Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 3 de setembro de 2021 Páx. 43991

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 19 de agosto de 2021 pola que se acorda a adxudicación do procedemento de alleamento, mediante poxa pública, duns inmobles situados nos concellos de Melide e Santiago de Compostela.

Mediante as ordes da Consellería de Facenda e Administración Pública do 3 de marzo de 2021 e do 12 de abril de 2021 acordouse o alleamento, mediante poxa, duns inmobles situados nos concellos de Melide e de Santiago de Compostela.

Logo de publicarse no Diario Oficial de Galicia núm. 115, do 18 de xuño de 2021, e nun xornal de ampla difusión (La Voz de Galicia do mesmo día) o anuncio do 14 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, sobre o alleamento dos citados bens e dereitos, tivo lugar o 29 de xullo de 2021 a poxa pública anunciada, co que en vista da acta da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar as seguintes adxudicacións

1. A Manuel Carregal Blanco, polo prezo de dezaseis mil euros (16.000 €), o seguinte inmoble:

• Terreo de 455 m2, sobre o cal se asenta unha edificación que foi caseta de legoeiros na estrada AC-840 Betanzos-A Golada (antes C-540 Betanzos-Lalín), no punto quilométrico 11,590 (hoxe 48,590), no lugar das Cazallas, no municipio de Melide (A Coruña). Linda, segundo o Rexistro da Propiedade, ao norte, coa parcela 69 do polígono 30, de Manuel Costoya Gómez; ao sur, coa parcela 63 do polígono 30, de Jesús Sánchez López, ao leste, coa parcela 68 do polígono 30, de Saturnino Montero Ares; coa parcela 67 do polígono 30, de Carmen Mosquera Gómez e co predio 941 do polígono 30, de María de los Ángeles Mellid Cardelle; e ao oeste, coa estrada AC-840 Betanzos-A Golada, de titularidade autonómica. Referencias catastrais: 001501000NH75D0000IS (terreo) e 001501000NH75D0001OD (construción).

Datos rexistrais: inscrita no Rexistro da Propiedade de Arzúa como predio nº 21766 de Melide, no tomo 800, libro 150, folio 6.

2. A Susana Barrientos de Cabo e José Manuel Pérez Santamaría, polo prezo de corenta e nove mil catrocentos setenta e un euros con sesenta e sete céntimos (49.471,67 €), o seguinte inmoble:

• Local 1B, situado na planta baixo cuberta do inmoble sito na rúa Doutor Teixeiro nº 26, no municipio de Santiago de Compostela. Posúe unha extensión de 91,30 m2 e a súa entrada está no corredor de distribución dos rochos das vivendas. Linda, ao norte, co edificio número 24 da rúa Doutor Teixeiro, co ascensor e co patio de luces; ao sur, co edificio número 28 da devandita rúa; ao leste, cun rocho e co corredor de distribución dos rochos; ao oeste, coa vertical ao terreo ao patio anexo ao piso baixo. Referencia catastral 7271203NH3477A1001FU.

Datos rexistrais: inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela co nº 53838, do tomo 1865, libro 755, folio 172.

Segundo

Acordar declarar deserta en primeira, segunda e terceira poxa a adxudicación dos seguintes inmobles:

1. Terreo de 317 m2, sobre o que se levanta unha superficie construída de 109 m2, que foi caseta de legoeiros na estrada C-540 Betanzos-A Golada, no punto quilométrico 5,47, no lugar da Casilla, no municipio de Melide (A Coruña). Segundo o Rexistro da Propiedade, o conxunto linda, ao norte e ao oeste, cun predio propiedade de María del Carmen Barreiro Sánchez, de 2.121 m2 e coa referencia catastral nº 15047A039001240000GK; ao sur, co camiño; e ao leste, co camiño (antiga estrada C-540 Betanzos-A Golada). Referencia catastral 001002800NH74H0001RO.

Datos rexistrais: inscrita no Rexistro da Propiedade de Arzúa como predio 21755 de Melide, no tomo 796, libro 149, folio 185.

2. Parcela número 187, denominada Lagos, sita no lugar de San Xoán de Fecha, no municipio de Santiago de Compostela, cunha superficie aproximada de 13.934 m2. Segundo o Rexistro da Propiedade, linda, ao norte, cunha zona excluída e cun camiño público; ao sur, con María Josefa Iglesias Pérez; ao leste, cunha zona excluída, e ao oeste, cun camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria. Referencia catastral 15079C503001870000WK.

Datos rexistrais: inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela como predio 22930, tomo 1.202, libro: 244, folio: 184.

3. Parcela número 254, denominada Chan dos Montes, situada no lugar de San Xoán de Fecha, no municipio de Santiago de Compostela, cunha superficie aproximada de 19.610 m2. Segundo o Rexistro da Propiedade, linda, ao norte, cun camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; ao sur, con Luís García Miramontes e outros; ao leste, cunha zona excluída; e ao oeste, con Josefa Bastón García e outro. Referencia catastral: 15079D503002540000LD.

Datos rexistrais: inscrita no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela como predio nº 22936, tomo 1.202, libro 244 e folio 187.

Terceiro

O pagamento dos prezos dos inmobles adxudicados efectuarase segundo o estipulado no artigo 70.3 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto

As vendas formalizaranse como corpo certo en escritura pública e serán por conta dos adquirentes os custos do seu outorgamento. Os tributos derivados da transmisión serán exixidos conforme o disposto na lexislación tributaria. Así mesmo, queda a cargo dos adxudicatarios o pagamento dos custos dos anuncios que se teñan producido neste procedemento de alleamento.

Quinto

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 9.1.2012)
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública