Mediante Resolución do Instituto Galego de Promoción Económica do 11 de maio de 2021 (DOG núm. 95, do 24 de maio), convocouse o procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona COVID-19).
No seu artigo 11 establece que a resolución conxunta será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.
Na páxina web do Igape (www.igape.es) poderase consultar a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.
Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da Resolución do 23 de agosto de 2021 da convocatoria 2021 do procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión do programa Re-acciona COVID-19, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. A Resolución do 23 de agosto de 2021 esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2021
Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica