Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 28 de setembro de 2021 Páx. 47557

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2021 pola que se convoca a xornada Galicia. Corenta anos de autonomía (1981-2021).

Conforme os fins que asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar a xornada Galicia. Corenta anos de autonomía (1981-2021) de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

A aprobación do Estatuto de autonomía para Galicia foi froito do consenso acadado entre os distintos actores políticos a través dun proceso que comezou cos traballos realizados pola chamada Comisión dos Dezaseis. Esta comisión, integrada por representantes de diferentes formacións políticas con presenza en Galicia, presentou un texto profundamente modificado polo «Relatorio dos nove» e que sería aprobado na asemblea de parlamentarios galegos o 5 de maio de 1979. Xa no seu paso, último, polo Congreso dos Deputados, experimentou novas modificacións derivadas da sinatura do denominado «Pacto do Hostal» en setembro de 1980 que cristalizarían no texto definitivo posteriormente sometido a referendo do pobo galego.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado o 6 de abril de 1981 pola Lei orgánica 1/1981, é a norma institucional básica da nosa comunidade autónoma en que se recoñece a condición de nacionalidade histórica e na cal se afirma que os poderes da Comunidade emanan do Estatuto, da Constitución e do pobo galego. Polo demais, a norma estatutaria procede ao deseño da arquitectura institucional e da estrutura competencial da nosa autonomía, así como á regulación da cooficialidade dos idiomas galego e castelán.

Para conmemorar o corenta aniversario do noso Estatuto celébrase esta xornada dirixida a poñelo en valor e a debater arredor das implicacións do vixente marco estatutario e a súa contribución esencial ao desenvolvemento da autonomía política e do autogoberno, así como a analizar a súa posible proxección nos vindeiros anos.

Canto ao programa, nesta xornada profesionais de recoñecido prestixio e protagonistas tanto dos comenzos como da actualidade da nosa autonomía abordarán diferentes aspectos relacionados coa norma fundamental da Comunidade Autónoma para fomentar o debate e a reflexión arredor de cuestións latentes e retos de futuro do autogoberno.

2. Contidos.

Nesta xornada serán tratados os seguintes temas:

• A autonomía como esperanza de progreso.

• Significado da aprobación dun Estatuto de autonomía para Galicia: do autogoberno ao deseño da arquitectura institucional.

• A descentralización territorial como punto de inflexión do desenvolvemento económico da nosa Comunidade Autónoma.

• Retos, cuestións latentes e propostas de futuro.

• Estado autonómico e evolución política e social: o caso de Galicia.

3. Persoas destinatarias.

A xornada está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes instrumentais, da Administración local, de Xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Datas: 18 e 19 de outubro de 2021.

Lugar: día 18: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela. Día 19: Sala de Arte, Hostal dos Reis Católicos.

Horario: mañá e tarde o día 18, só mañá o día 19.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas.

O número de prazas desta xornada determinarase en función das solicitudes recibidas e da capacidade dos espazos dispoñibles, adaptándose en todo caso ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

6. Inscrición.

1. A inscrición nestas actividades formativas só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica» para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, local, de Xustiza, universitaria ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso» a xornada Galicia. Corenta anos de autonomía (1981-2021).

5. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 8 de outubro de 2021.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación das solicitudes comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas dispoñible.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima dos tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Asistencia e puntualidade:

a) Será obrigatoria a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) Faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización destas actividades.

11. Facultades da EGAP.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública