Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Luns, 30 de agosto de 2021 Páx. 43172

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos previsto na Resolución do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento VI400A).

Con data do 15 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento VI400A).

O ordinal vixésimo quinto da citada resolución dispón que o prazo de presentación de solicitudes na convocatoria do ano 2021 comezará o día seguinte ao da publicación desa resolución no DOG e rematará o 1 de setembro de 2021 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

O número de solicitudes presentadas aconsella ampliar o prazo inicialmente establecido, coa finalidade de que a subvención se dirixa ao maior número posible de persoas beneficiarias.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar o prazo para a presentación de solicitudes de axudas para a adquisición de vivendas nos centros históricos, previsto no ordinal vixésimo quinto da Resolución do 25 de febreiro de 2021, ata o 15 de outubro de 2021, agás que se esgotase o crédito orzamentario previsto na convocatoria.

Segundo. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo