

3. Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozilla Firefox 2 (recomendado), Internet Explorer 6.0 ou superior ou Google Chrome.

• Ter JavaScript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF, necesítase ter instalado Acrobat Reader.

• Para o desenvolvemento dos cursos na modalidade de transmisión en directo (streaming) é necesario dispor de cámara web e micrófono.

4. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade nalgunha das súas datas. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia de datas con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

1. Na modalidade en liña.

a) A través da plataforma de formación da Agasp.

b) Datas: as edicións realizaranse segundo se especifica na base primeira desta convocatoria.

c) Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado. Axustarase ao calendario establecido no propio curso.

d) O alumnado deberá acceder ao curso dentro dos primeiros dous días hábiles (excluídos sábados, domingos e festivos) a partir da data de inicio.

e) As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dados de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizados coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

f) Desenvolvemento: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas no curso, que son:

i. Visualización dos contidos.

ii. Superación dos cuestionarios.

iii. Cumprimento das tarefas segundo as exixencias indicadas.

g) O/a alumno/a que non realice algunha desas actividades no prazo establecido será sancionado/a coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado/a coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

2. Modalidade de transmisión en directo (streaming).

a) A través da plataforma de formación da Agasp.

b) Datas: as edicións realizaranse segundo se especifica na base primeira desta convocatoria.

c) Horario: o alumnado deberá estar conectado á plataforma de formación da Agasp para acceder ás clases en liña en directo no horario que se especifica na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

d) As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dados de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizados coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

e) Desenvolvemento: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas no curso.

f) O/a alumno/a que non realice algunha desas actividades no prazo establecido será sancionado/a coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado/a coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

En todas as modalidades o alumnado deberá superar unha proba final.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 38, 886 20 61 39 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Se as solicitudes para participar nun curso non superan o 50 % das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será ata o 6 de setembro de 2021 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se relacionan e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

1º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

2º. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Cando no proceso de selección non se completase a reserva do punto primeiro, a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, completarase co resto de solicitudes.

Os solicitantes que realizasen anteriormente o curso nos últimos catro anos só poderán ser seleccionados para realizalo no suposto de existiren vacantes. De non existiren vacantes, poderán figurar na lista de reserva despois dos solicitantes que non tivesen o curso.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante. De non comunicar a renuncia, a persoa seleccionada será penalizada coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de (6) meses.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décima primeira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A realización das actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria, a non realización destas deberá xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. O alumnado que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % do curso será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

Décimo segunda. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as partes obrigatorias e a proba final do curso.

Décimo terceira. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as datas da súa realización, ampliar novas edicións ou prazas deste ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data do seu inicio non supere o 50 % das prazas convocadas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.