Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 24 de setembro de 2021 Páx. 46960

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de setembro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 8 de setembro de 2021 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Abelenda, Comunal de Nieva e Comunal de San Xusto, no concello de Avión.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Abelenda, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Abelenda, o MVMC Comunal de Nieva, pertencente á CMVMC da parroquia de Nieva, e o MVMC Comunal de San Xusto, pertencente á CMVMC da parroquia de Avión (Santos Xusto e Pastor), no concello de Avión, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 24 de xaneiro de 2021, a CMVMC de Abelenda presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2021/rx 123133) relativo a un acto de deslindamento entre os montes veciñais en man común de Abelenda, Comunal de Nieva e Comunal de San Xusto.

Coa solicitude achegou a documentación completa e os arquivos en formato shape da liña de deslinde e dos marcos de deslindamento aprobado.

Segundo. O día 28 de maio de 2021, a CMVMC interesada presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2021/1277300) unha emenda ao requirimento feito polo Servizo de Montes, coa que achegou a acta do deslindamento completo.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 3 de xuño de 2021, considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro acordado ten como inicio o punto 1 que, segundo se indica na acta do deslindamento e no resto da documentación presentada, está situado nun penedo denominado A Laxa da Campaniña.

Desde este punto ata o punto 6 o perímetro estremeiro queda ben definido na documentación presentada coas coordenadas dos vértices da liña poligonal aberta que o describe. A partir deste punto o perímetro estremeiro continúa coa liña poligonal aberta definida polos puntos establecidos pola Sentenza da Audiencia Provincial do 4 de maio de 2016 (nº 160).

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de xuño de 2021:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Abelenda, pertencente á CMVMC de Abelenda, o MVMC Comunal de Nieva, pertencente á CMVMC da parroquia de Nieva, e o MVMC Comunal de San Xusto, pertencentes á CMVMC da parroquia de Avión (Santos Xusto e Pastor), no concello de Avión, de acordo co Informe do Servizo de Montes do 3 de xuño de 2021.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de setembro de 2021

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense