Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 25 de agosto de 2021 Páx. 42583

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2021 pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2021.

O Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, no seu artigo 70, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establecen a oferta anual de emprego público como mecanismo de planificación das necesidades de selección de persoal nas administracións públicas.

Este é o instrumento previsto para tal efecto, no artigo 43 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro e publicados no Diario Oficial de Galicia o 12 de febreiro de 2014.

A oferta anual de emprego público constitúese así, na Universidade de Santiago de Compostela (USC), como un instrumento de planificación e publicidade das necesidades en materia de recursos humanos no ámbito de administración e servizos que, non podendo satisfacerse mediante procedementos de provisión de postos, teñen que cubrirse a través de sistemas de selección de persoal de novo ingreso.

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes, eláborase a oferta de emprego público para o ano 2021, relativa ao persoal de administración e servizos, tanto funcionario de escalas de administración xeral como de categorías de persoal laboral, e establécense os criterios en que se enmarca esta oferta, de conformidade co previsto no artigo 19 da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021, así como no artigo 36 da Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Para o cálculo da taxa de reposición tense en conta o disposto na Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021, no artigo 19.un.6 para os efectos de aplicar a porcentaxe máxima, e non computan as prazas que se convoquen para a súa provisión mediante procesos de promoción interna e procesos de consolidación para o persoal declarado indefinido non fixo mediante sentenza xudicial.

Tendo en conta a taxa de reposición do 110 %, o número de prazas da oferta de emprego público xeral do ano 2021 é de 30.

Atendendo ás necesidades do cadro de persoal de administración e servizos, a aprobación da oferta de emprego público para o ano 2021 inclúe a oferta xeral, a oferta de promoción interna separada e a oferta de consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza xudicial.

Os criterios para a determinación das prazas que se ofertan responden á situación económica da universidade e ás necesidades de recursos humanos producidas por xubilacións. Así mesmo, a oferta xeral diríxese á captación de persoal de postos xerais que renoven o cadro de persoal.

Pola súa banda, a oferta de promoción interna separada constitúe un plan de promoción para persoal laboral e funcionario que ten en conta a reserva de prazas que derivarían da aplicación da reserva legal e convencional correspondente. Por último, a oferta de consolidación de persoal indefinido non fixo formúlase co obxecto de regularizar a súa situación de conformidade coa lexislación aplicable.

De conformidade con todo o exposto, e logo da negociación e acordo coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de persoal de administración e servizos, emitida a preceptiva autorización pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e conforme o Acordo do Consello de Goberno, do 23 de xullo de 2021, polo que se aproba a oferta de emprego público para o persoal de administración e servizos de 2021, o xerente da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude do previsto no punto décimo sexto D.6) da Resolución do 30 de abril de 2020 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios, publicada no DOG núm. 90, do 11 de maio,

RESOLVE:

Primeiro. Publicación da oferta de emprego público

Publicar a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos da USC para o ano 2021, recollida nos anexos desta resolución.

Segundo. Determinación da oferta de emprego público

O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo ao 110 % da taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2021.

O anexo II desta oferta inclúe as prazas de consolidación de persoal laboral indefinido non fixo derivado de sentenzas xudiciais. Estas prazas están distribuídas por corpos e escalas de persoal funcionario e por categorías de persoal laboral, segundo constan na relación de postos de traballo aprobada polo Consello de Goberno para dar cumprimento ao establecido no artigo 38 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

O anexo III contén a oferta de promoción interna independente.

Os procesos selectivos que se convoquen para a oferta de prazas de consolidación establecerán o sistema de concurso-oposición e deberán garantir, en todo caso, a aplicación dos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, así como respectar a libre concorrencia.

Terceiro. Reserva de prazas para discapacidade

O artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, prevén a reserva dunha cota non inferior ao sete por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no punto 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións.

Para dar cumprimento ao establecido no punto anterior, nas ofertas para acceso libre resérvase unha porcentaxe do 7 % para ser cuberta por persoas que acrediten discapacidade. A reserva realízase naquelas escalas e categorías en que as actividades ou funcións que hai que realizar son compatibles, en maior medida, coa posible existencia dunha discapacidade.

Os sistemas de selección que se convoquen para persoas con discapacidade desenvolveranse de conformidade co establecido no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos selectivos ou o período de prácticas, estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.

No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentasen pola cota de reserva superase os exercicios e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida polas outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

As prazas reservadas para as persoas con discapacidade xeral que quedasen desertas nos procesos selectivos poderanse acumular á quenda xeral.

Cuarto. Promoción interna separada

De conformidade co artigo 43 dos estatutos da USC, esta oferta establece no anexo III a oferta de promoción interna para o persoal laboral e funcionario cuxo número de prazas responde á reserva prevista nos instrumentos convencionais correspondentes para o persoal laboral e á prevista na Lei 2/2015, de emprego público de Galicia, para o persoal funcionario.

O artigo 70.3 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, establece que o decreto polo que se aprobe a oferta de emprego público poderá conter medidas derivadas da planificación dos recursos humanos.

Neste sentido, a promoción interna é unha das medidas derivadas da planificación dos recursos humanos que ten por obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos e que constitúe unha vía para a adquisición de competencias e requisito necesario para a progresión na carreira profesional desde niveis inferiores.

Quinto. Acumulación de prazas correspondentes a ofertas de anos anteriores

Poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas de persoal funcionario e ás categorías de persoal laboral relacionadas nos anexos da presente oferta xunto coas derivadas das ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2018, 2019 e 2020 que estean pendentes de convocar.

Sexto. Publicidade das convocatorias

As convocatorias das probas selectivas de acceso libre derivadas desta oferta publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado para garantir a publicidade exixida no artigo 75.2 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2021

Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Oferta xeral

Subgrupo/grupo

Escala/categoría

Acceso libre

Total

Reserva persoas con discapacidade

Libre

A1

Escala técnica superior da Administración, especialidade xurídica

-

1

1

A1

Escala técnica superior da Administración, especialidade economía

-

2

2

C1

Escala administrativa

2

6

8

C1

Escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos

-

5

5

I

Xornalista

-

1

1

I

Técnico superior de investigación

-

1

1

I

Técnico superior de linguas modernas
(francés, alemán/español para estranxeiros)

-

2

2

III

Técnico de investigación,área electrónica-mecánica

-

1

1

III

Técnico de fotocomposición

-

1

1

III

Técnico especialista de tecnoloxías, información e das comunicacións

-

1

1

IV.1

Auxiliar técnico de servizos

1

6

7

Total

3

27

30

ANEXO II

Oferta de consolidación de persoal indefinido non fixo por sentenza

Subgrupo/grupo

Escala/categoría

Prazas

I

Técnico superior de investigación

1

III

Técnico especialista de investigación, especialidade saúde

1

Total

2

ANEXO III

Oferta de promoción interna independente

Subgrupogrupo

Escala/categoría

Reserva persoas con discapacidade

Xeral

Total

A1

Escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos, esp. bibliotecas da USC

-

2

2

A2

Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos; esp. bibliotecas

1

2

3

II

Técnico grao medio investigación

-

2

2

II

Técnico xestor de tecnoloxías da información e das comunicacións

-

2

2

III

Condutor

-

3

3

III

Técnico de servizos xerais

1

6

7

III

Socorrista

-

1

1

III

Cociñeiro/a

-

1

1

III

Técnico especialista en zonas verdes

-

6

6

Total

2

25

27