Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 27 de setembro de 2021 Páx. 47055

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se establece o Plan xeral da Inspección Educativa do curso 2021/22.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula no seu título VII a inspección do sistema educativo e establece que corresponde ás administracións públicas competentes ordenar, regular e exercer a inspección educativa dentro do respectivo ámbito territorial.

O Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 9 que a consellería competente en materia de educación fixará periodicamente as liñas e os criterios de actuación da Inspección Educativa.

O Plan xeral da Inspección Educativa é o documento en que se recollen as liñas e os criterios de actuación da Inspección educativa no marco das funcións que ten encomendadas e de acordo coas prioridades establecidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, co obxecto de coordinar globalmente as actividades de supervisión, asesoramento e avaliación que desenvolven os inspectores e inspectoras de Educación.

A partir do Plan xeral e de conformidade co establecido nos artigos 10 e 20 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, as xefaturas dos servizos territoriais de Inspección Educativa elaborarán os plans provinciais de actuación da Inspección Educativa aténdose ás liñas básicas e prioritarias fixadas neste plan, sen prexuízo da marxe de flexibilidade e autonomía que a singularidade provincial exixe para adecuar o plan e as actuacións previstas á realidade educativa da provincia.

Por todo o anterior, ao abeiro do disposto no artigo 9 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, por proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo e en virtude das competencias e funcións atribuídas mediante o Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer o Plan xeral da Inspección Educativa en que se fixan as liñas e criterios de actuación da Inspección Educativa para o curso 2021/22.

Segundo. Liñas estratéxicas

A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional establece as seguintes liñas estratéxicas:

1. Xestionar o sistema educativo no contexto de pandemia.

2. Reforzar a ordenación do sistema educativo para maior avance na súa mellora.

3. Motivar a través da innovación e formación e da transformación dixital da educación.

4. Avaliar para continuar coa mellora continua do sistema educativo.

Mediante o desenvolvemento do Plan xeral da Inspección Educativa contribuirase ao logro destas liñas estratéxicas.

Terceiro. Desenvolvemento do Plan xeral da Inspección Educativa

1. O Plan xeral da Inspección Educativa desenvolverase principalmente mediante as visitas de inspección establecidas no artigo 6 da Orde do 13 de decembro de 2004 pola que se desenvolve o Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cada persoa inspectora deixará rexistro de cada visita a través da aplicación de xestión da Inspección Educativa, XIE (www.edu.xunta.gal/xie).

3. As actuacións establecidas pola Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo contarán con un procedemento para a súa execución e, de ser o caso, un informe específico que deberá quedar rexistrado na aplicación XIE.

Cuarto. Plans provinciais de actuación da Inspección Educativa

1. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa desenvolverán e concretarán, no ámbito provincial, as actuacións que conforman o Plan xeral da Inspección Educativa e asegurarán a súa execución na temporalización establecida.

2. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa trasladarán á Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, a través do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa, actuacións provinciais que redunden na mellora do funcionamento dos centros educativos a nivel provincial, conforme os obxectivos propostos polas correspondentes xefaturas territoriais.

Quinto. Grupos de traballo interprovinciais

1. Crearanse grupos de traballo interprovinciais cun representante provincial de cada área de traballo estrutural, das establecidas na letra a) do artigo 10 da Orde do 13 de decembro de 2004.

2. O representante provincial será proposto pola xefatura do Servizo Territorial de Inspección Educativa correspondente.

3. Estes grupos interprovinciais trasladarán á Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, a través do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa, propostas de actuacións procedementadas que redunden na mellora dos aspectos obxecto de actuación destas áreas específicas.

4. As propostas deberán conter un procedemento común para toda a Inspección Educativa, así como a documentación anexa que permita que as actuacións sexan eficientes e executivas.

Sexto. Seguimento dos plans

1. A Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo realizará un seguimento da execución do Plan xeral da Inspección Educativa, como mínimo de xeito trimestral, realizando as correccións e propostas de mellora que considere pertinentes.

2. As xefaturas dos servizos territoriais de Inspección Educativa, ao finalizar o curso escolar, recollerán nunha memoria anual o desenvolvemento do plan provincial de actuación e trasladarán á Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo as propostas de mellora.

3. A Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo recollerá nunha memoria anual as conclusións máis relevantes da execución do Plan xeral de inspección.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional