Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Luns, 30 de agosto de 2021 Páx. 43158

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 23 de agosto de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

Durante a execución do programa de axudas á promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, sobreveu a crise ocasionada pola COVID-19. O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

En particular, o programa de promoción do emprego autónomo establece unha obriga no seu artigo 27.a) de estar dous anos de alta no RETA ou mutualidade, obriga afectada pola aparición da crise ocasionada pola COVID-19.

O Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento (UE) 2020/460, do 30 de marzo e polo Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, considera o brote da COVID-19, como causa de forza maior.

A nivel estatal, publicouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declaraba o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19. Así mesmo, en Galicia, mediante o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo de 2020) que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e da activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus, COVID-19.

Con posterioridade declarouse de novo o estado de alarma polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, prorrogado ata o 9 de maio de 2021, polo Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 226/2020, do 25 de outubro.

Na Xunta de Galicia, coa aprobación dos decretos 202/2020 e o Decreto 5/2021, do 19 de xaneiro, polo que se se modifica o Decreto 202/2020, do 3 de decembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, e polo Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, aprobáronse un conxunto de medidas para diminuír a expansión dos contaxios e reducir a incidencia da COVID, consistentes en limitacións á mobilidade e os desprazamentos, de limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados e de limitacións da apertura de establecementos da hostalaría e comerciais.

Dadas as características dos emprendementos que recibiron axuda na convocatoria da orde que se pretende modificar (negocios de recente creación) nos leva a deducir que a situación de forza maior que provocou o estado de alarma e o confinamento e o peche de actividades económicas non esenciais tivo un efecto moi negativo para a supervivencia destes novos negocios, debido ás tipoloxías de actividades en que se desenvolven e a data de finalización do período de mantemento. Así, neste sentido cómpre destacar que moitas das actividades subvencionadas polo programa de promoción do emprego autónomo (un 78,50 %) se refiren a actividades non esenciais, que, polo tanto, tiveron que estar pechadas durante un longo período de tempo.

Polo que se conclúe que o os sucesivos peches das actividades durante a vixencia do estado de alarma tiveron un importante efecto negativo sobre as persoas beneficiarias do Programa de axudas ás promoción do emprego autónomo para o ano 2020, que xustifican a necesidade, con base na forza maior orixinada pola crise da COVID-19, de modificar as bases reguladoras ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020

A devandita orde queda modificada nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 27, que terá a seguinte redacción:

Artigo 27. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 14 desta orde, as seguintes:

a) Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de dezaoito meses se se concede a subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal se deberá acreditar fidedignamente.

b) Presentar os indicadores de resultado inmediatos a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, referidos ao momento do cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa traballadora a que se refire a alínea a) deste artigo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalicen os citados períodos de mantemento da actividade laboral, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

c) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

d) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os dous anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

e) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

f) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como a outra información prevista no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

g) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período dun ano a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións.

Dous. Modifícase o artigo 29, que terá a seguinte redacción:

Artigo 29. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 19 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 27, alínea a), de mantemento da alta no RETA ou mutualidade durante un período de dezaoito meses.

4. Procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro desta orde no suposto de non cumprir co prazo indicado no artigo 27, alínea g), de non manter a forma xurídica durante un período mínimo dun ano.

5. Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 14, alínea b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

6. Procederá o reintegro do 10 % da axuda no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

7. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 27, alínea a) de manter a alta no RETA ou mutualidade durante dezaoito meses, e se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos doce meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dezaoito meses.

8. Procederá o reintegro parcial do 2 % da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 27, alínea e), de cumprir coas medidas de información.

9. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 14, alínea b), de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

10. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

11. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade