Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 15 de setembro de 2021 Páx. 45331

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan a concurso específico de méritos as prazas vacantes de cadansúa xefatura de sección da Área de Patoloxía Forense e da Área de Clínica Médico-Forense na Subdirección Territorial da Coruña, e de xefatura de sección da Área de Clínica Médico-Forense na Subdirección Territorial de Ourense, todas elas do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

O Decreto da Xunta de Galicia 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia (DOG do 18 de maio), establece no seu artigo 22.1 que teñen a consideración de persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia os médicos forenses dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aprobada a relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia pola Orde do 5 de outubro de 2017 pola que se modifica a relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia, procede a convocatoria de concurso específico para aqueles postos de traballo que se teñan que cubrir por este sistema.

Con esta finalidade, e conforme o establecido no artigo 532 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, e no exercicio das competencias previstas no artigo 16 do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, este centro directivo anuncia a provisión, polo sistema de concurso específico de méritos, dos postos de traballo que se especifican no anexo I da presente convocatoria, consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxecto da convocatoria

A presente convocatoria ten por obxecto a provisión, por concurso específico de méritos, dos postos de traballo vacantes que se indican no anexo I.

En todo o non previsto concretamente na presente convocatoria, aplicarase o disposto no Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e na súa falla, a lexislación xeral sobre función pública.

Segunda. Requisitos e condicións de participación

1. Para seren admitidos no presente concurso, os aspirantes deberán ser funcionarios de carreira e pertencer ao corpo de médicos forenses.

2. Só poderán tomar parte neste concurso os médicos forenses que conten cun mínimo de cinco anos de experiencia como médicos forenses.

3. Poderán participar no presente concurso os médicos forenses que, ademais de reuniren os requisitos sinalados nos dous puntos anteriores, estean na situación administrativa de servizo activo, ou en calquera outra que comporte a reserva do posto de traballo, no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán participar neste concurso os funcionarios que se atopen na situación de excedencia voluntaria por interese particular, mentres dure o período mínimo de permanencia na dita situación; os declarados suspensos en firme, mentres dure a suspensión; nin os sancionados con traslado forzoso, para destino na mesma localidade en que se lles impuxo a sanción, ata que transcorran un o tres anos segundo se trate de falta grave ou moi grave, respectivamente.

5. Con respecto ao tempo mínimo para participar neste concurso específico, e de conformidade co previsto no artigo 49.7 do Real decreto 1451/2005, non rexerá a limitación establecida no artigo 46.1 deste.

Terceira. Postos que se poden solicitar

1. Os participantes poderán solicitar os postos de traballo relacionados no anexo I, sempre que no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes cumpran os requisitos establecidos na base segunda para poder participar no presente concurso.

2. A solicitude dos postos farase nunha única instancia, axustada ao modelo que se publica como anexo III, na cal se indicará, ademais da orde de preferencia dos postos de traballo solicitados, a súa denominación e número e mais a localidade.

Cuarta. Presentación de solicitudes e documentación

1. Os interesados deberán presentar as súas solicitudes, segundo o anexo III mencionado, no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes irán dirixidas ao director xeral de Xustiza da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e deberán ter entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Canda a solicitude deberase achegar a documentación orixinal ou fotocopias compulsadas da documentación acreditativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados para cada un dos postos solicitados.

4. Igualmente, xunto coa instancia presentarase unha memoria asinada, na cal, nunha extensión non superior aos 10 folios, o candidato realice unha análise das tarefas do posto solicitado e das condicións e medios necesarios para o seu desempeño, suscite propostas de mellora no desenvolvemento das funcións e faga constar todas aqueloutras cuestións que considere de interese ou importancia, con base na descrición das funcións do posto.

5. Dentro dos vinte días seguintes ao da finalización do prazo de presentación de instancias, a Dirección Xeral de Xustiza aprobará as listas provisionais de admitidos e excluídos, que se publicarán na web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo: http://cpapx.xunta.gal/concursos-de-traslados. Os interesados poderán formular reclamación contra as listas provisionais no prazo dos dez días hábiles seguintes ao da súa publicación.

Quinta. Peticións condicionadas

No suposto de estaren dous funcionarios interesados nas vacantes que se anuncian, poderán condicionar a súa petición ao feito de que ambos obteñan destino neste concurso, entendéndose en caso contrario anulada a petición efectuada por ambos. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicionada deberán concretalo na súa instancia e achegar fotocopia da petición do outro funcionario.

Sexta. Comisión de Valoración

1. A avaliación dos méritos corresponderá a unha Comisión de Valoración que será nomeada pola Dirección Xeral de Xustiza da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e que estará integrada por:

a) Dous funcionarios do grupo A designados de entre os que presten servizos na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, dos cales un exercerá as funcións de presidente e outro as de secretario da comisión.

b) Dous médicos forenses designados pola Dirección Xeral de Xustiza.

c) Dous médicos forenses ou funcionarios dos corpos da Administración de xustiza para cuxo ingreso se exixa unha licenciatura universitaria, designados por proposta das organizacións sindicais máis representativas.

Os representantes escollidos polas organizacións sindicais designaranse por proposta destas, advertíndose expresamente que unha vez que a Administración solicite a proposición de designación, de non se formular a proposta de nomeamento no prazo de dez días hábiles se entenderá que decaeron na súa opción.

2. A Comisión de Valoración suplente terá a mesma composición que a Comisión de Valoración titular, e os seus membros actuarán en ausencia dos seus correspondentes na Comisión de Valoración titular.

3. A Comisión de Valoración poderá solicitar á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a designación de expertos que, en calidade de asesores, actúen con voz pero sen voto.

4. A Comisión de Valoración terá a consideración de órgano colexiado da Administración, e, como tal, estará sometida ás normas contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Igualmente, os membros da Comisión de Valoración estarán sometidos ás causas de abstención e recusación previstas na citada lei.

Sétima. Baremación, fases e puntuación do concurso

1. O concurso específico rexerase polo baremo e puntuacións establecidas no anexo II desta resolución, e respecto del terán efecto exclusivamente os méritos alegados e acreditados con referencia á data de peche do prazo de presentación de instancias.

2. O concurso constará de dúas fases:

a) Na primeira procederase á comprobación e valoración dos méritos xerais, cunha puntuación máxima de 72 puntos.

b) Na segunda procederase á valoración dos méritos específicos, sen que se poidan valorar os méritos que fosen puntuados na primeira fase. A puntuación máxima desta fase será de 43 puntos.

3. A valoración dos méritos específicos deberá efectuarse mediante a puntuación obtida coa media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da Comisión de Valoración, debéndose desbotar para estes efectos a máxima e a mínima concedidas, ou, de ser o caso, unha das que aparezan repetidas como tales.

4. As puntuacións outorgadas a cada candidato en cada punto do baremo, así como a valoración final de cada fase e a suma de ambas as fases, deberán reflectirse na acta que se levantará para o efecto.

5. A Comisión de Valoración poderá solicitarlles aos interesados as aclaracións, ou se é o caso a documentación adicional, que se coiden necesarias para a comprobación dos méritos alegados.

Oitava. Publicación da valoración e proposta de adxudicación de postos

1. A Comisión de Valoración proporá para cada posto de traballo ofertado no presente concurso o candidato que obtivera a maior puntuación unha vez sumados os resultados finais das dúas fases do concurso. En caso de empate na puntuación, para dirimilo acudirase á maior antigüidade no corpo.

2. A Comisión de Valoración redactará a proposta de candidatos, con expresión das puntuacións obtidas en cada fase, que trasladará á Dirección Xeral de Xustiza para os efectos da súa publicación na intranet de Xustiza e na web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

3. Os interesados, dentro dos dez días hábiles seguintes ao da súa publicación, poderán alegar e xustificar o que consideren conveniente sobre os resultados da valoración.

4. A Comisión de Valoración resolverá as alegacións e xustificacións que se presenten en relación coa aplicación do baremo de méritos e redactará a proposta de resolución, que elevará á Dirección Xeral de Xustiza, quen adoptará a resolución definitiva.

Novena. Resolución do concurso

1. O concurso será resolto pola Dirección Xeral de Xustiza no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A resolución do concurso expresará o posto de orixe dos interesados a quen se lles adxudique destino.

Décima. Carácter dos destinos adxudicados

1. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios.

2. O titular do posto de traballo obtido por concurso poderá renunciar a este mediante solicitude razoada e sempre que desempeñase o citado posto polo menos durante un ano.

Décimo primeira. Cesamento e toma de posesión

1. O cesamento deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia.

2. A toma de posesión do novo destino obtido polo concurso producirase nos tres días hábiles seguintes ao cesamento se non hai cambio de localidade do funcionario, nos oito días hábiles seguintes se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma e nos vinte días hábiles seguintes se implica cambio de comunidade autónoma, excepción feita da Comunidade Autónoma de Canarias, da Comunidade Autónoma das Illes Balears, da Cidade de Ceuta e da Cidade de Melilla, en que será dun mes.

Décimo segunda. Recursos

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses, sen prexuízo da interposición de recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes, ambos os dous prazos contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO I

Posto de traballo número 1.

Denominación: xefe/a de sección da Área de Patoloxía Forense.

Código do posto: XG9251820015001311.04.

Centro de destino: Instituto de Medicina Legal de Galicia. Subdirección Territorial.

Localidade: A Coruña.

Funcións: as previstas nos artigos 15 e 16 do Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG do 18 de maio), polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Requisitos: funcionario de carreira do corpo de médicos forenses en activo con cinco anos de experiencia.

Formación específica: coñecementos e experiencia en patoloxía forense. Coñecementos de informática: sistemas operativos, tratamentos de texto, folla de cálculo, base de datos, internet e correo electrónico.

Forma de provisión: concurso específico de méritos.

Posto de traballo número 2.

Denominación: xefe/a de sección da Área de Clínica Médico-Forense.

Código do posto: XG9251820015001312.04.

Centro de destino: Instituto de Medicina Legal de Galicia. Subdirección Territorial.

Localidade: A Coruña.

Funcións: as previstas nos artigos 15 e 18 do Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG do 18 de maio), polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Requisitos: funcionario de carreira do corpo de médicos forenses en activo con cinco anos de experiencia.

Formación específica: coñecementos e experiencia en valoración de dano corporal e psiquiatría forense. Coñecementos de informática: sistemas operativos, tratamentos de texto, folla de cálculo, base de datos, internet e correo electrónico.

Forma de provisión: concurso específico de méritos.

Posto de traballo número 3.

Denominación: xefe/a de sección da Área de Clínica Médico-Forense.

Código do posto: XG9251820032001308.04.

Centro de destino: Instituto de Medicina Legal de Galicia. Subdirección Territorial.

Localidade: Ourense.

Funcións: as previstas nos artigos 15 e 18 do Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG do 18 de maio), polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Requisitos: funcionario de carreira do corpo de médicos forenses en activo con cinco anos de experiencia.

Formación específica: coñecementos e experiencia en valoración de dano corporal e psiquiatría forense. Coñecementos de informática: sistemas operativos, tratamentos de texto, folla de cálculo, base de datos, internet e correo electrónico.

Forma de provisión: concurso específico de méritos.

ANEXO II

Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 72 puntos.

1. Antigüidade. Cun máximo de 45 puntos, á razón de 2 puntos por cada ano completo de servizos. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente á razón de 0,0055 puntos por día, establecéndose os meses como de trinta días.

2. Coñecementos da lingua galega. Cun máximo de 12 puntos, a acreditación de coñecementos da lingua galega mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ou a Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente, valorarase, segundo o nivel acadado, consonte unha das seguintes alíneas:

a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.

3. Actividades docentes, publicacións, comunicacións e asistencia a congresos. Cun máximo de 15 puntos e segundo os criterios seguintes:

a) Por actividades docentes relacionadas coa medicina legal: ata 5 puntos, á razón de 0,2 puntos por cada dez horas de impartición en calquera organismo docente, público ou privado, oficialmente recoñecido ou homologado, así como en centros oficiais de formación de funcionarios.

b) Por publicacións e comunicacións relacionadas coa medicina legal: ata 8 puntos.

Por comunicacións en congresos nacionais: ata 0,2 puntos por cada unha.

Por comunicacións en congresos internacionais: ata 0,4 puntos por cada unha.

Por relatorios en congresos nacionais: ata 0,6 puntos por cada un.

Por relatorios en congresos internacionais: ata 0,8 puntos por cada un.

Por publicacións en revistas nacionais: ata 1 punto por cada unha.

Por publicacións en revistas internacionais: ata 1,2 puntos por cada unha.

Por participación en libros e monografías: ata 1,4 puntos por cada unha.

Para puntuar cada actividade, a Comisión de Valoración terá en conta o grao de participación do candidato na elaboración das comunicacións, estudos ou publicacións.

c) Por asistencia a congresos e xornadas sobre medicina legal: ata 2 puntos, á razón de 0,1 puntos por cada congreso nacional ou xornada. En todo caso, só se valorarán os cursos, congresos e xornadas que foran organizados por colexios profesionais, asociacións profesionais de médicos forenses, universidades ou centros oficiais de formación ou homologados por estes.

d) Valoración da memoria presentada segundo o previsto no punto 4 da base cuarta desta resolución: ata 0,2 puntos.

Segunda fase: valoración de méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.

A. Experiencia profesional. Cun máximo de 10 puntos, valorándose para o efecto:

Desempeñar nos institutos de medicina legal os postos de xefe/a de servizo ou xefe/a de sección, segundo o caso, na Área de Patoloxía Forense ou na Área de Clínica Médico-Forense: ata 10 puntos, valorándose ata 2 puntos por ano.

B. Titulacións académicas. Cun máximo de 20 puntos, valorándose para o efecto:

1. A posesión do título de especialista en Medicina Legal e Forense, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 10 puntos.

2. Para os postos de xefe/a de sección de Patoloxía Forense, a posesión do título de médico especialista en Anatomía Patolóxica ou do título de médico especialista en Antropoloxía Forense, expedidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación: ata 7 puntos.

