Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 20 de setembro de 2021 Páx. 46096

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2021 pola que se convoca un curso de reciclaxe de socorrismo acuático en instalacións acuáticas, válido para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e se regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia (DOG núm. 67, do 9 de abril), modificado polo Decreto 35/2017, do 30 do marzo (DOG núm. 69, do 7 de abril), establece os requisitos que deben reunir os socorristas acuáticos para exercer a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, sendo requisito indispensable a inscrición no mencionado rexistro.

O artigo 10 do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, dispón que as persoas que acaden a inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia deben renovala cada catro anos actualizando a formación adquirida, mediante a acreditación da realización de cursos de formación continua dunha duración mínima de catro horas sobre cada un dos módulos teórico-prácticos asociados ás unidades de competencia da cualificación profesional correspondente.

Dentro das actividades programadas para o ano 2021, e conforme o establecido na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria de dous cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, conforme as seguintes bases.

A Estrada, 10 de setembro de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

As actividades formativas serán as que se especifican no anexo II desta resolución, no cal se indica tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, número de horas lectivas, número de prazas, datas de realización e horarios dos distintos cursos. As actividades formativas terán preferentemente horario de mañá e tarde.

Os cursos convocados realizaranse na Academia Galega de Seguridade Pública (r/ Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), sen prexuízo de que algunhas actividades formativas concretas ou módulos destas se poidan facer fóra das súas instalacións.

De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

Segunda. Obxectivos e contido das actividades formativas

Obxectivos:

Actualizar a formación necesaria para a renovación da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia creado polo Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e se regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

Contido:

Reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas.

– Módulo MF0269_2. Natación (4 horas).

– Módulo MF0270_2. Prevención de accidentes en instalacións acuáticas (4 horas).

– Módulo MF0271_2. Rescate de accidentados/as no medio acuático (4 horas).

– Módulo MF0272_2. Primeiros auxilios (4 horas).

Terceira. Destinatarios/as

Persoas inscritas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia na sección de instalacións acuáticas que estean obrigadas a renovar a inscrición antes do 30 de xuño de 2022. Non obstante, poderán inscribirse aquelas que teñen que renovar a inscrición con posterioridade á data sinalada, pero só serán seleccionadas no caso de existiren prazas vacantes.

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais: os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Igualmente e con motivo das especiais medidas de prevención para evitar a transmisión da enfermidade COVID-19, os/as solicitantes deberán acreditar non estar diagnosticados/as de COVID-19 nin ter presentado sintomatoloxía, nin ter mantido contacto estreito con pacientes diagnosticados, mediante declaración responsable que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Quinta. Exclusións

Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que obtiveron a inscrición de forma provisional no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia a través do establecido na disposición transitoria única do mencionado Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, do 30 de marzo.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37 e 886 20 61 39 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

g) Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será ata o 27 de setembro de 2021 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios xerais de selección

1. A selección realizarase tendo en conta a data de caducidade da inscrición na correspondente sección do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, tendo preferencia a data anterior sobre a posterior.

2. En caso de empate terase en conta a orde de presentación das solicitudes.

3. Na selección reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Cando no proceso de selección non se completase a reserva do punto terceiro, a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, completarase co resto de solicitudes.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Vestimenta e material

O/a alumno/a para a realización da parte práctica na piscina ou nun espazo acuático natural deberá asistir ao curso co seguinte material. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

• Curso de reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas.

– Gorro e gafas de natación.

– Bañador.

– Chanclas para o acceso á piscina.

– Útiles persoais de aseo.

– Máscara.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo segunda. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se deban recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e a actitude da/do alumna/o ao longo do curso».

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as súas datas de celebración, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

ANEXO II

Cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación
da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia

Denominación do curso

Modalidade

Núm. de edicións

Horas lectivas

Prazas por edición

Datas

Horario

Lugar

Reciclaxe de socorrismo en instalacións acuáticas

Presencial

1

16

35

8, 9, 10 de outubro de 2021

Día 8: das 16.00 ás 20.00 horas

Día 9: das 14.00 ás 18.00 horas

Día 10: das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

Agasp

(A Estrada)