Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Luns, 30 de agosto de 2021 Páx. 43125

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 9 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300H).

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

Concretamente, o programa 751A, que xestiona a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, contempla a renovación do sector do comercio e a promoción de sectores e produtos galegos nun escenario onde é preciso incrementar a competitividade do comercio polo miúdo e modernizar e adecuar o comercio de proximidade co fin de que mellore a súa atracción comercial, así como adaptar os establecementos ás necesidades das persoas usuarias e que as persoas consumidoras alcancen o servizo desexado.

Coa dita finalidade, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoia e incentiva os proxectos que xeren e fomenten a eficiencia e a modernidade do comercio galego e, neste caso, mediante a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, o que representa un paso máis no proceso de transformación dixital destes espazos comerciais que deben adaptarse á nova demanda e perfil do consumidor.

Así mesmo, o comercio tradicional está sometido na actualidade a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuos e mellorar a súa posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas, abríndose a novas canles de comunicación co público e de comercialización dos produtos.

Neste senso, a canle de venda dixital, coa posta en marcha dun espazo web con plataforma de venda en liña dos produtos, así como a profesionalización da xestión do seu espazo web dentro da plataforma amósanse axeitados debido á situación actual que vive este colectivo que demanda un decidido apoio na consecución dunha maior concorrencia fronte a outras estruturas comerciais, e onde as administracións públicas teñen que xogar un papel relevante.

Por outra banda, as plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios configúranse como espazos de comercialización dos ditos produtos, e o seu principal obxectivo ser un escaparate da produción agroalimentaria, revitalizar as zonas rurais e introducir canles de venda dixital que contribúan ao desenvolvemento, dinamización, expansión e competitividade do medio rural. O crecemento dos mercados agroalimentarios supón para as comarcas rurais unha gran oportunidade á hora de gañar visibilidade e, por ende, conseguir máis visitantes e dinamizar a súa economía local, e a súa presenza en liña constitúe un grande impulso para a súa consecución.

Con estes obxectivos e co fin de adaptarse tanto aos novos hábitos de consumo como ás condicións que neste exercicio veñen impostas pola realidade social e sanitaria, cómpre proceder á convocatoria desta orde de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para impulsar accións de promoción comercial e de acceso a innovadoras canles de venda a través da creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, en réxime de concorrencia non competitiva, para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2021.

Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 800.000,00 € que será imputado ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarios

06.03.751A.761.3

400.000,00

Artigo 3.a) do anexo I

06.03.751A.781.1

150.000,00

Artigo 3.b) do anexo I

06.03.751A.781.1

250.000,00

Artigo 3.c) do anexo I

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibida a solicitude, esta será tramitada de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a dous meses contados a partir do día seguinte á data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que posibiliten a renovación do sector do comercio e a promoción de sectores e produtos agroalimentarios galegos nun escenario onde é preciso incrementar a competitividade do comercio polo miúdo e modernizar e adecuar o comercio de proximidade co fin de que mellore a súa atracción comercial, así como adaptar os establecementos ás necesidades das persoas usuarias e que as persoas consumidoras alcancen o servizo desexado.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as actuacións subvencionables poidan ser atendidas en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuado.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300H, poderase obter información a través dos seguintes medios:

a) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo
https://sede.xunta.gal

b) Na páxina web oficial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (http://ceei.xunta.gal/portada) na súa epígrafe de axudas.

c) No teléfono 981 54 55 99 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva. Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis (agás no caso dos concellos), polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 € nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 800.000,00 € que será imputado ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarios

06.03.751A.761.3

400.000,00

Artigo 3a) do anexo I

06.03.751A.781.1

150.000,00

Artigo 3.b) do anexo I

06.03.751A.781.1

250.000,00

Artigo 3.c) do anexo I

As ditas aplicacións orzamentarias están financiadas por fondos propios libres.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería ou entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma entidade beneficiaria.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007:

a) Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia situados en zonas rurais e cunha poboación inferior a 10.000 habitantes.

Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Federacións de asociacións de comerciantes, legalmente constituídas, de ámbito superior ao municipal.

c) Grupos de desenvolvemento rural (GDR) recoñecidos polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 16 de novembro de 2016, polo que se resolve a convocatoria sobre a selección de estratexias de desenvolvemento local e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. A actuación subvencionable é a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.

O investimento máximo subvencionable é de 60.000,00 € e a porcentaxe da subvención acadará o 80 % do dito investimento máximo subvencionable.

2. Considéranse gastos subvencionables:

a) O deseño e desenvolvemento do marketplace: a inclusión e xestión das tendas cos seus correspondentes usuarios, a inclusión e xestión de catálogos en liña, a xestión de stocks e pedidos, a adaptación móbil coa tecnoloxía responsive, o proxecto de posicionamento orgánico SEO, o dominio e o aloxamento web dentro da Unión Europea.

b) As campañas de márketing e publicidade: a xestión SEM/Adwords, a xestión do social media, a fotografía e descrición dos produtos e a creación de promocións e estratexias publicitarias e comerciais a través de medios e canles dixitais.

c) A xestión integral do marketplace: a comunicación cos clientes a través da multiexperiencia como chatboxs, asistentes virtuais ou redes sociais e a xestión dos pagamentos en liña a través de pasarelas de pagamento.

d) O deseño e creación de produtos sostibles de packaging.

A creación e lanzamento das plataformas de marketplace deberá reunir as características técnicas e condicións legais previstas no anexo II da orde de convocatoria.

3. Non se consideran gastos subvencionables os gastos de persoal.

Artigo 5. Solicitudes e documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indica no artigo 3 da orde de convocatoria.

2. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude, anexo III, a seguinte documentación:

a) Concellos:

– Xustificante de que se atopa ao día na rendición de contas xerais diante do Consello de Contas de Galicia de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

– Declaración do concello de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia (anexo III).

b) Federacións de asociacións de comerciantes:

– Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, as modificacións posteriores, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

– Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Grupos de desenvolvemento rural (GDR):

– Certificación da/do presidenta/e da entidade co acordo do órgano competente polo que se acorda participar nesta convocatoria.

– Escritura de constitución.

d) Documentación común para todas as entidades solicitantes:

– Memoria detallada das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretenden executar.

– Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado dos gastos previstos para a realización da actuación para a que se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación dos servizos, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

a) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante con independencia da contía dos investimentos.

b) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

c) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores nos seguintes casos:

– Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

– Cando, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. De conformidade co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ditar a resolución de concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase á entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na letra d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 9. Audiencia

Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 10. Resolución e notificación

O órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás entidades beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de dous meses contados a partir do día seguinte á data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións do procedemento ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ás entidades interesadas.

Artigo 13. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 14. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión.

g) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

j) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Obrigas específicas de publicidade

As entidades beneficiarias deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación segundo o modelo e instrucións elaboradas pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo publicado no enderezo
http://www.portaldocomerciante.gal/

O incumprimento desta obriga de publicidade producirá a perda do dereito ao cobramento total da subvención, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 16. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da orde de convocatoria e ata o 15 de novembro de 2021, dunha copia da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados en orixinal ou copias.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data del. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

c) Anexo IV (declaración doutras axudas) debidamente asinado.

d) Documentación gráfica que acredite o cumprimento da utilización de logos e sinaléticas exixidos.

e) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

f) No caso de que as entidades se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

2. En concreto, para os concellos:

a) Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

b) Certificación da Intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

c) As entidades locais beneficiarias están obrigadas a xustificar o cumprimento da finalidade da subvención mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos parágrafos seguintes e que incorporará, en todo caso, a certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

No caso de subvencións destinadas a financiar investimentos, a conta xustificativa conterá:

– Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace da/do alcaldesa/alcalde ou presidenta/e, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1) O cumprimento da finalidade da subvención.

2) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos.

– Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

– De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou os informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

4. Transcorrido o prazo de xustificación sen tela presentado de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase á persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que legalmente correspondan.

Artigo 18. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao seu pagamento, os órganos competentes da consellería poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O importe da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria, ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, co límite establecido no artigo 19.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007 ou de incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras, na orde de convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007.

Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Incumprimento total: para os efectos do disposto no parágrafo anterior, entenderase que hai incumprimento total, co reintegro do total da cantidade percibida para as actuacións establecidas no artigo 1, cando o antedito incumprimento supere o 40 % do investimento subvencionable.

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 20. Control

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 € non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, no regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Características para a creación e lanzamento dos marketplaces

A. Características xerais do marketplace:

1. O desenvolvemento propio de marketplace en propiedade con programación a medida ou cun software de xestor especializado en marketplace ou con soporte multitenda nativo, non baseado en plugins.

2. O deseño deberá adaptarse a múltiples dispositivos, resolucións e pantallas e permitir unha visualización correcta desde todos eles.

3. O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

4. As páxinas deberán contar con optimización para SEO, incluíndo especificamente:

a) Configuración das metaetiquetas de título e descrición segundo ás boas prácticas establecidas polos buscadores.

b) Arquivo robots.txt optimizado e mapa do sitio sitemap.xml.

c) Que non existan ligazóns rotas ou erros 404 ou 500.

d) No caso dunha web multiidioma contar coas etiquetas canonical correspondentes.

e) As imaxes deberán ter o atributo descritivo Alt.

f) Non poderá existir contido duplicado.

5. Dispor dun carro da compra en que poder realizala.

6. Incorporar unha pasarela de pagamentos para finalizar as compras de xeito completamente en liña.

7. Os prezos e información sobre envíos teñen que ser correctamente configurados e indicados de acordo co contrato que teña a/o propietaria/o do marketplace coa/s empresa/s de servizo de mensaxaría.

8. Que exista unha páxina específica para a/o comerciante dentro do marketplace.

9. Que estea visible para a/o compradora/o final a información de contacto da/do vendedora/o para poder executar os seus dereitos de consumo e protección de datos, engadidos enlaces a redes sociais, páxina web (se dispón dela) e a listaxe de produtos ofertados por esa/e vendedora/o.

10. As/os comerciantes deberán dispor dun panel de control desde o que xestionar as súas vendas e obter información e estatísticas das vendas realizadas.

B. Características das fichas de produto:

1. Facilitar un tutorial ás/os comerciantes para que poidan crear eles mesmos as fichas de produto e que estas cumpran cos seguintes requisitos:

O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

Descrición dos produtos de polo menos 300 palabras.

Mínimo de 2 imaxes por produto, agás para aqueles que pola súa natureza non procedan das imaxes, como o caso de produtos dixitais ou cursos.

Estar organizados por categorías e etiquetas.

C. Características do aloxamento:

1. A/o propietaria/o do marketplace debe dispor de acceso ao aloxamento no hosting ou servidor en que estea situada/o.

2. Aloxamento web dentro da Unión Europea.

3. Aloxamento web que permita unha velocidade de carga acorde cos requisitos actuais de Google.

4. Contar con certificado seguro SSL para o marketplace (https).

D. Condicións legais:

1. Cumprir con toda a lexislación vixente xeral e en materia de consumo.

2. Engadir a información legal en materia de consumo accesible, completa e doada de atopar (prezos, envíos, devolucións, reclamacións, etc.).

3. Os prezos deben estar indicados segundo unidade de medida (prezo por kg, prezo por litro...), e debe especificarse se os impostos están engadidos ou non.

4. Dispor dunha páxina co aviso legal, identificando a/o responsable da explotación do marketplace e conforme a lexislación vixente.

5. As cookies cuxa instalación automática non está permitida por lei, non poderán instalarse sen o permiso expreso da/do usuaria/o da web.

6. Dispor dunha páxina coa información de privacidade segundo a lexislación vixente.

7. Incorporar calquera outra páxina con información legal que sexa necesaria para cumprir coa lexislación vixente no momento da creación do marketplace.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file