Para o posto de xefe/a de sección de Clínica Médico-Forense, a posesión do título de médico especialista en Psiquiatría ou do título de médico especialista en Traumatoloxía, expedidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación: ata 7 puntos.

3. Para os postos de xefe/a de sección de Patoloxía Forense, a posesión do título de médico especialista en Medicina Interna, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 5 puntos.

Para o posto de xefe/a de sección de Clínica Médico-Forense, a posesión do título de médico especialista en Medicina Interna, Xinecoloxía ou Reumatoloxía, expedidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación: 5 puntos.

4. A posesión do título de médico especialista en especialidade diferente ás comprendidas nos puntos anteriores, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 3 puntos.

5. Para os postos de xefe/a de sección de Patoloxía Forense, a posesión dun título ou diploma universitario de máster en Anatomía Patolóxica; e para o posto de xefe/a de sección de Clínica Médico-Forense, a posesión dun título ou diploma universitario de máster en Valoración de Dano Corporal ou curso universitario de especialista en Medicina Legal: ata 4 puntos. Para estes efectos só se valorarán os estudos de posgrao realizados en calquera universidade española, cunha duración mínima de 50 créditos entre teóricos e prácticos e cunha duración lectiva de polo menos un curso académico.

6. Doutoramento con premio extraordinario: ata 10 puntos.

Doutoramento con sobresaínte: ata 7 puntos.

Doutoramento con outras puntuacións: ata 3 puntos.

C. Coñecementos, formación profesional e investigación. Cun máximo de 10 puntos, en función dos méritos seguintes:

1. Por formación, segundo o caso, na Área de Patoloxía Forense ou na Área de Clínica Médico-Forense: ata 10 puntos, á razón de ata 0,4 puntos por cada dez horas. Só se valorarán os méritos deste punto se son froito de actividades convocadas e organizadas pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, e cando foran homologados por unha Administración pública, excluíndose a formación recibida para obter as titulacións académicas comprendidas no punto B anterior.

2. Por formación específica noutras áreas da medicina forense ou en materias ou disciplinas médicas que garden relación co posto solicitado: ata 5 puntos, á razón de ata 0,2 puntos por cada dez horas. Só se valorarán os méritos deste punto se son froito de actividades convocadas e organizadas pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, e cando foran homologados por unha Administración pública, excluíndose a formación recibida para obter as titulacións académicas comprendidas no punto B anterior.

3. Por bolsas e participación en proxectos de investigación oficiais en materias relacionadas co posto solicitado: ata 5 puntos, sempre que estas actividades non fosen valoradas na primeira fase (méritos xerais).

D. Coñecementos de informática e técnicas audiovisuais. Cun máximo de 3 puntos, valorándose para o efecto:

Os cursos de formación informática (sistemas operativos, tratamento de textos, tratamento de imaxes, folla de cálculo, bases de datos, internet e correo electrónico), así como cursos de fotografía e métodos de reprodución, convocados e organizados pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, así como os convocados polas organizacións sindicais, cando foran homologados por unha Administración pública: ata 3 puntos, á razón de 0,1 puntos por cada dez horas de formación recibida.

ANEXO III

SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN NO CONCURSO ESPECÍFICO DE MÉRITOS PARA A PROVISIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE XEFATURA DE SECCIÓN NO INSTITUTO
DE MEDICINA LEGAL DE GALICIA

DATOS PERSOAIS

DNI:

PRIMEIRO APELIDO:

SEGUNDO APELIDO:

NOME:

CORPO:

TFNO. DE CONTACTO:

SITUACIÓN ADMINISTRATIVA ACTUAL

SERVIZO ACTIVO:

SI □

NON □ Neste suposto, conteste a seguinte casa.

OUTRAS CON RESERVA DE POSTO (indíquese):

POSTOS DE TRABALLO SOLICITADOS

NÚM. ORDE

PREFERENCIA

DENOMINACIÓN DO POSTO

CÓDIGO DO POSTO

LOCALIDADE

XEFE/A DE SECCIÓN ÁREA DE PATOLOXÍA FORENSE

XG9251820015001311.04

A CORUÑA

XEFE/A DE SECCIÓN ÁREA DE CLÍNICA MÉDICO-FORENSE

XG9251820015001312.04

A CORUÑA

XEFE/A DE SECCIÓN ÁREA DE CLÍNICA MÉDICO-FORENSE

XG9251820032001308.04

OURENSE

MÉRITOS ALEGADOS PARA VALORACIÓN:

(Especifíquense en relación adxunta, datada e asinada pola persoa solicitante)

MEMORIA

(Obrigatoria unha memoria por cada un dos postos solicitados)

ACHÉGASE:

, de de 2021

(Sinatura)

DIRECCIÓN XERAL DE XUSTIZA

Rúa Madrid, 2-4, Polígono das Fontiñas

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)