Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2021 Páx. 45134

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ACORDO do 6 de setembro de 2021, da comisión designada para xulgar o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e corpo de auxiliares de carácter técnico da Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, polo persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes aos grupos IV e V do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, convocado pola Resolución do 12 de maio de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 94, do 21 de maio), polo que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización da proba tipo test.

En sesión que tivo lugar o 6 de setembro de 2021, a comisión nomeada pola Resolución do 17 de xullo de 2020 (DOG núm. 152, do 30 de xullo) para cualificar o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e corpo de auxiliares de carácter técnico da Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, polo persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes aos grupos IV e V do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, convocado pola Resolución do 12 de maio de 2021 (DOG núm. 94, do 21 de maio), acordou, de conformidade co disposto na base II.3.6 da convocatoria, e co disposto nas normas xerais para a realización da proba tipo test dos procesos de funcionarización, que a proba tipo test terá lugar o 2 de outubro de 2021, ás 16.00 horas, na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (avenida Dr. Ángel Echeverri, s/n, Santiago de Compostela).

As concretas portas de acceso serán publicadas con posterioridade no portal web https://www.xunta.gal/funcion-publica/funcionarizacion

As previsións establecidas neste documento poderán ser modificadas á vista das recomendacións que realicen as autoridades sanitarias da Comunidade Autónoma en función da evolución da pandemia da COVID-19.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou doutro documento fidedigno que, a xuízo da comisión, acredite a súa identidade. Ademais, deberán vir provistas de bolígrafo de cor azul ou negra.

Segundo o establecido na base II.1 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios. En relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples.

Non se poderá acudir á realización da proba con reproducións da batería de preguntas publicada na páxina web (https://www.xunta.gal/funcion-publica/funcionarizacion). Se as persoas aspirantes acudisen á proba con este material ou outro non autorizado polas bases ou pola comisión, seralles retirado antes ou durante a súa realización. No suposto de que algunha persoa aspirante fixese uso do material descrito durante o desenvolvemento da proba, a comisión poderá decidir a súa inmediata expulsión.

Será obrigatorio o uso da máscara durante toda a realización da proba, agás cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara. Neste caso deberán achegar á Dirección Xeral da Función Pública a correspondente xustificación no prazo de 5 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia; de non facelo, non se permitirá o acceso sen a máscara.

Non se permitirá o acceso á aula en que se efectúe a proba con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na súa realización, nin se habilitará ningún servizo de recollida dos citados dispositivos.

Respecto ás normas xenéricas que se deberán seguir para realizar a proba tipo test como consecuencia da situación creada pola pandemia da COVID-19, serán as publicadas no portal web https://www.xunta.gal/funcion-publica/funcionarizacion

As persoas matriculadas no procedemento convocado pola Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG núm. 32, do 17 de febreiro) que estean de alta médica e non efectuasen a proba tipo test, deberán presentarse para a súa realizacion no día e na hora a que se fai referencia no presente acordo.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

Rubén Plaza Martínez
Presidente da comisión